Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 7 de xaneiro de 2011

Consultar os pais

por Xosé A. Perozo, no Galicia Hoxe:

O borrador da Lei de convivencia e participación chegou no Nadal, en tempo de vacacións, como vén sendo costume en asuntos de importancia educativa por parte da Consellería do ramo. Non foi un agasallo de Papá Noel nin dos Reis Magos, tampouco un globo sonda para ver que pensan nas aulas, porque os centros estaban pechados. Isto é, recibimos un borrador a traizón e, aínda que debemos amosar prudencia e proceder ó seu estudo para calibrar os pros e contras, semella unha nova manobra de ataque pola retagarda ó ensino público.
A RAG anuncia un estudo respecto da intención da Consellería de Educación de institucionalizar e legalizar as consultas ós pais en temas curriculares como a lingua. Non sei se algunha outra institución entrará a valorar as consultas en temas de organización como o uso de uniformes nos centros, pero estaría ben que sucedese. A coartada de utilizar os pais é indecente e unha trampa con careta democrática. Imaxinan esta práctica aplicada ós centros concertados? Imaxinan un consello escolar ou a consulta nun centro relixioso concertado contra o ensino da relixión? A RAG amosa a súa preocupación en relación coa lingua, pero esta non é máis ca unha lanza da loita da Xunta contra o ensino público, laico e libre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario