Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 8 de xaneiro de 2011

Inmersión lingüística

por F. Martínez Hidalgo, no Xornal:

Por moi estrano que pareza, a inmersión lingüística acontece ao noso arredor practicamente a diario. En ocasións, mesmo pagada con cartos públicos ou fomentada polas familias con gran gozo pola oportunidade de aprendizaxe que supón esa inmersión. Mergullámonos cando enviamos os fillos a estudar un idioma ao país nativo, cando participamos nun tándem no que creamos un ambiente monolingüe alleo ao noso, ou cando aprendemos dentro dunha aula onde se fala nun idioma distinto ao nativo ou ao familiar. Cantos alumnos dunha Escola Oficial de Idiomas (EOI) non realizan este tipo de mergullos todos os días?
No entanto, e por desgraza, non todos somos Jacques Cousteau. Hai xente á que non lle gusta vivir na variedade e aprender do moi distinto a nós que nos rodea, abrindo os ollos á marabilla do ancho mar. Viven contentos na temperatura tépeda e agradable da súa charca, sen ansia ningunha por mirar alén do seu propio nariz. Unha actitude ignorante e timorata disfrazada e alentada con bastante pouco rubor, como un glorioso acto de liberdade. Como o Carl Fredricksen de Up, feliz como unha perdiz por poder quedar pechado na súa casa, illado do mundo e irresponsable diante das obrigas que implica o vivir e o convivir en sociedade.
O caso galego ten, se cadra, unha maior importancia porque a lingua galega non é unha lingua allea, e xa que logo os ambientes galegofalantes tampouco son estraños nin impropios. Quizais por iso non me pareza axeitado falar, no caso da política lingüística galega, de inmersión. Non se trata de reproducir ambientes inexistentes en Galicia. Tampouco estamos falando de aprender unha lingua estranxeira, nin inaccesible na nosa vida normal. Quen queira aprender galego nun entorno galegofalante pode facelo sen problemas nin dificultades.
A ghetización deses ambientes é o que fai necesario, quizais, adoptar estratexias destinadas para linguas e contextos moi distintos ao noso. Pois se, como din algúns, entre galego e castelán non hai relación de estranxeiría, o preocupante é que entre elas si manteñen esa relación de facto. Os ambientes galegofalantes son un estrano para unha parte da poboación de Galicia: desinteresada en participar e menos aínda en aprender. Cando asumamos o alarmante destas actitudes sociolingüísticas, mesmo para o principio democrático básico de convivencia na diferenza, estaremos preparados para apostolar sobre políticas lingüísticas, non antes. A inmersión lingüística non é ­unha estratexia propia de contextos como o noso, pero si é inevitable para situacións sociolingüísticas como a nosa. José Manuel Blecua, novo director da RAE, veo claramente. Méndez Ferrín, director da RAG, tamén.
Unha base de acordo o suficientemente clara e significativa non só para acabar con dúbidas e discursos absurdos, senón para sentar bases de diálogo sen complexos e abrir unha nova etapa de colaboración normalizadora fundamental. Consolidando estratexias sen estridencias e espazos libres de demagoxia, poñendo en primeiro plano o diálogo plural, acurralando a pseudoliberdade irresponsable e insolidaria e abrindo quizais unha nova etapa para as políticas normalizadoras. Unha oportunidade é unha esperanza, pero só con valor e acción as esperanzas chegar a ser realidades. Hai moito aínda por facer.

Ningún comentario:

Publicar un comentario