Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 12 de xullo de 2013

Galicia en positivo

por Manuel Herminio Iglesias en La Región, vía Galeguizar Galicia


Cando os problemas soamente se perciben dende un único punto de vista e un grupo político asume a reivindicación dos mesmos, acontece con bastante frecuencia que ise grupo pretende monopolizar todo o que se refire ó tema en cuestión e, dende unha posición de certa prepotencia, dá carnés de autenticidade e dicta as formas de actuar. Pero, cando na solución do tema non se avanza, nace o vitimismo, actitude que non é, nin máis nin menos, que unha forma de desplazar as culpas ós demais, esquecendo as propias, o que ven amosar certa incapacidade para solucionar o asunto referido.


Isto acontece con suma frecuencia na nosa terra, onde sectores políticos vinculados ó nacionalismo seguen instalados na reivindicación utópica e irreal, e cada día camiñan máis alonxados da realidade social. Pola contra, outros grupos máis silenciosos de xente non adscrita políticamente, pero que sinte o país, lanza iniciativas que paso a paso van xermolando; formas que son como raíces que auguran un futuro prometedor, pois parten da base de que o noso idioma non é patrimonio exclusivo dos que o reivindican baixo un prisma estrictamente ideolóxico e sectario.
Iste é o caso do Foro Enrique Peinador, grupo que dende o seu nacemento foi tomando iniciativas como a creación da Irmandade de Adegueiros, a cal na asamblea anual celebrada o sábado na Rectoral de Santo André de Ribadavia decidiu ampliar o seu ámeto de acción, para convertirse na Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros, admitindo no seu seo a 31 empresas do gremio da alimentación, que xunto coas 40 adegas que iniciaron o proceso, aumentan o número de entidades que comprométense a etiquetar os productos que elaboran en galego. Adquiren, polo tanto, un compromiso de país para defender e promocionar a economía real que nace do traballo do sector primario. Polo que o proxecto conta a día de hoxe cun número que supera as setenta empresas galegas. Empresas identificadas co consumo e promoción dos nosos productos. Créase polo tanto un circuito empresarial que xenera riqueza dentro da terra, que promociona o noso e que dá emprego sobre todo nas zonas do rural, o que redunda nun gran beneficio para as comarcas onde se asentan.
Velaí unha iniciativa apartidaria que medra de ano en ano, á que agora se suman as organización políticas, cuestión positiva para achegalas ós problemas que afectan ó sector primario e ó mundo rural, para achegalas ó mundo da empresa, o que lles permitirá entender mellor a realidade dos problemas diarios e fuxir dalguns dogmatismos e tópicos estériles. Velaí unha maneira de pasar da dialectica reivindicativa e teórica á de buscar iniciativas positivas.

Noraboa ós membros do Foro Peinador, que loitan por visualizar unha Galicia en positivo; noraboa a todas as empresas que apostan polo traballo en clave de país; noraboa ós consumidores que así o entenden, e a todas as persoas que fan posible que o idioma entre no mundo da empresa. Noraboa ás persoas que cren na lingua como elemento base da economía real e que busca un consumo dos nosos productos responsable e útil para Galicia. Noraboa ós que traballan por unha Galicia en positivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario