Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 5 de xaneiro de 2011

O quinto postulado da Consellería de Educación.

A Consellería de Educación acaba de anunciar que pretende aprobar a chamada "Lei de Convivencia e Participación". É significativo que no comunicado da noticia deixen para o final a información de que esta lei "regulará tamén a consulta e participación directa das familias no proceso educativo".
No século III a.C. o matemático Euclides deixou para a posteridade redactada unha enciclopedia das matemáticas do seu tempo titulada Elementos. Hoxe considérase que esta obra de Euclides estaba formada por 13 libros estruturados dunha forma ben curiosa: usaba o método axiomático. Partindo de cinco axiomas ou verdades indubitables, construía por dedución o resto da xeometría. Euclides deixou un dos seus axiomas para o final, por iso o colocou no últimos lugar dos seus cinco axiomas; é o coñecido como quinto postulado e que segundo unha interpretación moderna poderíamos enunciar como segue: "por un punto exterior a unha recta só podemos trazar unha paralela". As razóns de que isto fose así é que Euclides non estaba moi seguro de que este postulado fose independente dos outros, polo que na redacción dos Elementos intentou demostrar todos os teoremas posibles sen ter que botar man del. Deste xeito os primeiros 28 resultados dos Elementos foron elaborados exclusivamente cos catro primeiros axiomas. Para poder continuar avanzando no estudo da xeometría non tivo máis remedio que introducir o quinto, moito ao seu pesar.
A sociedade galega manifestouse o último ano, unha e outra vez, de múltiples formas, en contra do ataque que desde o goberno da Xunta se está a levar a cabo contra a lingua galega. Por iso desde a Consellería de Educación na presentación desta nova lei , non tivo máis remedio que introducir ao final, o máis escondida posible, a información sobre que o articulado da lei que acaban de presentar referente á intervención das familias no sistema educativo. Intervención que se vai resumir nun único punto, o de xustificar a consulta aos pais sobre a lingua en que queren que se impartan as materias aos fillos e que o Consello Consultivo xa dictaminou que era  contrario á lei. A introdución deste punto é un dos axiomas da política lingüística desta Xunta, os outros catro son os seguintes:
1. Eliminar todas as prescripcións de uso do galego na administración.
2. Identificar uso do galego con imposición e uso do español con liberdade.
3. Facer uso público do castelán desde as institucións, cando haxa  a menor oportunidade para reducir o prestixio do galego e cargalo, aínda máis, de prexuízos.
4. Reducir a Secretaría Xeral de Política Lingüística a usos folclóricos.

2 comentarios:

  1. Certo, certo... certísimo!
    Parabéns polo artigo.

    ResponderEliminar
  2. Grazas por ver nisto que puxen por aquí algo con sentido. A pena é que non tiven tempo de escribilo con máis tempo para que fose máis claro e estivese máis redondo e mellor escrito.

    ResponderEliminar