Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 22 de xullo de 2013

O lóxico, o tradicional e o futuro da lingua.

por Susana Méndez no Sermos Galiza:

Na Mesa pola Normalización Lingüística atopabámonos cunha denuncia dunha alumna da UNED, universidade pública onde se emprega a modalidade de ensino a distancia, abraiada porque nun dos manuais que tivo que estudar de cara ao exame dunha materia da carreira de xornalismo se recomendara a futur@s traballador@s dos medios de comunicación empregaren topónimos deturpados como *Orense, *Arteijo ou *Puenteareas baseándose en que son as formas tradicionais para designar as vilas de Ourense, Arteixo ou Ponteareas cando se unha expresa en español. De feito, as palabras textuais do manual en cuestión eran tal que “en España, muchos periódicos, cadenas de radio, televisión, etc., no radicados en Galicia utilizan la forma A Coruña, cuando lo lógico (a negriña é miña), en estos casos, es emplear el topónimo tradicional español: La Coruña”.

Desde logo, a lóxica, cando menos a que eu coñezo, que é a do sentido común e o respecto pola diversidade lingüística nun estado onde coexisten varias linguas, cooficiais, invita a empregar, sexa onde for, a forma oficial, legal e lexítima deses nomes de lugar, que non é outra que a forma galega. Máxime cando moitos dos nomes que neste manual se recomendan foron formulados e introducidos na “tradición” desde unha posición de autoridade, cando non de violencia mesma.
Mais alén de que unha universidade pública recolla nos materiais que prescribe ao alumnado para a preparación duns estudos (aos que se lles presupón un certo rigor) formas toponímicas deturpadas e recomendacións para empregalas “ilegalmente”, hai algo que me preocupa moito, e é o feito de ver cómo se introducen a través das entidades que forman ás persoas que co-existen nesta sociedade, entidades con prestixio, como pode ser unha universidade pública, prexuízos tan graves como este que nos ocupa. Xa falei nun outro artigo dun caso no que un profesor, aproveitando a súa situación de “autoridade” ou “superioridade” de coñecementos, intentaba introducir prexuízos moi negativos sobre a nosa lingua. O caso dos topónimos deturpados na UNED é outro exemplo, e para a nosa desgraza, non é un caso illado, son múltiples as denuncias que na Mesa pola Normalización Lingüística recollemos nese sentido. E isto lévame a reflexionar sobre qué clase de educación ou orientación se lles está a dar nas universidades a persoas que se están a formar e que serán nun futuro profesionais do xornalismo, as ciencias ou a xudicatura, coma o xuíz Fraga Mandián, que mesmo fixo causa do seu “descoñecemento” da Lei de Normalización Lingüística.
A normalización do galego, máis aló de campañas e promocións institucionais, moi necesarias, mais non suficientes, pasa pola educación. A normalización pasa por que as persoas que formen a sociedade galega nun futuro partan da base de que temos unha lingua herdada de séculos, fermosa, útil, rica, que se pode empregar en calqueira que sexa a situación ou lugar e que merece, cando menos, respecto. Con contidos como os que se imparten na UNED o que se está a facer é xusto co contrario, estanse a crear máis Fragas Mandián que nun futuro desprecen e denigren a nosa lingua.

E o decreto do “plurilingüísmo” que tanto defenden Feijóo e Vázquez non fai senón afondar nesta grande eiva que traerá graves consecuencias (xa o estamos a percibir) para o futuro da nosa lingua, en canto á cantidade de falantes, en canto á calidade da fala, mais tamén en canto ao asentamento de prexuízos. Ao tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario