Entrevista de Manuel Vidal Vilaverde, desta vez con preguntas sorprendendtemente curtas para o que nel é habitual, a Francisco Castro, quen alén de náufrago é escritor, editor e presidente da Galix
Francisco, se collemos como referecia os últimos dez anos das nosas vidas, e con respecto á evolución e situación da lingua galega, dende todos os ámbitos susceptíbeis de ter en conta á hora de facer resumo e balance, cal sería para ti a reflexión verbo do pasado, así como o futuro que nos agarda aos galego falantes nunhas circunstancias –ao meu ver e sentir– cada vez máis adversas?
Teño unha amiga que o outro día se definía como “ilusionada pero sen facerse ilusións”. Pois eu igual. Quero dicir, que eu son de natural optimista. E tamén optimista á forza, porque coido que o pesimismo leva ao suicidio, e é algo que non nos podemos permitir como país. Non teño outro remedio, como escritor, como editor, como pai, como persoa, que ser optimista e seguir apostando por esta lingua, incluso e a pesar de que moitos galegos e galegas non apostan por ela. A situación véxoa complexa, pero só se temos fe no futuro imos poder gañar esta batalla na que, a priori, temos todas as de perder. E eu non faría a reflexión verbo dos últimos dez anos, senón que levaría o asunto máis atrás. Teño a sensación de que nos anos oitenta do século pasado, cando eu era un adolescente, a sociedade era moito máis sensible fronte do galego que hoxe. Cústame entender que saian novas que falan dunha posible extinción da lingua e non pase absolutamente nada. Estou certo de que se perigase a costa galega, ou o marisco, ou a moda galega, sairían todos en masa a protestar. Pero este país é sabedor de que pode perder o máis propio, a lingua, e non se rebela diante dese futuro tan escuro.
Dende a inmersión lingüística proposta por nós hai tempo, e que agora mesmo avalía o profesor Blecua, actual presidente da RAE, e polo tanto nada sospeitoso para nós-outros, pero si, seguro, para o reaccionarismo españolista e condutual do PP as FAES aznarianas etc., é esta Francisco, unha solución posíbel para manter vixente e vigoroso o noso idioma?
Non é que sexa unha solución posíbel, e que é a única solución posíbel. Non pode haber outra máis que a inmersión. Cando enviamos os nosos fillos e fillas a estudar fóra esperamos que aprendan o idioma porque se meten dentro del, a inmersión aí é total. Non esperamos que lles falen tres horas á semana, como propoñen algúns, nunha escola, e que logo o resto da vida se faga noutra lingua. Para min a inmersión ten que ser absoluta en especial agora que todo vai en contra. Para os pequechos, por exemplo, a presión dende o audiovisual é terrible. Hai unha morea de canles de debuxos animados en castelán. Como eu digo sempre, é moi difícil loitar contra Pocoyó ou Bob Esponja. E sobre o que comentas do PP e as FAES etc, eu sempre digo o mesmo, e digo dende unha absoluta honestidade: estou convencido de que non todos os votantes do PP aproban o lingüicidio que ás veces demostran algúns dos seus dirixentes. O que non sei é por que ninguén o di. E iso é o que, por certo, nos mata á esquerda: que andamos a piñas e sábeo todo o mundo…
Outra cousa que levamos cavilando hai xa tempo, pero que o PP –e se queres tamén o PSOE– coa aquiescencia tan parva como mol de certos/certas galeguis tas/nacionalistas “bempensantes”, “tolerantes” e así; outra cousa é, digo, que se non cres ti que sería mellor unha discriminación positiva a favor do galego, dada a situación de desequilibrio e inxustiza. Así, Francisco, aínda non gustando da palabra discriminación polo seu connotado tremendismo, non atopo resposta mellor ca esa que digo, dado o panorama actual. É, ao meu ver, unha das alternativas xa non á Lei de normalización lingüísta feita desaparecer polo exabrupto atrabiliario do PP do Núñez Feijóo e os seus asesores; nunca a imposibilidade do bilingüísmo harmónico ou cordial, dúas opcións disparatadas, e moito máis ese trilingüísmo esperpéntico, que nos fai chegar –a min non– ao bilingüísmo restitutivo que como dubidosa solución propoñen algúns lingüistas, cos que por suposto eu compartillo a súa “opinión”. A inmersión pois, é hoxe a única saída viábel. Agradeceríache, Francisco, a túa opinión despois desta miña longa reflexión.
Pois sinceramente non estou a favor dunha discriminación positiva. Como ben dis, aceptar unha discriminación implica aceptar unha especie de situación, insisto, aceptada de inferioridade, e aínda que sexa así na praxe, o certo é que debemos aspirar, dende o comezo, a que non o sexa. Explícome: a min abondaríame con que se cumprisen as leis, todas, dende a Constitución para abaixo, para que de verdade o galego e os que nos expresamos e educamos os nosos cativos e cativas en galego tiveramos liberdade verdadeira dentro do noso país. Quero dicir, que é unha realidade obxectivamente comprobable que vivindo en galego case que todas as cousas se nos poñen máis costa arriba. A ver canta xente pode superar unha entrevista laboral entrando pola porta en galego. A ver canto se liga en galego en cidades como A Coruña ou Vigo…Temos que dar explicacións decote de por que falamos galego… en Galiza! Alucinante. O que habería que explicar sería falar en búlgaro neste país. Sobre isto comentarei como unha vez me pararon na rúa do Príncipe de Vigo os de Galicia Bilingüe para explicarme a súa campaña e todo iso. Pasei de parar, claro, pero a señoriña que me abordou dicíame, en castelán, como non, que eles esixían que o cincuenta por cento do ensino fose en galego. Eu botei un “¡oxalá!” porque xa sería moitísimo dada a situación na que vivimos. Eu aspiro, claro, a un cento por cento. Non quero nin bilingüismo nin polilingüismo por definición. Falar moitas linguas é san, valioso e bo para calquera persoa, galega ou filipina. Pero facer gravitar a vida cultural ou educativa arredor de linguas de fóra é, cando menos, discutible. As grandes institucións educativas internacionais teñen opinado claramente sobre isto. E sempre a favor da potenciación da lingua propia do país.
Ningún comentario:
Publicar un comentario