Dos últimos anos para acó parézome un pouco ao protagonista daquel célebre anuncio de turróns que chega á casa familiar polo Nadal. Hei de confidenciar que nalgunhas ocasións mesmo me cantaron a cancionciña, con tanto afecto como sorna.
Non foi o caso deste ano, que fun para a Noiteboa con máis tempo, botei unha pequeniña man nos preparativos e saín antes da cea a tomar algo para vivir o ambiente de festa nas rúas. Polas unhas ou polas outras, enleeime máis do previsto así que, cando pasei a porta do fogar, miña nai reprendeume cun sorriso: "Que? Xa era hora de chegares!"
Como gostaría de que todas as persoas que caricaturizan o uso do infinitivo persoal como un invento dos lusistas para forzar a lingua escoitasen a miña nai falar! Conste que o que digo transcende o amor filial...
No momento da cea, puxen o ouvido cun pouco máis de atención e comprobei como as persoas de máis idade que alí estaban sentadas, miña nai e miña tía, utilizaban con total desenvoltura os infinitivos flexionados, en construcións espontáneas que están perdidas ou son moi residuais xa na seguinte xeración alí presente: a miña.
Uns días máis tarde, nunha cea tamén en Ribeira, na véspera de Reis, puiden comprobar con ledicia que este uso espontáneo si se mantén con moita máis viveza en mozas e mozos doutras parroquias do meu concello, como Carreira ou Aguiño. O problema común nestes casos adoita ser que só se utilizan os infinitivos persoais (ou as interpolacións pronominais ou determinado léxico diferente do español...) nos rexistros máis informais, mentres que, as mesmas persoas, nos niveis formais, tanto na oralidade como na escrita, pérdenos. Isto é: que despois dos licores poden animar á concorrencia ao berro de "Xa é tempo de irmos bailar!", mais noutros contextos xa comezan a substituílo por unha outra construción como "Xa é tempo de que vaiamos bailar!", tamén correcta en galego, mais que termina por converterse en empobrecedoramente única debido á presión do español.
Isto que comento a través de dúas pequenas anécdotas é o que conclúen diferentes estudos de Francisco Gondar, de Xosé Ramón Freixeiro Mato ou do Instituto da Lingua Galega: se o infinitivo flexionado presenta hoxe máis restricións do que o portugués na lingua oral non é debido a unha diferenza innata entre o que se fala ao norte e ao sur do Miño, senón ao maior grao de españolización dos falantes en Galiza, que moitas veces ten a ver cunha menor idade dos mesmos. No primeiro volume do Atlas lingüístico galego, sobre morfoloxía verbal, coméntase o caso dalgunha zona do país onde é moi frecuente o uso do infinitivo flexionado, "sendo moi normal en persoas que pasan dos vinte e cinco anos, pero en persoas máis novas non existe o seu uso, debido á forte castelanización a que están expostas". É evidente que a súa perda obedece a causas extralingüísticas. O infinitivo persoal (tamén chamado infinitivo flexionado ou infinitivo conxugado) é un dos trazos diferenciadores do sistema lingüístico galego-portugués, que está presente desde as orixes medievais, como nolo testemuñan os textos máis antigos que se conservan. O seu mantemento é unha das principais balizas para evitar a satelización do galego no español. O seu uso é unha mostra de boa lingua. Lembremos a súa conxugación: Eu facer, ti faceres, ela ou el facer, nós facermos, vós facerdes, elas ou eles faceren.
As normas oficiais do galego, consensuadas en 2003, teñen carácter ortográfico e morfolóxico, polo que non entran en cando nin como se debe usar o infinitivo persoal, alén de recollelo entre os paradigmas verbais e utilizalo na redacción do propio texto. Porén, penso que ten razón Xosé Ramón Freixeiro Mato, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade da Coruña, cando na súaGramática da lingua galega en catro volumes considera que, dada a actual tendencia á diminución de usos do infinitivo flexionado, convén estabelecer o seu carácter prescritivo en determinadas circunstancias. "Se as gramáticas portuguesas non inciden especialmente neste aspecto é por estas formas teren plena vixencia na lingua de alén Miño e por o portugués non estar submetido a interferencias estruturais graves; mais a este lado a situación do galego é diferente e precisa tamén un tratamento específico", conclúe.
Tomo o esquema de prescricións dunha outra obra de Xosé Ramón Freixeiro Mato, neste caso o libro divulgativo Lingua de calidade, especialmente recomendábel para profesorado de galego e responsábeis de corrección de textos. Velaquí os casos en que se debe considerar obrigatorio o seu uso:
1) Cando o infinitivo ten un suxeito expreso no texto, ben sexa diferente ou idéntico ao do verbo rexente (Estares ti alí con eles resultou decisivo; Admitiron de mal grado seren eles os culpábeis).
2) Cando o infinitivo non ten suxeito expreso, mais vai referido a un axente determinado non indicado no contexto (Convén virdes con tempo; Admitiu sermos os mellores).
3) Sempre que o infinitivo for introducido por unha preposición ou locución prepositiva e tiver suxeito propio, aínda que coincida co do verbo principal (Castigoute por chegares tarde; Antes de saírmos de viaxe temos de acabar o traballo).
Se constatarmos que un dos nosos problemas lingüísticos é a perda do infinitivo persoal, deberemos tomalo a serio, exercitármonos e pórmoslle remedio. Non hai aprendizaxe sen atención, práctica e algo de esforzo.
Sabermos usar o infinitivo persoal tamén implica coñecermos en que casos non se debe empregar. O máis importante é cando forma parte dunha perífrase verbal (Temos que saír, non*Temos que saírmos). Ademais, cando o infinitivo está rexido por un verbo modal (querer, poder, deber), sensitivo (ver, sentir) ou causativo (mandar, facer, deixar, permitir e sinónimos), ten o seu mesmo suxeito e vai inmediatamente despois del. Sinteticémolo en que non se debe usar nas perífrases verbais nin cando vai inmediatamente despois do verbo principal e ten o mesmo suxeito ca el. Pode parecer difícil, mais deténdonos nalgúns exemplos constataremos que non o é en absoluto: Queremos cantar, non *Queremos cantarmos; Deixas pasar o prazo e así che vai,non *Deixas pasares o prazo e así che vai, etc.
Afirma Xosé Ramón Freixeiro Mato que "canto máis empregarmos o infinitivo flexionado máis contribuiremos para preservar a autenticidade lingüística". Ten razón. Toda a razón. É hora de o revitalizarmos..
Ningún comentario:
Publicar un comentario