por Miguel A. Fernán Vello, no Galicia Hoxe:
¿Que está a acontecer nos días que corren en moitas escolas de Galicia e sobre todo naquelas emprazadas no ámbito rural? Vexamos algún caso. Unha nena galegofalante dunha pequena aldea da provincia da Coruña comeza a ir á escola con tres anos e a mestra, neste caso, natural de Madrid, decidiu non utilizar o galego na súa actividade docente, sendo así que aos poucos días a nena en cuestión comeza na súa casa, para sorpresa dos pais, a utilizar o castelán. A mestra leva residindo en Galicia, disque, tres anos e pediu praza mesmo, por comodidade á hora do desprazamento, nunha escola rural, mais a súa "ética pedagóxica" -¿existirá tal cousa no seu universo intelectual e profesional?- nunca incluíu a aprendizaxe do idioma galego, lingua que falan de xeito natural os nenos e as nenas que ten baixo a súa responsabilidade. ¿Que fan os pais? ¿Que fai a inspección? Xa se sabe, moitas veces non se fai nada. E o tempo vai pasando. E a nena xa fala castelán, e xa di "gallina" e "leche" aínda que ela pense nas galiñas e no leite da súa vaca preferida. E a mestra tan tranquila, mesmo moi satisfeita: ¡total para que vale esa fala de aldeáns que non ten futuro! Xa ven vostedes. Mais vexamos outro caso. Un neno, tamén galegofalante natural, vese obrigado a cambiar de escola, por traslado de domicilio dos pais, e agora a mestra que lle tocou -unha señora con moita experiencia laboral ás súas costas- non fai máis que dicirlle, subindo ao máximo o ton da súa voz, que non fale galego, que ela dá as clases só en castelán. E punto. O neno non entende nada e comeza aos poucos días, vítima do desprezo e da imposición da mestra, a manifestar problemas de ansiedade e inadaptación. A inspección non sabe, non contesta. E os pais, moi preocupados, están a estudar medidas de denuncia formal diante da Xustiza. Casos como estes que eu coñezo persoalmente acontecen en Galicia todos os días. Triste país o noso, tripado pola historia e tripado polo presente. A violencia exercida contra o idioma propio de Galicia continúa..
Ningún comentario:
Publicar un comentario