O Senado español aprobou, a finais do pasado ano, o uso normal, nos seus plenos, de todas as linguas oficiais do Estado español. O día 16 de xaneiro de 2011 as senadoras ou senadores dirixíronse á Cámara Alta en castelán, en éuscaro, en catalán ou en galego.
A xuízo desta Plataforma, a aprobación nesta cámara de medidas legais que permiten o uso de idiomas diferentes do castelán supón un aceno de respecto cara aos seus falantes, tantas veces discriminados ao longo da historia por non se expresar nalgún dos “dialectos” da que chegou a ser considerada como lingua única e obrigatoria do territorio español. Sexa benvida, pois, esta medida, que debería abranguer outros ámbitos, como pode ser o seu uso normal no Congreso dos Deputados, ou que os cidadáns poidamos dirixirnos legalmente a calquera administración valéndonos da nosa lingua propia.
Desde ProLingua queremos agradecer publicamente e felicitar a senadora vasca Miren Lore Leanizbarrutia de Bizkarralegorra, que realizou parte da súa intervención no idioma propio de Galicia. Así recollen os xornais as súas palabras no Senado: “É unha pena que vostede sexa galega e non faga uso da lingua na que Rosalía escribiu tan fermosos versos”.
A senadora referíase á representante do Partido Popular María Jesús Sainz García, elixida pola provincia da Coruña, e que mesmo exerceu no pasado de Conselleira de Educación en Galicia. Maria Jesús Sainz rexeitou expresamente no pleno utilizar a nosa lingua, invocando o castelán como lingua para se entender. A seguir, María Dolores Pan Vázquez, tamén da Coruña e representante do mesmo partido, interveu, coma a súa compañeira, na lingua de Cervantes. A actitude de ambas as senadoras defendeuna o máximo líder do PP, Mariano Rajoy Brey, compostelán de nacemento.
En ProLingua estamos convencidos de que a actitude destas senadoras e do Sr. Rajoy segue ao pé da letra as consignas da FAES, do mesmo xeito que o conxunto do partido ao que pertencen, con honrosas excepcións como, por exemplo, a de militantes da súa organización política que son parte da nosa Plataforma. Desde a FAES promoven abertamente, e non só no terreo das linguas, unha volta ao pasado.
En Galicia estamos a padecer en carne propia estas políticas, o implante das medidas regresivas polas que turra o goberno do Sr. Núñez Feijoo, as cales, ademais da forte contestación social, que levou ás rúas de Galicia as maiores manifestacións da historia a prol da lingua de noso, xa acenderon o farol vermello na comunidade científica de occidente, como se pode ler na tese de licenciatura que dirixe, na Universidade de Bremen, o profesor Klaus Zimmermann, titulada Auswirkungen der neueren galicischen Sprachpolitik im Kontext des galicischen Weltbildes ("As consecuencias da política lingüística galega recente nun contexto do mundo galego"). A súa autora, Zuzana Pesselova, expón que o Decreto do ensino do Goberno Feijóo "corta" un campo do uso do galego (as matemáticas e as ciencias naturais, denominados Loss of existing Domain), de tal xeito que recorta a lingua na súa vitalidade, "porque de facto prohibe a creación da lingua nun campo determinado e prohibe o desenvolvemento libre dos seres humanos", en conexión tanto cos dereitos lingüísticos como cos dereitos humanos.
Eduardo Galeano, no seu libro Espejos, no apartado que lle dedica á fundación dos idiomas nos mitos da creación que naceron no antigo México, escribe estes parágrafos que copiamos textualmente:
Poquito a poco, los pueblos fueron brotando de las bocas de la montaña.
Cada pueblo habla, todavía, la lengua del dios que lo creó.
Por eso las lenguas son sagradas, y son diversas las músicas del decir.
Cada pueblo habla, todavía, la lengua del dios que lo creó.
Por eso las lenguas son sagradas, y son diversas las músicas del decir.
En ProLingua seguiremos a defender arreo a música do noso dicir galego, que non desafina con ningunha das outras músicas do dicir que enriquecen a humanidade. Por iso insistimos en rexeitar con toda enerxía actitudes e políticas xenófobas, síntomas preocupantes dunha estrema posición reaccionaria.
Galicia, 21 de xaneiro de 2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario