Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 12 de xaneiro de 2011

Os nosos topónimos, parte do noso ecosistema

por Francisco Xosé Rei García, en Terra e Tempo. Trata o recurrente tema da toponimia a raíz dunha exposición que houbo na Coruña baixo o título Toponimia Galega Castelanizada, da que eu destacaría a unidade didáctica realizada pola profesora Luísa Diéguez

Vén de se clausurar na Coruña a exposición Toponimia galega castelanizada, mostra fotográfica impulsada pola profesora de Lingua e Literatura Galega Luísa Diéguez, do IES Rafael Puga Ramón desta cidade; posíbel grazas ao constante traballo desta docente e ao do seu alumnado. O resultado dun labor que consistiu en ir fotografando, unha a unha, as millenta burramias que case trinta anos despois da aprobación da Lei de normalización lingüística -cuxo único artigo prescriptivo sinala que todos os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega- persisten nos nosos ecosistemas, nun evidente paralelismo coa contaminación do noso medio natural, que tanto amola, ou do feísmo urbanístico. 

Á Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, dirixida pola nacionalista Ermitas Valencia, témoslle que agradecer a súa decisión á hora de posibilitar que este tipo de iniciativas cheguen á xente a través dos espazos públicos municipais -algo absolutamente insólito nesta cidade hai ben poucos anos -e tamén a súa clareza e sinceridade á hora de recoñecer, sen ambaxes nin panos quentes, que a súa marxe de actuación é forzosamente limitada cando se trata de evitar que A Coruña siga a ser, como de feito é, a capital galega da toponimia deturpada. Sobre todo se hai unha parte do goberno municipal que se comparte que non quere que a deixe de ser. 

A exposición Toponimia galega castelanizada inclúe entre algunhas das súas fotografías exemplos do tardofranquista nomenclátor urbano da Coruña: as arquicoñecidas "calles/rúas" que poboan toda a nosa xeografía, acompañadas de exemplos paradigmáticos dunha realidade que permanece, polo momento, inalterada: Noya*, Puentedeume*, Río Jallas*, Villa de Lage*, Río Anllones*, Mellid*, Plaza de Orense*...

Porén, a mostra pretende ofrecer unha realidade máis global que non se detén no universo concreto dunha vila ou cidade: surxe, obviamente, da Coruña, onde o debate sobre a cuestión toponímica é sobradamente coñecido, mais pretende demostrar que a vulneración da legalidade permanece no conxunto do país, máis ou menos adurmiñada e evidente, a pouco que se mire. E o que é peor: consentida, asistida ou directamente promovida polos mesmos poderes públicos que teñen o deber de promover o galego e de facer cumprir o exiguo marco legal: concellos, deputacións, a Consellaría de Infraestruturas e Política Territorial da Xunta de Galiza ou a administración periférica do Estado. 

A defensa da ofialidade da nosa toponimia histórica, dos nosos nomes de lugar, non pode ser entendida polo nacionalismo como un debate incómodo, prescindíbel, artificioso nin secundario. Presentar formas deturpadas ou híbridas como "propias" do noso territorio supón, por moi estendido que poida estar o seu uso social, unha falsificación da nosa historia e dunha parte dos nosos ecosistemas lingüísticos. Sería tanto como presentar os eucaliptos como árbores autóctonas ou o contaminante complexo de ENCE-ELNOSA como un elemento constitutivo máis da biodiversidade paisaxística da ría de Pontevedra. 

É evidente que unha parte non menor da ofensiva sen cuartel contra a lingua propia que estamos a padecer vai ir dirixida a intentar "naturalizar" a toponimia deturpada; con máis insistencia a medida que se acheguen as vindeiras eleccións municipais do 22 de maio. Sobre este tema, en consecuencia, habemos voltar.

1 comentario:

  1. Eiiiiiiiiiiiiii Iso estaba en Lalín. Agora xa non está, porque se non xa cha tería mandado hai tempo...

    ResponderEliminar