Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 30 de xullo de 2013

Informe de Prolingua sobre a actividade do valedor do pobo en 2012




O pasado mes de maio Prolingua emitía este triste informe sobre a actividade do Valedor do Pobo na área de política lingüística.
Ademais das conclusións avanzadas por Prolingua, ocórrese unha anotación máis sobre o escaso uso da cidadanía sobre as reclamacións sobre cuestións lingüísticas ao Valedor. As mensaxes mandadas desde esta institución á sociedade galega explican en boa medida por que non se lle reclama sobre a escasa presenza do galego. Lembremos o caso do libro censurado polo Valedor, ou a reclamación que eu mesmo lle fixen sobre o insistente uso que fai o concello de Ribeira do topónimo deturpado. Para ver como funciona a oficina do Valedor, neste último asunto, o Valedor xustifica que se conculque a LNL e o uso deturpado do topónimo xa que o SNL do concello de Ribeira instou á Comisión de Toponimia a que asuman como oficial o topónimo deturpado!
Polo resto, fago miñas as conclusións de Prolingua sobre a actividade do Valedor en relación na área de política lingüística:


a lingua ocupa un escaso lugar non só dentro do informe, senón tamén na área no que o noso idioma está tratado. Máis aínda, dentro da política lingüística abórdanse temas que nada teñen que ver coa defensa dalingua, como as reclamacións presentadas sobre convalidacións cos niveis do CELGA.
Chama poderosamente a atención que seguen existindo cidadáns que senten conculcados os seus dereitos por non atoparen algún documento en castelán.
Se cadra non resulte demasiado arriscado supoñer que o descoñecemento evidente que a cidadanía ten desta institución e, en consecuencia, a pouca utilidade que se lle concede estea, en boa parte, motivada polo que podería parecer escaso interese do propio organismo en se dar a coñecer o suficiente entre as xentes do común.
Polo que toca á lingua parece obvio que a maior parte das cuestións que ao valedor chegan, por máis que sexan individuais, deixan adiviñar moitas veces a presenza de condutos organizados, nun ou noutro sentido, como son os casos do Instituto Virxe dos Ollos Grandes e mais o Concello de Lugo, que se repiten sempre nos mesmo termos.
En resumo, un triste informe do que se podería tirar a conclusión de que estamos nunha situación normal polo reducido número de queixas que presenta a cidadanía e que, pola contra, non pode agachar un certo grao de desleixo por parte dos poderes públicos.

2 comentarios:

  1. Parabéns: http://proxectoneo.blogspot.com.es/2013/07/galega-desde-o-carino.html

    ResponderEliminar
  2. Grazas. Creo que quen os merecen son os do IES Rodeira (Cangas)

    ResponderEliminar