Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado 20 xullo 2013

O galego non é unha lingua local

por Víctor F. Freixanes en La Voz:


Veño do concerto de Uxía no Gaiás, no que a nosa cantante celebraba os seus primeiros 25 anos de actividade artística, dentro do ciclo ?Pel de galiña. Música que emociona?, ciclo no que se recollen voces de distintas linguas e culturas do mundo. No escenario, unha estimulante mestura (alianza): brasileiros, portugueses e galegos. Hai tempo que Uxía traballa nesta dirección: a voz alentejana de Antonio Zambujo (¡que ben soa a Rianxeira compartida!), o ritmo trepidante de Paulo Silva e Sergio Tannus, a saudade do acordeón de Xoán Porto, a frauta melancólica de Budiño, e as voces, as falas, a fraternidade de moitas horas de traballo, viaxes, complicidade, descubertas... Non se ama o que non se coñece, e un dos problemas graves que temos entre nós (cara a dentro e cara a fóra) é o descoñecemento mutuo, froito ás veces dos prexuizos, que nos tollen, ou da preguiza.
Veño do concerto de Uxía e repaso o artigo que o amigo Xavier Alcalá publicou nestas páxinas o luns pasado: ?Unha lingua trascontinental?. Abofé que non e a primeira vez que poño enriba da mesa estes mesmos argumentos. O concerto de Uxía e os seus amigos, o pasado venres, era unha mostra estimulante do que moitos defendemos: o galego non e un territorio exclusivamente doméstico, é unha porta aberta que nos comunica con otros mundos, outras xentes (irmás), mesmo outros horizontes económicos. Ben que o saben os nosos emigrantes, que un día emprenderon os camiños do Brasil (e a moitos non lles foi nada mal) ou os nosos emprendedores en Angola e Mozambique, por exemplo. Con apenas variantes, cun pouco de orella e outro pouco de vontade (superando prexuizos, repito) a lingua seica levada, e non só non nos encerra, moito menos nos limita, senón que nos instala nunha nova dimensión, certamente importante nestes tempos de globalización.Non se trata de renunciar ao que somos. Sería suicida. A lingua, como marca de identidade, danos un sitio no mundo. Mais tamén é un espazo de relacións. Noutro momento volverei sobre a reflexión que hai unas semanas propoñía o profesor Alonso Montero, e que básicamente comparto: a cuestión política. Agás individualidades moi respectables, nestas tres décadas de recursos propios para xestionar a lingua (a política lingüística), a estratexia de promoción e uso do galego foi unha estratexia timorata e á defensiva, nunca plenamente asumida polo poderes que dirixen o país (non só políticos).¿Para que serve o galego? Entre outras cousas para estar no mundo. Non só para ser nós, fundamento primeiro que esixe identificación e compromiso por parte do conxunto da sociedade. Tamén, e non é un argumento cativo, para xogar fóra de casa e establecer relacións, acordos, alianzas alén de nós mesmos, ¿por que no dicilo?, ¡negocios ¡ Afondar nesta evidencia, dende a planificación escolar, dende a política de comunicación, dende as propias familias, dende o empresariado, constitúe un paso necesario cara ao obxectivo histórico que aínda podemos lograr. Xa quixeran outros contar con semellante riqueza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario