Que no Senado se falen as catro linguas do Estado é realmente innecesario. Tamén a propia cámara senatorial, tal como funciona na actualidade, é innecesaria. Como é innecesario que nos balcóns e tellados dos edificios oficiais ondeen as bandeiras. Como é innecesario que os escudos representativos do Estado, das comunidades, provincias e concellos teñan os seus espazos propios. Como é innecesaria a interpretación dos himnos. E innecesarios son infinidade de símbolos e actos que determinan a configuración da identidade dos pobos. Innecesarios, naturalmente, desde o punto de vista unificador e alienador, como era aqueloutra España, unha, grande e libre, pola que aínda suspiran algúns dirixentes deste país, decididos a revirar o Estado das autonomías coa coartada da crise.
Que a cámara de representación territorial fale as catro linguas do Estado plurilingüe podémolo considerar ridículo, pero de momento é bo para evidenciar unha realidade que algúns, especialmente no PP, están dispostos a negar. Ese Senado innecesario acaba de converterse nun símbolo dun valor incalculable para un mellor coñecemento e o entendemento das xeracións futuras. Todo o contrario dos argumentos que esgrimen o detractores da fórmula.
Ningún comentario:
Publicar un comentario