por Mecedes Queixas Zas no Sermos Galiza:
Recoñezo publicamente que levo tempo a madurar a idea de colocar en forma de texto impreso e ordenado os pensamentos que decote teimudamente me remoen.
Propúxenme pronunciarme, mais unha vez, neste foro, a respecto da lingua que me fornece palabras, pensamentos, dúbidas e proxectos de futuro.
Porén, propóñome abordar a nosa realidade lingüística sen acudir a cifras, porcentaxes, estatísticas e premonicións. Mais tamén sen xenreiras, prexuízos, complexos, sobrevaloracións, revanchismos, nin posicionamentos institucionais ríxidos ou reclamos xornalísticos interesados.
Non vou facer apoloxía da miña lingua acudindo a centos de datas históricas significativas que avalarían academicamente o meu discurso, nin a multitude de personaxes emblemáticos que tomaron a palabra antes ca nós, eventos fundacionais, alicerces literarios de noso á altura de calquera outro sistema literario universal, etc.
"A incorporación a unha escola pública na cidade da Coruña leva aparellado un programa completo de inmersión lingüística en exclusiva para a minoría galegofalante –isto é, o castelán convértese no único idioma de relación persoal e de aprendizaxe"
Voume limitar ao meu día a día, á realidade que comparto, en maior ou menor medida, con moitos e moitas de vós. Unha realidade persoal, familiar, laboral e social difícil de disociar. Porque, e apelo aquí á non consideración das miñas palabras como a manifestación dun ego excesivo, coido que tal vez unha opinión moi a ter en conta sobre o presente e o futuro do galego resida naqueles que convivimos á par da lingua de xeito permanente, propositada ou inconscientemente.
Eis o pulso da realidade, o que nos transmite o contacto continuado coa lingua, en presenza ou ausencia dela, e en que observamos os seus puntos fortes e mais os febles. Unha realidade social que, maioritariamente, non entende de Lei de normalización lingüística, nin de Plan Xeral para a Normalización da Lingua Galega, nin de revisión de decretos nin regulamentos, e á que por iso mesmo é tan fácil convulsionar e agredir con perrenchas prexuizosas fóra de sentido común.
A planificación lingüística –como a xudicial, a económica, a agraria, a forestal, a de igualdade e benestar, a de vivenda...) debe estar orientada pola Administración conforme uns obxectivos ben definidos e secuenciados á procura da adecuación aos tempos, necesidades e modelos de vida actuais.De seguido, os membros da comunidade asumiremos un compromiso individual e colectivo.
Cítase, coido que con acerto, que o futuro do idioma galego está basamentado na transmisión xeracional e no seu ensino na escola, con especial atención na etapa de ensino infantil e primeiro ciclo de primaria á que corresponde o proceso lectoescritor, para alén de asegurar a extensión do seu uso no ámbito natural de lecer e ocio infantil e xuvenil. Nada novo, a verdade, se mudamos o adxectivo “galego” por outro referido a calquera lingua que se nos ocorra. A conclusión permanecería igualmente válida e todos concordarían con ela.
Ora ben, a miña experiencia como nai e docente dime que se eses dous vieiros camiñan sempre en paralelo, sen procurar nunca unha intersección entre o ámbito familiar, social e escolar, os avances na normalización lingüística seguirán disimuladamente a ralentí ou mesmo asentarnase nun camiñar a ceacú. É dicir, nin a transmisión xeracional nin a escolarización íntegra en lingua galega per se imprimen o monolingüismo ás novas criaturas falantes, ao tempo que tamén non invalidan ese ser para a aprendizaxe doutras linguas nin o eivan para producir mensaxes orais e escritas ou cálculos científico-matemáticos na nosa sociedade nin en calquera outra.E ás probas me remito. Como nai educadora de dúas fillas menores, quixen que a súa lingua de identidade fose o galego, isto é, a mesma que a dos seus pais, avós, padriños, tíos e a maioría dos curmáns. A miña sorpresa foi magna cando comprobo que a incorporación a unha escola pública na cidade da Coruña leva aparellado un programa completo de inmersión lingüística en exclusiva para a minoría galegofalante –isto é, o castelán convértese no único idioma de relación persoal e de aprendizaxe-, do que ninguén me informa nin solicita parecer, que consegue que as miñas fillas –espabiladas, mais con coeficiente intelectual absolutamente normal- consigan dominar o castelán ao mesmo nivel que o resto de crianzas en apenas tres meses!!! –parece de anuncio radiofónico, mais non o é, asegúrovolo.
Conclusión primeira: nenas e nenos monolingües en galego de tres anos poden converterse en bilingües no período escolar setembro-decembro. Contrastado! E o máis importante, non se precisaron medios extravagantes, nin custosísimos, nin agresivos; nin sequera houbo que botar man das santificadoras TIC. Bastou a naturalidade do discurso da profesora e o desexo voluntario de integración social no mundo dos teus semellantes. A mesma adaptación que, por recorrencia abusiva dun único código lingüístico como vehículo de comunicación e aprendizaxe, e por presenza testemuñal e simplemente lúdico-festiva do outro, as leva a concluír recén estreados os seis anos que “o galego non vale para a escola”; eis a argumentación do seu non uso, ou o que é o mesmo, ocultamento na relación co profesorado e coas súas amizades, dentro e fóra da escola.
Conclusión segunda: a escola non converte os nenos de fala materna galega en individuos bilingües, senón en portadores de actitudes diglósicas: o galego é a miña lingua familiar –a miña família é así!-e o castelán é a miña lingua da aprendizaxe e de relación social. Acaso alguén coidaba termos superado este prexuízo que arrecende a naftalina?
Obviamente, ratifica os meus posicionamentos lingüísticos escoitar a boa entoación, a facilidade e fluidez do discurso, a axilidade para moverse entre dous códigos lingüísticos dos nosos nenos e nenas de fala galega inicial. Pola contra, sorpréndeme negativamente comprobar que os amigos e amigas das miñas fillas, de fala castelá en exclusiva –coido que por decisión libre e individual dos seus pais que neste caso si é pulcramente respectada- avanzan curso tras curso sen seren quen de se expresar con naturalidade en galego, nin sequera cando o/a interlocutor/a –eu mesma- se comunica con eles neste idioma, e, en caso de o intentaren, xorden rapidamente as dúbidas, vacilacións, traducións simultáneas, como se dunha lingua remota se tratar.
Conclusión terceira: unha parte moi importante dos profesionais do ensino galego potencia coas súas actitudes negativas e prexuízos o retroceso continuado nas últimas xeracións no número de galegofalantes ao non apostaren pola escola como lugar de recoñecemento nunha identidade e nun idioma propio.
Como docente, tamén acredito en que un ensino íntegro en galego non asegura a rexeneración inmediata de falantes monolingües. Os nenos e as nenas conviven en marcos familiares e sociais con características propias e socialízanse en grupos moi diversos, incluso lingüisticamente, á par da convivencia escolar. Cando chegan ao remate do seu ciclo escolar e formativo, a inclusión nun modelo social ou outro obriga de novo a se adaptar. O que é incuestionábel é que o reforzo da docencia en galego asegurará unha maior competencia lingüística do idioma propio –que hoxe as nosas crianzas perden a ritmo vertixinoso- sen minguar capacidade ningunha para o proceso de ensino-aprendizaxe no seu conxunto.
Deámonos unha oportunidade e comprobaremos como os “temidos” resultados que algún aprendiz de prestidixitador vaticina (“temidos” por descoñecidos ou aínda non descubertos!!!, que non por contrastados), esvaecerán de contado por inconsistentes.
Deámoslle unha oportunidade ao futuro do galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario