Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







domingo, 29 de marzo de 2015

Novo desastre no santuario da Virxe da Barca

Grazas a Felipe chegoume a penosa noticia que se recolle nesta fotografía.
De todos é sabido que un incendio arrasara o santuario da Virxe da Barca no nadal do 2013. Aos poucos días do desastre Núñez Feijóo anunciaba que a Xunta colaboraría na reconstrución do templo. Dúas semanas despois a Xunta adxudicaba o proxecto ao Gabinete de Arquitectura “K2C Arquitectas”. Pouco máis dun ano despois unha defeita leva a outra: o nome da igrexa transmutouse no de *Nuestra Sra. de la Barca O desprezo pola lingua ten, xa que logo, responsables: Xunta e Igrexa.
Velaí un novo caso no que o galego non é a lingua por defecto. O caso xa foi denunciado pola Mesa, quen lle dirixiu unha carta a Feijóo para que se repare o novo desaste. Eu xa adianto a resposta. O presidente da Xunta botaralle a culpa á Igrexa, da que dirá que é un ente autónomo e que a Xunta non pode facer nada no asunto. Pois se era tan autónomo non sei a conto de que se apurou tanto a ofrecer os cartos e o apoio da Xunta. E se a Xunta non ten nada que dicir neste caso, vai ter razón Manolo Rivas, e a lingua oficial é o silencio.

P.S.: O Carrabouxo acertou unha vez máis:

2 comentarios:

  1. Semella que a restauración foi un desastre total, agora só falta que manden a Enrique Iglesias a gravar un vídeo porno soft!!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pasóuseme responder... ata agora.
      Fernanda Tabarés ten un artigo bastante acertado sobre este caso. Explica que á xente de Muxía horrorizoulles a restauración interior porque atenta contra a súa identidade facendo do santuario algo que os des-singulariza.
      Claro que non toca o asunto da rotulación exterior. E parece ser que entre os veciños non houbo escándalo por isto. Hai algo que cheira mal en Muxía,... e en toda Galicia cando hai tan pouco coidado, tan pouca identificación coa lingua.

      Eliminar