por Anxo Louzao, no Sermos Galiza:
En primeiro lugar, quero agradecerlle ao Bloque Nacionalista Galego a invitación para comparecer nesta comisión e ter a posibilidade de expoñer a nosa opinión sobre a LOMCE. Procuraremos, na medida do posible e tendo en conta o tempo do que dispoñemos, expoñer as razóns que ten a Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino), organización maioritaria no ensino en Galicia, para rexeitar na súa totalidade esta proposta de lei. A miña exposición se fundamenta tamén nas propostas da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, a través da cal canalizáronse numerosas e concorridas mobilizacións e accións en contra da LOMCE
A LOMCE non está pensada para emprender a reforma que, sen dúbida, se necesita para fortalecer e mellorar a educación pública. Todo o contrario, podemos afirmar rotunda e inequivocamente que non só non resolverá os problemas e necesidades que ten a educación pública en Galiza, senón que aumentará o fracaso escolar, restrinxirá o acceso á educación e a centralización será aínda maior.
O verdadeiro motivo da LOMCE é impregnar todo o sistema educativo dos principios que sustentan a ideoloxía neoliberal e así avanzar na privatización e na mercantilización da Educación. A LOMCE centraliza e uniformiza o sistema educativo, rexeitando a conformación plurinacional, pluricultural e plurilingüística do Estado español. Reforza aínda máis a confesionalidade do ensino.
Conforma un sistema educativo máis selectivo, elitista e clasista. Segrega o alumnado, mediante itinerarios que o condenan a titulacións diferentes no ensino obrigatorio. Impide o acceso das clases populares á educación. Infravalora o profesorado e elimina a xestión democrática dos centros. En consecuencia, a LOMCE conduce a un sistema educativo cada vez menos equitativo, que cuestiona o dereito universal á educación, descarta a igualdade de oportunidades, fortalece o papel españolizador, destrúe a diversidade cultural e nega o dereito a ter un ensino científico e laico.
A LOMCE susténtase na visión máis negativa do artigo 27 da Constitución que consagra a “liberdade de ensino”, para garantir así a privatización da educación, mediante os concertos educativos, e o “dereito dos pais a que os seus fillos reciban a formación relixiosa e moral acorde ás súas propias conviccións”, consolidando así a impartición da relixión na escola. A LOMCE tamén se fundamenta no artigo 3 da Constitución que só lle outorga plenos dereitos á lingua española, ao establecer que todos e todas teñen o deber de coñecela e o dereito de usala, mentres que nin sequera determina o deber de coñecer os idiomas propios. Esta é a evidencia palmaria da necesidade de modificar a actual Constitución.
Por primeira vez, unha lei orgánica educativa regula os modelos lingüísticos das nacións do Estado, co obxecto de impedir o ensino nas linguas propias de cada territorio. Do que se trata é de intentar liquidar o modelo de inmersión lingüística catalán e de trasladar a esta lei, en boa medida, o que o PP está experimentando en Galiza co Decreto de Plurilingüismo, declarado ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, para afianzar o modelo de “trilingüismo” e conseguir o dominio total do español, marxinando as linguas propias ata facelas desaparecer do sistema educativo. Unha vez máis, invértese a realidade e a pesar do dominio abafador do español, tanto no sistema educativo como no resto dos ámbitos e usos, lexíslase para que a lingua dominante e allea continúe substituíndo á propia e facilítase e promóvese a ignorancia e o descoñecemento dos idiomas propios, garantíndolle ao alumnado que non desexe estudar na lingua do seu territorio a escolarización en español nun centro privado, pagado por todos e todas.
A LOMCE reduce e invade as competencias das diferentes administracións educativas. Intenta afastar o ensino da nosa realidade nacional para continuar negándonos como pobo e, para iso, exclúe dos programas educativos o estudo e o coñecemento de todo o que teña como fundamento a nosa realidade social, histórica e cultural. O obxectivo é negar o que somos para golpear con máis dureza a nosa falta de autoestima e continuar colonizándonos culturalmente.
O Estado asume todas a atribucións para poder fixar os currículos das materias troncais. Resérvase, como mínimo, a potestade de establecer o 50% dos contidos, o horario e os criterios de avaliación destas materias. Non sabemos onde situarán o máximo, mais a experiencia confírmanos que os currículos destas materias na práctica serán os establecidos, en exclusiva, polo goberno central e serán sobre os que se fundamenten as reválidas co obxectivo claro de combater a diversidade nacional e cultural. Os contidos galegos estarán vetados nas reválidas que serán centralizadas, deseñadas, elaboradas e cualificadas mediante criterios dictados polo MEC.
Na LOMCE non hai lugar para nada que non sexa unha visión unitaria do Estado. A finalidade é reforzar un sistema educativo que só admite unha historia e unha cultura común. Cuestións como a ordenación e organización do sistema educativo, as avaliacións externas, as competencias e a composición dos órganos colexiados, o sistema de elección dos cargos directivos, a concesión de becas, os días lectivos, o horario lectivo do profesorado, as substitucións do profesorado, a admisión do alumnado nos centros, os concertos educativos, entre outras, continúan a ser competencias exclusivas do Estado. Ata se nos expropia o dereito a determinar o noso modelo lingüístico. Todo isto controlado pola Alta Inspección, institución situada en cada territorio e dependente do Estado, co cometido de ser a gardiá das esencias do centralismo.
A LOMCE está impregnada da ideoloxía neoliberal máis radical. É unha lei que entende a educación como unha mercadoría máis, restrinxida a uns poucos, pero pagada por todos nós/as e ao servizo e en función das clases dominantes. Impide o acceso universal á educación en igualdade decondicións e afástaa dos principios de equidade e inclusión que son soportes fundamentais da democratización e da igualdade social.
Todo o entramado desta contrarreforma aséntase en principios mercantilistas e antisociais. Proxecta un sistema educativo orientado e ordenado cara ao éxito escolar dun selecto alumnado sen carencias na aprendizaxe e que conta con maiores facilidades socioeconómicas para completar a formación escolar necesaria. Ao mesmo tempo, conduce ao alumnado falto de recursos, con dificultades na aprendizaxe ou necesidades educativas específicas, ao abandono ou ao fracaso escolar. Un sistema educativo segregacionista que ampliará as desigualdades sociais e impedirá ás clases traballadoras o acceso ao ensino postobrigatoria e universitaria.
A LOMCE somete e planifica o ensino en función dos intereses da patronal do ensino concertado e da Conferencia Episcopal. Por iso, suprime o dereito a ter unha praza no ensino público e, pola contra, garante o dereito a concertar todos os niveis educativos e ampliar as unidades concertadas en detrimento das públicas. Legaliza, definitivamente, os concertos dos centros que segregan o alumnado por razón de xénero e subordina a ordenación do sistema educativo aos intereses e á oferta do ensino privado concertado.
A LOMCE programa un modelo educativo baseado, exclusivamente, na rendición de contas en función dos resultados. Fixa como obxectivos a empregabilidade, a excelencia académica e o espírito emprendedor e empresarial, sen ter en conta o proceso educativo no seu conxunto, o contexto socioeconómico, a estratificación social do alumnado e que o obxectivo final da educación ten que ser a formación integral das persoas.O establecemento da reválidas ao final da ESO e do Bacharelato, como requisito imprescindible para conseguir a titulación respectiva que permita acceder ao seguinte nivel educativo, responde, exclusivamente, a unha concepción elitista da educación e persegue unha dobre función: expulsar a unha parte importante do alumnado do sistema educativo e uniformar e centralizar o ensino, xa que son fixadas unicamente polo Goberno central.
A reválida vai supoñer, en moitos casos, unha nova discriminación social, posto que só pretende medir resultados, sen ter en conta o contexto e as circunstancias culturais e familiares, nin as carencias e necesidades para conseguir os resultados necesarios. As dificultades veranse ampliadas para aquel alumnado que necesita dun apoio ou reforzo en diferentes materias e non poida afrontalas por falta de recursos.
Ao finalizar 2º da ESO, o alumnado vese forzado a decidir e condicionar prematuramente o seu futuro académico e profesional, xa que ten que optar por diferentes itinerarios que o conducirán, respectivamente, ao Bacharelato ou á Formación Profesional.
O deber das administracións educativas é garantir a oferta dun ensino común e básico para todos e todas. A LOMCE conculca este dereito porque impide que unha parte importante do alumnado consiga o graduado na ESO, desviándoo, a partir dos 15 anos, á Formación Profesional Básica, que non conduce nin sequera á obtención do título en Educación Secundaria Obrigatoria. A elección prematura dos estudos reduce a equidade do sistema, supón segregación e autolimita o acceso aos estudos superiores do alumnado. Así se crea a Formación Profesional Básica para maquillar as porcentaxes de fracaso escolar e para desviar a unha parte importante do alumnado que por falta de motivación, limitación económica, condicionantes sociais, pánico á reválida, etc. optará pola Formación Profesional Básica e non terminar a ESO.
A LOMCE contempla a creación de centros de elite, de especialización curricular e de excelencia para un alumnado selecto. As avaliacións xerais de diagnóstico, de etapa e as reválidas tamén servirán para configurar unha clasificación dos centros, atendendo aos resultados escolares do alumnado, cando a extracción social, os recursos familiares, a contorna social e cultural, a porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais e os recursos de cada centro son determinantes para considerar o rendemento escolar. O obxectivo é que estes resultados constitúan as bases para crear centros de elite, posibelmente concertados, previa selección do alumnado, centros que dispoñerán de máis recursos e medios. Isto comportará a competición entre os centros para situarse no nivel superior do ranking e a imposición de criterios mercantilistas e competitivos, impropios dun servizo público, que agrandarán a brecha social do alumnado e a desigualdade entre centros.
A LOMCE reforza a confesionalidade do sistema educativo. A relixión non só segue formando parte do currículo escolar, senón que agora terá a mesma consideración académica que o resto das materias. O alumnado que non opte polo adoutrinamento relixioso será “castigado” co estudo dunha materia alternativa no ensino básico. A relixión pasará a ser unha das materias específicas en Bacharelato, co obxecto de atraer o alumnado a cursala, pois así terá asegurada unha cualificación alta e a exención de cursar outra materia de maior dificultade aínda que de maior utilidade. Ao mesmo tempo, o profesorado de relixión continuará sendo elixido pola cúpula eclesiástica, mais pagado pola administración educativa.
O menosprezo e a desconsideración co profesorado son totais. O seu traballo está posto en cuestión, na medida en que o resultado da avaliación continua deixa de ter valor fronte aos exames de reválida. De nada serve a opinión do equipo docente, único coñecedor da marcha escolar do alumnado, do proceso ensino-aprendizaxe e das circunstancias escolares do alumnado. Todo o traballo pedagóxico, didáctico e de desenvolvemento curricular estará, única e exclusivamente, en función da superación da reválida, ignorando que no proceso educativo interactúan diferentes factores. Os docentes convértense en comodíns da Administración, son infravalorados e se lles cuestiona o seu traballo. Ven agredida e desprezada a súa dignidade profesional porque, na práctica, liquídase a liberdade de cátedra e subtráenselle os dereitos profesionais máis fundamentais.
A LOMCE elimina totalmente o que quedaba de xestión democrática dos centros educativos. Mingua a participación do profesorado, ao optar por unha organización e un funcionamento unipersoal e xerárquico. Prima os criterios de competitividade e non de cooperación e corresponsabilidade para o bo funcionamento dos centros escolares. Concentra todo o poder de decisión na dirección. Usurpa competencias do Claustro do Profesorado e do Consello Escolar, como, por exemplo, a aprobación da programación xeral anual e a decisión sobre a admisión do alumnado. Outórgalle ao director ou directora en exclusiva a potestade de fixar os requisitos e méritos específicos do profesorado para cubrir postos vacantes no seu centro e a de rexeitar aincorporación de profesorado interino ou propoñer o nomeamento de profesorado sen previo concurso. Estas atribucións, a parte de inaceptábeis contradín os criterios de igualdade, mérito e obxectividade que debe observar a cobertura de postos na administración pública. Lamínase calquera vestixio de xestión democrática dos centros públicos, ao reservarse a administración educativa a potestade de elixir as direccións.
En definitiva, estamos ante unha norma involucionista que desterra a coeducación como principio que debe imbuír o sistema educativo, ordena a educación baixo criterios de mercado, destrúe emprego, destina máis diñeiro público ao ensino privado, impón a confesionalidade, desenténdese da atención á diversidade, dun ensino equitativa, inclusivo e de calidade, e ponse ao servizo da ideoloxía do partido do goberno.
En Galiza, necesitamos un sistema educativo inserido na nosa realidade social, económica e cultural. Fai falta un rotundo cambio para mellorar a educación no sentido oposto ao establecido na LOMCE.
Desde a Confederación Intersindical Galega apostamos por outro marco lexislativo estatal que se fundamente no recoñecemento e na asunción do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüístico do Estado; que asuma a defensa inequívoca dun ensino público, laico e democrática,que facilite a igualdade de oportunidades e o dereito universal a unha educación de calidade. Para todo isto, é imprescindible a retirada da LOMCE.
Intervención do Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, na súa comparecencia ante a Comisión de Educación do Congreso dos Deputados, o 15 de xullo de 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario