Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 15 de marzo de 2015

Sarrionandia fala a nosa lingua

por Xoán Carlos Domínguez Alberte, no Sermos Galiza:

O lectorado galego ten xa a sorte de poder acceder á obra poética de Joseba Sarrionandia, un dos principais escritores vascos contemporáneos. Isto é posíbel grazas á edición que sacou do prelo Faktoría K de Libros.

Titulada Tempo de exilio, ten o mérito engadido de ser a primeira escolma da súa poesía, feita polo propio autor, publicada en lingua diferente ao éuscaro orixinal. Da versión para o galego dos textos responsabilizouse Isaac Xubín.
O mesmo tradutor que, hai uns anos, publicara o volume Alén da fronteira. Sete poetas vascos, no cal un dos seleccionados era, precisamente, o escritor orixinario de Durango, de quen se cumpren agora tres décadas de afastamento forzoso da súa nación.
N’ “A causa perdida da poesía” revélase unha operativa declaración de intencións para axudar a comprender este potente universo poético: “temos que facer algo para atopar palabras á medida/do noso pobo e do noso tempo,/dun talle que poidan confundirse co mundo, co século/e coa xente./Facer poesía non é algo extraordinario, senón un xogo van/que consiste en renovar a lingua”.
Linguaxe, polo tanto, que conecta, directamente, a actual realidade poética e política dunha terra e dunha lingua que tamén é afirmada por propios e negada por estraños.
O periscopio de enfoque é o do ollar dolorido por mor dun involuntario desarraigamento: “Mariñeiros, barcos, ondas, neno, xogo? O presente:/un papel branco sen prego ningún,/un bolígrafo azul, a miña propia man, borranchóns de tinta,/sen mar ningún, sen infancia…”.
No duro exercicio do (in)existir é obrigado pasar duras probas: “Como o seu nome era perigoso, cambiouno/coma quen cambia unha camisa nova”. Malia seren as raigañas imposíbeis de desenterrar: “Dificilmente abandona a súa terra a árbore/se non é derrubada e convertida en táboas”.
O verso, por veces, semella abalar cara á consciencia da derrota: “A sociedade que desexabamos para vivir nela perdémola/no noso esforzo por creala”. E non deixan de agromar os interrogantes: “poetas dos malos tempos,/que é o que está da nosa man?/Que podemos abrir nós coa diminuta chave/da poesía?
Para procurar respostas abondaría con ter presente que hai un firme “Proxecto de comunidade”: “Xa é hora de que busquemos o país vasco/aquí mesmo ou acolá,/semella que dorme baixo da ponte, a ver/se o espertamos dunha vez”.
Velaquí, entón, a grandeza da voz poética dun destes “embaixadores no horizonte”. Que radica en verbalizar a imprescindíbel conciencia do sermos, da auténtica existencia: “Non se chama Danubio, chámase/Ibaizabal este río,/o que se me meteu polos adentros,/malia que vivo tan lonxe./O que, dende entón, anda/polas miñas veas,/o único que me chama polo/meu nome verdadeiro./Turbias augas do Ibaizabal,/vellas augas que me dan sentido”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario