Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 12 de xullo de 2013

Playa Major en Sanxenxo

A conta de Twitter do Concello de Sanxenxo usa en exclusiva o español. Natural? Normal? A resposta de por que o fan así podédela ver aquí: "Sanxenxo es un municipio de turismo español, como nos indican los informes y estadísticas de las que disponemos"


Un par de horas despois desde a conta de Twitter rectificaron e botaron o seu primeiro chío en galego: "Xa que temos tantos seguidores galego-falantes a partires de agora tuitearemos nas dúas línguas oficiáis de Galicia e non só nunha delas" . Parecen sorprendidos de que, sendo a conta oficial dun concello galego, teñan tantos seguidores galegófonos. Esta redacción dános a medida dos prexuízos instalados na oficialidade dun concello que debería ser o primeiro promotor da lingua de noso. Esperemos que polo menos cumpran co prometido.

Pero resulta que na conta de facebook dese mesmo concello pasa exactamente o mesmo: todas as mensaxes aparecen exclusivamente en castelán...
Pero é que ademais o seu portal web fai exactamente o mesmo. Se clicamos na opción para ver o portal en galego aparécenos a seguinte mensaxe: en construcción [sic], a mesma que se intentamos visualizar a pantalla en alemán.
No súmmum do disparate, o web oficial do concello de Sanxenso ofrécennos información sobre lugares tales como a Playa Major, na parroquia de Noalla: "La playa de major se encuentra en el lugar del mismo nombre". Pódese comprobar que non é nada fácil pesquisar polo topónimo orixinal e o único que é oficial xa que, por exemplo, non se atopa no buscador de topónimos da Xunta. E se botamos man da información que sobre as parroquias nos dá o propio Concello, estamos aviados, porque volve aparecer o lugar de Major entre os da parroquia de Noalla.
Eu sospeito que, pola relación que vén na galipedia, o nome da praia será Magor.

2 comentarios:

  1. Efectivamente, é Magor pero con gheada, topónimo simétrico do Mogor do outro lado da ría, onde está o famoso petróglifo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Grazas por confirmarmo.
      Eu tamén falo con gheada, pero como se pode comprobar, na escrita dou as 'grazas' sen que se note, por respecto á lingua.

      Eliminar