De 1989 a 1993, foi codirector e copresentador do programaOs mundos de Horacio Oliveira, en Radio Ecca, un espazo de contidos literarios e musicais que lle permitiu entrar en contacto co sempre esvaradío terreo da crítica. En 1994 publica a súa primeira novela, Os ollos do rei de copas, en Ediciós do Cumio. Nos anos posteriores, publica novas novelas: Licor de abelá con xeo (2006, finalista do Premio Lueiro Rey),Os mércores de Fra (2006, Premio Risco) e Os nomes do traidor (2008). Ata o momento, a súa última entrega narrativa é Os fíos (2010, Premio Repsol).
Amigo Xurxo, senón toda, unha parte de Zamora, onde ti moras, está fondamente enraizada con Galicia (ou Galiza), supoño que diso es consciente ti e moitos zamoranos por obriga que non por devota cultura. Tanto é así que, en boa parte da actual provincia nome e división "administrativa" da que non gusto especialmente, a fala e a antropoloxía cultural son nitidamente galegas, formas dialectais do galego, étimos "locais", como calquera outra variante do noso idioma, tanto fonética/fonolóxica mesmo dentro dos actuais lindeiros da Galicia "oficial" hoxe. Claro que para min defunta escola filolóxica española, xamais foi proclive –por factores extralingüísticos-, de aceptar as diferentes morfoloxías ou grafías, así como outras formulacións fonéticas propias da cultura galega, e en función disto defenderon primeiro, "disparates dialectais do castelán (español) imposíbeis de soster filoloxicamente falando. Recoñécese un perdido leonés, así como a lingua das Terras de Sayago actuais, lingua que se dá por desaparecida. Un entende o saiaghes ou saiagués, como galego-portugués da rexión do río Douro, en Portugal o idioma actual e en Zamora o castelán ou español imposto tamén durante séculos. As consecuencias inmediatas, foron e son:A) Chamarlle dialecto español a todo que non fose de orixe; observése o flagrante caso do bable, dentro da galegofonía, instrumentalizado por Castela, ergo España; B) de aí e para contribuír á morte do galego xa non dentro das súas propias fronteiras actuais, senón no alén antigo de si: Bierzo ( nalgúns documentos Berzo) con máis éxito do primeiro nome. Mudados os tempos, despois do "café para todos" chegou o que só os "rudos e ignorantes" negan; estólidos ou estultos de todo tipo, con ou sen titulación académica, pero isto xa é fariña doutro muíño. Desculpa a miña introdución á conversa, de maneira que solicito agora a túa reflexión a este propósito, serve, Xurxo?
Máis alá da conversa filolóxica, que pode axudar a pasar estas frías tardes de inverno, hai outra realidade, que se cadra non nos gusta tanto, pero que é innegable. O galego, nas súas variantes leonesas e zamoranas, tamén está a desaparecer. Nestes once anos e pico que levo vivindo á beira do Douro, coñecín xente nova, algúns de terras bercianas, outros de localidades tan fermosas como Lubián ou Chanos, moi pretiño do Padornelo, que escoitaron falar en galego a seus avós ou mesmo a seus pais. Pero eles, os da seguinte xeración, esa que agora sae da universidade e ingresa na vida laboral, xa non teñen nin dominio nin interese ningún pola lingua herdada. Algúns, nos momentos de certo acougo sentimental, atrévense cunha cántiga aprendida nas xuntanzas familiares. E máis nada. Non nos debe sorprender: é o mesmo proceso ao que asistimos en Galicia dende hai décadas.
Unha pregunta máis breve; para salvar o catalán, éuscaro e galego é necesaria unha inmersión lingüística ad hoc, como propón o nada sospeitoso profesor Blecua, hoxe presidente da RAE?
Voume limitar ao galego, porque creo que as semellanzas cos casos éuscaro e catalán son ben poucas. Para salvar o idioma galego debería haber un pobo galego que quixese sobrevivir. Desafortunadamente, creo que non se dá esta premisa imprescindible. O pobo galego, se é que existiu algún día, decidiu suicidarse como tal, e para iso empezou por prescindir do seu maior sinal de identidade, a lingua. Nestas condicións, calquera política sociolingüística está condenada ao fracaso, veña de quen veña.
Dicir que detrás da proposta inmersión lingüística existen "escuros intereses económicos" é un disparate antolóxico, pero asegurar "que o galego está monopolizado por grandes intereses económicos", transcende a capacidade imaxinativa de calquera clase de delirio; non é?
Se existen eses intereses económicos, que alguén me dea contas do diñeiro que deixei de ingresar nos últimos vinte anos. As persoas que falan así non só amosan unha evidente mala fe, senón que poñen de manifesto unha profunda ignorancia. O galego, por moitos anos de autonomía e outras lerias que levemos, segue a ser, cada vez máis, un territorio tristemente reservado á militancia, ao compromiso lingüístico, sempre desinteresado e ruinoso. Quen o queira mesturar con liortas ideolóxicas vai moi enganado. E quen pense que se lle pode tirar beneficio á cuestión sociolingüística está moi preto de ser un parvo, por moito que queira adornar os seus argumentos con citas de John Stuart Mill.
Ningún comentario:
Publicar un comentario