Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 4 de xullo de 2013

O galego, a impunidade e a mentira

por Anxo Louzao, no Sermos Galiza:

Debo recoñecer que a estas alturas non é doado que haxa actuacións da Consellería de Educación que me resulten sorprendentes. Son tantas, permanentes e disparatadas as que levamos soportado que xa a un lle parece que está inmunizado ante tanta impostura, engano e demagoxia que emanan dunha Consellería que, baixo a batuta de Jesús Vázquez, usa constantemente, de maneira perversa, os medios institucionais e de comunicación e os recursos públicos para atacar o idioma e calumniar impunemente a organización maioritaria do profesorado galego, a CIG-Ensino. Mais a última deixoume abraiado.
O luns, día 1 de xullo, como consecuencia de que a Consellería de Educación viña de remitir aos centros educativos un modelo de pregunta semellante ao do curso pasado para que o cumprimentaran as familias con fillos e fillas en educación infantil para determinar a lingua vehicular neste nivel educativo, a CIG-Ensino presentou un recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza co obxecto de que dite unha resolución declarando nula a actuación da Consellería. Cabe lembrar que todas as sentenzas ditadas por este tribunal, entre elas a sentenza do 21 de novembro de 2012 referida ao recurso presentado pola CIG-Ensino, anularon o artigo 5.2 do Decreto 79/2010, do 20 de maio para o Plurilingüismo que establecía “ A lingua materna predominante do alumnado será determinada polo centro educativo de acordo co resultado dunha pregunta que se efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais do alumno/a antes do comezo do curso escolar acerca da lingua materna do seu fillo ou filla” .
Este desacato do Conselleiro de Educación, por incumprir unha sentenza firme, vén motivado pola súa obstinación en contra do ensino en galego, expecialmente nun nivel tan importante para fixar a lingua como é a Educación Infantil. Estamos a falar dunha etapa educativa na que o ensino en galego nas cidades é pura anécdota, pois nin sequera o 5% dos nenos e nenas desta idade reciben aulas no noso idioma. Mais isto para o PP non é suficiente por aspirar a erradicar totalmente o uso do noso idioma no ensino e a súa substitución total a nivel social. Até aquí estariamos, do que é mal, ante unha mostra máis da súa galegofobia constante, máis neste caso ao quedar a cara descuberta por falta de argumentos, bota man doutras das súas marcas identitarias como son a infamia e o engano a través dun libelo, convertido en nota de prensa, atravesada toda ela de falsidades e terxiversacións, que colga na páxina WEB da Consellaría de Educación e envía aos medios de comunicación.
Esta nova arremetida que vimos de recibir non é un feito illado calquera. Estamos a falar dun proceder persistente que é o uso da páxina web institucional da Consellería de Educación como arma para atacar, falsear e terxiversar as posicións da CIG_Ensino, que representa ao 43% do profesorado, que queda totalmente indefensa ante as continuas provocacións, xa que non lle asiste, nin sequera, o dereito a réplica. Para a Consellería de Educación o portal educativo é un instrumento propagandístico ao servizo dos intereses e da ideoloxía do Partido Popular que se transforma nunha ferramenta política. Patrimonializada e usada partidariamente para inxuriar e desacreditar os que non se dobregan a súa política educativa e lingüística, no canto de ser un canle de información e comunicación institucional
A propia Lei 29/2005 de publicidade e comunicación institucional recolle no seu preámbulo a diferencia entre a información institucional e a relativa á acción de goberno que deben manterse en esferas comunicativas separadas: “Debe ser un principio fundamental da actividade comunicativa do Goberno, a través de campañas institucionais, desligar a opinión política da información veraz e neutral sobre as súas políticas públicas. A publicidade e comunicación institucional deben estar ao estricto servizo das necesidades e intereses dos cidadáns, facilitar o exercicio dos seus dereitos e promover o cumprimento dos seus deberes, e non deben perseguir obxectivos inadecuados ao bo uso dos fondos públicos”. Todo o contrario do proceder do señor Vázquez.
Estamos ante un feito que desborda calquera límite razoábel. O Sr. Conselleiro chega a acusar a CIG-Ensino de “antidemocrática” polo delito de solicitar a aplicación dunha sentenza firme. Pode estar ao fronte, nin máis nin menos que da Consellería de Educación, alguén que use un medio institucional para acometer e denigrar a unha organización sindical ? Chega ao estremo de non ter reparo en manipular mesmamente o artigo 7 do Decreto 124/2007 para xustificar a pregunta ás familias , cando, para o ensino e educación infantil, este artigo estabelecía que en “ contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se converta no idioma base da aprendizaxe,de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego”. (outra cousa distinta é que se cumprira) e que a lingua do contorno sería fixada polo “claustro de profesores de acordo cos criterios establecidos no proxecto lingüístico. Para o establecemento da lingua materna deberán terse en conta, entre outros, os datos achegados polo mapa sociolingüístico de Galicia, os datos estatísticos oficiais e a información achegada polos pais e nais” que en nada semella ao artigo 5 do Decreto do plurilingüismo, que anulou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que trasladaba, exclusivamente, a potestade ás familias para determinar a lingua de ensino en infantil.

Estamos, moi ao noso pesar, habituados a que este Goberno actúe con total impunidade, abuso e manipulación. Nin sequera respectan as mínimas normas de funcionamento democrático nin o uso imparcial dos medios institucionais e por riba pretenden dar leccións de ética, atribuíndonos a facultade de prohibir e impor aos que somos tratados a couces e pancadas e que somos vítimas do autoritarismo e despotismo non ilustrado deste goberno. Trátase dunha actuación dun Conselleiro que ten nas súas mans a responsabilidade da educación galega, que por repetitiva non está exenta de gravidade. Máis, xa sabemos cales son os seus valores: o uso indebido dos recursos públicos e medios institucionais para beneficio partidario e ideolóxico, a persecución do noso idioma, a difamación, a mentira e a terxiversación. Nunha sociedade respectuosa cunhas regras mínimas de funcionamento democrático o cese sería fulminante, pois ningún presidente do goberno permitiría unha actuación desta catadura. Máis que esperar dun presidente Feijoo que naufraga en augas procelosas.
Nós continuaremos na loita nobre e necesaria para que o galego deixe de ser estranxeiro na súa Patria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario