Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 9 de xullo de 2013

Unha lingua transcontinental

por Xabier Alcalá, en La Voz:

As páxinas de Opinión de La Voz son escenario contemplado en toda Galicia e -vía web- na diáspora. Unha carta de Víctor Freixanes dirixida desde elas ao presidente da Academia produciu reaccións en cadea nas redes sociais telemáticas. Sendo tal carta un convite xeral, espero que sexan ben recibidas nesta sección as notas a seguir:A cuestión do idioma en Galicia sempre amosou dúas posturas enfrontadas, a dos enxebristas e a dos mal chamados lusistas. Honradamente, ambas están cargadas de razóns para se defenderen; mais os personalismos fixeron imposíbel a paz. De feito, cando se chegou á Lei de Normalización Lingüística houbo feas rupturas.Daquela, os que tiñamos vivencia nos mundos que falan portugués insistiamos na importancia de escoitar as voces dos profesores Carballo, Guerra e Lapa. (Guerra, o máis poético, mantiña que «todo o galego está contido no português»). As solucións gráficas que eles propuñan para o idioma non tocaban no vocabulario nin na morfoloxía. Conducían á súa historia natural (alén das imposicións castelanistas) e abrían camiño ao grande mundo galaico-luso-africano-asiático-americano.Os enxebristas non previron que o galego fose un día converterse en vantaxe competitiva nos curricula dos traballadores pois desde el, ben aprendido, se entra doadamente na lingua dos negocios de Angola e Brasil. Por falta de ollo comercial, impuxeron a grafía «demótica» (cualificación de Ricardo Carballo) e o diferencialismo léxico. Pasaron trinta anos e a súa postura, seguida polos Gobernos, non deixou abrir o galego ao mundo.Ora, as Mil Primaveras de don Álvaro non son unha tolería de poeta, e -valla o exemplo- Mozambique espera por intelixencias galegas, donas da lingua franca dese país con dezaseis idiomas.Os galeguistas hoxe están obrigados a venderen a utilidade do galego (coas súas peculiaridades) como lingua de proxección mundial; e a loitaren contra o neocastrapo que disolve a fala no dialecto madrileño coma pedriña de azucre no café.Unha das primeiras medidas a tomar é a apertura á grafía histórica, coa súa propia fonética (Genjo pronunciado como Shensho, non Khenkho). Outra, o ensino do portugués: como insistía o profesor Manuel Rodrigues Lapa, «o português mais galego de todos», o caso do idioma patrimonial de Galicia é diferente aos do éuscaro e o catalán. Non é unha fala illada no arquipélago lingüístico europeo. Está na orixe dunha cultura transcontinental.

Ningún comentario:

Publicar un comentario