por Xosé Manuel Sánchez Rei, profesor da UdC, en Terra e Tempo:
Hai unhas semanas chamabamos a atención sobre a necesidade de utilizarmos unha lingua de calidade, destonada de españolismos e harmónica coa súa tradición histórica. Daquela sinalabamos que un dos principais problemas que ten o galego nos nosos tempos é a súa confluencia, por hibridación, co español. E esa mestura, se se non fixer algo ao respecto, pode acabar nunha sorte de castelán dialectal con algúns trazos galaicos que lle darían cor e exotismo. Nesta ocasión, imos aprofundar máis un pouco nesas cuestións a facermos fincapé en varios aspectos que nos poden coadxuvar a mellorarmos a utilización da lingua. Non aspiran a ser remedios infalíbeis, pois vira unha tarefa imposíbel acharmos solucións acrónicas modelares para o conxunto de galegofalantes, mais tencionan, iso si, serviren como punto de reflexión a respecto de que mananciais debemos beber para conseguirmos unha maior calidade no emprego diario do idioma. Antes de entrarmos neses aspectos, podemos sintetizalos como segue: a) unha propositada vontade de empregarmos unha lingua de calidade; b) atención á lingua popular sabéndolle limpar os elementos foráneos; c) atención aos textos da literatura tradicional, produto igualmente desa lingua popular, mais tamén coa previa cautela diferenciadora do que é lexítimo e do que non; d) ponderación da valiosísima ferramenta da literatura da Idade Contemporánea; e) atención ás varidades lusitana e brasileira do noso mesmo tronco lingüístico; e f) a consulta puntual de obras especializadas.
Para conseguirmos ese propósito, debemos ter en conta que a lingua, parafraseando as palabras de Ricardo Carvalho Calero, é un asunto demasiado serio para o deixarmos nas exclusivas mans dos filólogos ou lingüistas. Quere isto dicir que non é patrimonio exclusivo de persoas formadas en gramática, en lingüística ou en filoloxía. A lingua ten unha elementar dimensión social e é por este motivo que pertence a todos os seus utentes. Ás veces escoitamos sentenzas do tipo Eu non son lingüista ou Os lingüistas e filólogos son os que deben utilizar o galego con propiedade e non nós, que non nos dedicamos a iso. Evidente e felizmente, nin todas as persoas que habitan a Galiza son lingüistas, nin compete exclusivamente aos especialistas un uso da lingua libre de influencias alleas, pois o idioma é o milenario produto da transmisión xeracional que tenciona continuar a se perpetuar de idéntico xeito. Querermos gozar de boa saúde non é desexo inherente das persoas que traballan na sanidade, conducirmos unha motocicleta harmonicamente e sen riscos non é típico só das persoas das autoescolas ou levarmos unha vida sen delinquir non ten de ser asociado unicamente ás coñecidas como forzas de seguranza, aos xuíces ou ás xuízas. Analogamente, empregarmos o idioma con propiedade, mellorándomos o seu uso de maneira constante, non pode ser dereito e vontade daqueles individuos que profesionalmente se dedican ao seu estudo ou que leccionan aulas de lingua, mais ten de se poder verificar no resto da sociedade.
Dito isto, e aínda que poida parecer obvio de máis, a primeira reflexión que queremos sinalar asenta nunha necesaria actitude de compromiso cara á lingua no referente ao seu uso. Isto significa que é preciso partirmos da vontade individual, principio que ten de servir como motivación inicial. Non se trata de mellorar noutras ordes da vida? Acaso non se condensan esforzos na consecución de certas metas consideradas mellores que estadios anteriores en certos ámbitos (laborais, profesionais, académicos etc.)? Pois coidamos que debemos actuar de parecido modo coa lingua, xa que, para alén de ser un mecanismo de cohesión social útil para interaxirmos con ela na nosa praxe diaria, é a entidade que nos identifica como membros do pobo galego. Pensemos en cal é o motivo de podermos detectar españolismos sabéndoos como tales: talvez costume, acaso desleixo, quizais falta de vontade de rexeneración da lingua, se callar pouca consideración co propio idioma, se cadra infravalorización? Algunha destas explicacións vira o suficientemente poderosa para continuar a xustificar a utilización dese léxico estraño ou desas estruturas foráneas? Non parece abondar mudarmos unhas cantas palabras españolas que temos incrustadas polas correspondentes galegas, mais ten de se abandeirar unha actitude que tencione varrer toda a presión externa e que nos posibilite gradualmente aproximármonos do ideal de lingua a que aspiramos. É certo que por moitos anos que vivísemos nunca dariamos chegado a dominar completamente mesmo o propio idioma, fose este o galego, o italiano ou o francés, mais isto non debe servirnos como xustificación para non perseguirmos ese modelo lingüístico digno.
Outra recomendación que se podería formular desde aquí céntrase na atención á lingua popular, nomeadamente a das persoas de idade. É certo que as variedades coloquiais e populares son presentemente as que máis sofren a erosión do español, mais, se formos capaces de separarmos o que lles é alleo e de nos fixarmos na súa enxebreza, teremos nese campo unha importante fonte de (in)formación lingüística: construcións sintácticas, fraseoloxías, léxico etc. Trátase, en definitivo, dunha praxe xa defendida por importantes referentes da cultura e da literatura galega contemporánea. Así, Rafael Dieste comentaba aló pola década de 20 do pasado século que o pobo é un verdadeiro mestre "en cousas da fala cando sabemos escoitalo e temos tino de abondo" para escolmarmos o bo e rexeitarmos o desnecesario. Por seu turno, Losada Diéguez salientaba a validade da expresión popular e a súa posíbel proxección en rexistros non estritamente populares tamén por aquelas datas, ao paso que Fole, xa nas décadas de 50 e 60, ponderaba a necesidade de conceder especial ouvido a esas modalidades de galego enxebre.
Como resulta obvio, nin todo o elemento popular debe ter proxección nun modelo de lingua culto, pois para iso xa están os diferentes rexistros e situacións comunicativas, mais o certo é que o galego, que se mantivo practicamente sen cultivo literario desde o século XVI até ao XIX, soubo nalgunha medida compensar esa falta de textos escritos cunha expresividade oral e cunha literatura tradicional dignas de nota. Así, en moitos dos cantares compilados por Pérez Ballesteros e publicados nos anos 1885 e 1886 aparecen estruturas morfosintácticas e unidades lexicais que caracterizan as tales manifestacións líricas por teren unha notábel enxebreza idiomática; nesas estrofes transmitidas xeracionalmente, que constitúen por tanto unha das manifestacións da lingua popular máis xenuínas, poderemos obter modelos lingüísticos merecentes de seren imitados: Teño de ir (en vez de Teño que ir, hoxe máis habitual), cuarta feira (hodiernamente máis usado mércores), Viaxarei cando puider (hoxe en día *Viaxarei cando poida), A lei que me tes (máis frecuente actualmente O respecto que me tes), Por lle dar (presentemente máis detectábel Por darlle), Con licenza (actualmenteCon permiso), Dá memorias á familia (na actualidade moito máis común Dálle recordos á familia) etc.
Falarmos de manifestacións literarias lévanos a salientarmos máis unha fonte de relevante (in)formación lingüística, cal é a constituída polos textos da literatura clásica de autor dos séculos XIX e XX. Con efecto, sabéndomos identificar o que puider haber de foráneo nesas obras, teremos no legado de Rosalía, Blanco-Amor, Cunqueiro, Curros, Fole, Lamas, Manuel María, Novoneyra, Otero Pedrayo, Pondal, Risco etc. preciosas fontes para aperfeizoarmos o emprego do idioma. Por que motivo resulta en ocasións máis 'enxebre' a lingua, por exemplo, de Blanco-Amor, cos españolismos que tiver, que a linguaxe literaria de autores e autoras da nosa época, sen influencias foráneas, embora cunha sintaxe descafeinada, en liñas xerais concidente coa do castelán? Con isto non estamos a criticar as preferencias de uso que os escritores ou as escritoras puideren escoller para a elaboración dos seus textos, mais, en xeral, achamos en falta esa marca de autoctonía lingüística que se detecta nos máis dos textos modernos.
Máis un consello que se pode sinalar aquí é a necesaria atención ás variedades lusitana e brasileira da nosa lingua. Con frecuencia, moito léxico e moitas posibilidades de construcións sintácticas foron reintroducidas no galego grazas á súa vitalidade en Portugal, no Brasil ou nos países en que o portugués é lingua oficial. Unidades como carimbo, deus/a galego/a,Galiza, igrexa, orzamento, pobo, xanela etc. son palabras que se recuperaron desde o portugués dos nosos tempos e/ou desde a lingua antiga. Temos, por tanto, unha poderosa axuda nas variedades de galego-portugués que se utilizan no mundo para mellorarmos a nosa praxe cotiá do idioma. E, nestes medios, que pobo non se sentiría orgulloso de ser o berzo en que naceu unha das linguas máis faladas do mundo? Aproveitemos, pois, ese ricaz manancial que nos ofrece o galego nas súas variedades máis internacionais, identificadas comunmente co nome de portugués. Vira curioso que canta maior for a vontade de empregarmos unha lingua de calidade, o produto resultante máis se parecerá á tradición histórica do galego e tamén ás modalidades actuais de portugués...
Finalmente, cómpre termos presente que, para utilizarmos o mellor posíbel unha lingua, o continuo aprendizado pasa por a empregarmos de xeitos talvez inapropiados ou pouco acaídos nos momentos iniciais. Isto é común para todos os idiomas do mundo e así pode constatarse en cada realidade lingüística particular. Mais, de as dúbidas se proxectaren sobre a nosa práctica, contamos hoxe en día con obras especializadas que son capaces de solucionaren eses momentos de hesitación: "Como debemos dicir, Teño que lle dar ou Teño que darlle?", "Como se di en galego, coello ou conexo"? A estas preguntas dan resposta fácil as gramáticas modernas e as obras lexicográficas actuais, que souberon situar o galego á mesma altura que outras linguas do noso contorno no tocante a rigor científico, pesquisa lingüística e compromiso investigador co idioma. Así pois, cando tivermos dúbidas, consultemos eses textos, que os hai de moitos tipos e destinados a públicos ben diferentes: para o estudantado do ensino medio, para o alumnado universitario, para un público máis xeral e menos familiarizado con este tipo de traballos etc.
En fin. Estes seis aspectos tentaron servir como ilustracións para así podermos aperfeizoar a nosa lingua na praxe diaria. Obviamente, algúns deles estarán máis ao alcance de certos grupos de falantes e outros serán máis ou menos doadamente asimilábeis dependendo dos utentes. De calquera modo, perpasa todos eles a vontade e o compromiso co idioma e coa súa utilización modelar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario