Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 27 de xullo de 2013

O galego escurecido pola LOMCE

no Sermos Galiza:



Unha lectura serena e obxectiva do proxecto de lei da LOMCE interpretada baixo a luz da política educativa desenvolvida nos últimos anos en Galicia indícanos que hai unha grave pretensión de discriminación e, en última instancia, exclusión do galego no sistema educativo. Podemos achar múltiples evidencias de que isto é asi cando repasamos o articulado da LOMCE. Na súa redacción vemos como cada vez que se trata do dereito a cursar a materia de lingua galega, garántese a posibilidade de exención do mesmo. Non se predica a exención de ningunha outra materia o que fai á de lingua galega un saber de carácter especial o único do que será posible, e por lei, a súa ignorancia. Como esta discriminación lle parecera pouca ao lexislador, refórzase ao abrirlle a porta á exención tamén á avaliación na mesma materia. Con todo esta non é a única discriminación que se introduce mediante o proceso avaliador. A única forma de que un alumno pase de curso con tres materias suspensas vai darse no caso de que unha delas sexa, outra vez, a lingua galega. Isto será posible por a LOMCE integrar á lingua galega dentro do bloque de materias de libre configuración autonómica.  Unha das cousas que máis chama a atención da LOMCE é que establece una xerarquía entre as materias, clasificadas en tres bloques. No bloque privilexiado encontramos á lingua española mentres que a galega fica rebaixada ao bloque das materias con menores garantías legais que son precisamente aquelas cuxo currículum corresponde á Xunta.

Ata tal punto se respira na LOMCE odio e desprezo ás linguas distintas do español, que houbo que esperar ao último momento para ver a lingua galega como unha das materias a ter en conta nas coñecidas como reválidas, as probas de avaliación ao remate de cada etapa educativa. Finalmente si que se incluirá, pero in extremis, mediante a derradeira disposición adicional do articulado; claro que coa garantía, unha vez máis,  de exención das probas a todos os exentos de cursar ou ser avaliados nesa estraña materia que vén sendo a lingua galega.

Invasión de competencias
Historicamente as tristes e escasas políticas de normalización lingüística foron establecidas pola Xunta. A LOMCE fura tamén neste campo e outra vez forzando o marco lexislativo traslada a arquitectura da política lingüística no ensino ao goberno de Madrid. Unha primeira medida impide a posibilidade de apostar por un marco de inmersión lingüística (D. A. transitoria 38.4c), modelo este que foi o recomendado pola RAG na súa valoración do borrador do decreto para o plurilingüismo. Por certo, aínda nunca se explicou por que a Xunta asume a determinación do corpus do galego da RAG pero despreza por completo as indicacións que ésta lle ten feito sobre o status. Así pois, en virtude do establecido pola LOMCE podemos atoparnos cun MEC que estableza cales son as materias ou en que proporción se poderían impartir en galego. Chama a atención que desde a Xunta non houbese un pronunciamento claro por esta inédita invasión de competencias, síntoma claro de que os intereses de partido se impoñen aos dos galegos. Pola contra, e sen responder a ningún tipo de recriminación, no mesmo día, e actuando como por orde superior, tanto  Valentín García  (“A Lomce non rebaixa nada a calidade do ensino en galego”) como Jesús Vázquez (“a Lomce dá unha protección total ás linguas cooficiais”) facían unha defensa cerrada da LOMCE respecto da súa incidencia na discriminación ao galego. Excusatio non petita, accusatio manifesta.
Quen ten a obriga de ler a LOMCE son os máximos responsables da política lingüística e educativa, mais está claro que ou non o fixeron, ou son radicalmente sectarios. Polas súas declaracións  parece como que se verificaran as dúas alternativas a un tempo.
  

Ataque radical
O panorama agrávase coa ofensiva  multilateral establecida na disposición adicional 38 onde se recolle o ataque máis agresivo da LOMCE ás linguas denominadas cooficiais. Alí podemos ler: " a utilización no ensino da lingua castelá ou das linguas cooficiais non sexa fonte de discriminación no exercicio do dereito á educación". Agora ben, o artigo 3.1 da Constitución Española establece a obrigatoriedade do coñecemento do castelán, velaí que por mor desta obrigatoriedade exclusiva e privilexiada non se pode atribuir legalmente ao castelán ser fonte de discriminación polo que realmente este parágrafo está trasladando á lingua galega ao lameiro da conflitividade. É moi curioso todo o construto lexislativo do estado español en materia de linguas. Á que ten todas as ventaxes sociais e históricas regálaselle tamén a blindaxe ante a denuncia do seu abuso e imposición. Pola contra as linguas minorizadas son maltratadas tanto nas leis como desde as decisións políticas sen ter tan siquera posibilidade de acudir a un 016.
O Consello do Estado xa ditaminou como unha invasión competecial das Comunidades Autónomas a pretensión de sufragar a cargo das mesmas a escolarización exclusiva en castelán. Trátase dunha disposición ad hoc en contra dos proxectos de inmersión lingüística,  e que vai na dirección de establecer desde Madrid as principais directrices das políticas lingüísticas da Comunidades Autónomas. Esta disposición, aínda que pensada para atacar o modelo catalán,  non é inocua para nós pois marca un vector moi claro: poñer en corentena o ensino en galego mentres se suxire, promove e garante que os centros privados, como xa denunciou Prolingua, fiquen fóra de calquera proceso normalizador permitíndolles a expulsión do galego das súas aulas e,  por se fora pouco,  subvencionándoos para que o fagan. O Consello do Estado advirte ademais das dificultades técnico-xurídicas desta medida. Pero ao PP non lle importa isto, nin que sexa ilegal, nin que precise duns enormes fondos que se van desviar ao ensino privado co único obxectivo de reforzar os grupos ultras que actúan con premisas radicais contra a normalización.
 Neste punto chegamos a unha cuestión realmente espiñenta. A LOMCE, dentro do seu espírio invasivo,  impón un novo criterio polo que deberían rexerse as políticas lingüísticas das Comunidades Autónomas: “as Administracións educativas determinarán a proporción razoable da lingua castelá e lingua galega” Como se vai determinar esa razoabilidade ?.  Unha posibilidade asumible sería que esa proporción fose establecida por un grupo de expertos pero xa temos a proba de que isto non vai ser así. As Universidades galegas ofrecéronlle á SXPL a posibilidade de orientación científica para reforma do decreto par ao plurilingüismo despois de que o TSXG o declarara ilegal na súa actual redaccción. A resposta do representante do gobernó galego,  Valentín García (“terei que consultar aos meus superiores”) é o exemplo máis claro do baleirado de poder efectuado na política lingüística da Xunta. Aquí e hoxe,  quen manda na cuestión do galego xa é Madrid. Por se isto non quedara claro, nótese que a LOMCE di que serán “as Administracións”, non as Comunidades Autónomas, quen establezan esa presunta razoabilidade na proporción de distribución das linguas. Téñase en conta que a pesar de incluirse o termo na LOMCE, a razoabilidade non é un precepto xurídico. A historia das sentenzas de distintos tribunais así o indican. A razoabilidade vaise aplicar, polo tanto, mediante criterios político-ideolóxicos. Sobra comentar que por parte ningunha aparece a imperiosa necesidade que manifesta a realidade sociolingüística galega de atender a indicacións que nos integren nun marco de normalización lingüística. Todo o contrario.

O plurilingüismo.
Se hai alguén que sabe o que supón a ideoloxía do plurilingüismo por levármola sufrindo xa tres anos pola vía dun decreto declarado ilegal nos seus principais fundamentos polo TSXG, somos os galegos. A práctica derivada deste decreto estase materializando nun gran fracaso educativo de inconmensurables consecuencias sosciais. Aínda que o obxectivo propagandístico do decreto 79/2010 fose a mellora da aprendizaxe do inglés, como as medidas postas en práctica non atenderon a ningún criterio pedagóxico, no só non houbo avances no ensino de linguas estranxeiras, senón que se entorpeceu a aprendizaxe noutras materias. Pero o maior desastre é o gran paso atrás efectuado na normalización lingüística. As dificultades para aprender en galego incrementáronse continuamente. O decreto do plurilingüismo significou a redución de espazos e tempos dentro do sistema educativo para o galego. A LOMCE vén a sobreinfectar esta situación. Non podemos ollar máis que con horror o proxecto de plurilingüismo que se promete desenvolver baixo o paraugas da LOMCE pois temos ben presente que o seu obxectivo oculto e fundamental é o de reducir o uso das linguas en proceso de normalización. Ademais da historia recente, síntoma clarificador é que a LOMCE lle concede ao inglés un status moi superior ao do galego.
As enquisas sociolóxicas mostran que hai unha confianza na necesidade de coñecemento de linguas estranxeiras, substanciadas no inglés. A LOMCE aproveita esta circunstancia para autopromocionarse mentres baixo a capa do plurilingüismo podemos destapar o esterco ben da privatización, ben da aniquilación da normalización.


En resumo, estamos ante unha lei radical, inxusta, moi cara, que promove a ignorancia da nosa lingua e a exclusión do ensino en galego. Pola contra a garantía de ensino do español é absoluta, ata o punto de condicionar os modelos lingüísticos non monolingües en español ao arbitrio dos pais ou da Administración Central.  Todo isto será moi gravoso tanto económica como socialmente para os galegos polo que só se vai poder xustificar mediante un gran control ideolóxico barnizado cunha enorme capa de mentiras.


Ningún comentario:

Publicar un comentario