Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 17 de xaneiro de 2011

A bóla das mentiras crece

No Galicia Hoxe fixéronlle unha entrevista a Jesús Vázquez,  o conselleiro de educación e orientación universitaria.
A entrevista xira arredor do proxecto da chamada Lei de Convivencia e Participación. O titular destaca a seguinte declaración do conselleiro: "A consulta aos pais sobre o idioma é un compromiso que segue enriba da mesa". Despois podemos ler máis declaracións: "A lei ampara que a administración educativa poida solicitar información, nalgún caso será información de carácter orientativo e noutros casos será un grao de vinculación maior. En ningún momento se referirá a aspectos de proxecto educativo". Non se cita ningún aspecto sobre o que se realizarán consultas agás o que xa todos temos en mente, en definitiva, que esta lei está feita ad hoc para xustificar legalmente o funesto decreto 79/2010, o de Plurilingüismo. Disto dedúcese, sen moitas voltas, que desde a Consellería admiten que tal decreto é ilegal e para contruir un búnker de legalidade é para o que traen este novo enxendro. Aínda máis; se un le a xustificación do decreto 79/2010 verá que descansa máis que nada na consulta feita ás familias a finais do curso 2008-2009. Eu invito a todo o profesorado de matemáticas a que use o proceso seguido para realizar esta consulta como o paradigma perfecto do que non se debe facer cando se realiza unha enquisa que pretenda ser mínimamente científica. Todo o que sabe algo de estatística, como por exemplo o presunto sociolingüista Anxo Lorenzo, ten que saber que para obter datos fiables nunha consulta cómpre que a aleatoriedade sexa quen dirixa o proceso de escolla da mostra estatística. No entanto na elaboración daquela consulta achegóuselle o formulario a todo o alumnado do ensino non universitario (de nenos de 3 anos ata mozos de 18). O ambiente social estaba fortemente ideoloxizado precisamente por culpa dos sucesivos anuncios da Consellería de Educación da realización dese cuestionario e do seu uso para derrubar o anterior decreto de uso do galego no ensino. Este feito non axuda en nada á recollida de información sociolingüística, como tampouco era axuda a redacción partidista das preguntas. Só un comentario máis, sirva como exemplo que o centro no que eu traballo, con 500 alumnos, só se devolveron 50 cubertas. Alén do xa comentado, non había ningún método no proceso de recollida das enquisas para que os pais con varios fillos non cubriran tantos cuestionarios como fillos tiñan,... etc., etc,... Non é de estrañar que ao final ninguén soubese cales foron os (erróneos) resultados de tremendo disparate que xa figura nos exemplos das monstruosidades realizadas baixo a desculpa de estar realizando un estudo estatístico.
Agora, con esta entrevista,  revélase que aqueles que promoveron a realización deses cuestionarios ás familias, sabian que os mesmos non tiñan sustento legal, por iso mentiron cando se realizaron. Tamén sabían que non se sostiña a xustificación do decreto 79/2010, por iso mentiron durante todo o proceso da súa tramitación e seguiron facéndoo cando o aprobaron . Actualmente minten, e a bóla das mentiras como se fose unha bóla de neve, faise maior que nunca, porque coa desculpa de que nun instituto hai algún pai que debece porque o seu fillo vista de uniforme ("xa hai un caso", di o señor conselleiro), venden unha lei que pretende tapar toda esas mentiras para o que constrúen a maior de todas elas e presentan así un entramado lexislativo que non arranxa ningún problema para forzar con calzador e a posteriori a legalidade da diminución drástica do uso do galego precisamente onde máis presente debería estar: no ensino.
Pois nesas andamos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario