O galego é un compoñente esencial da marca Galicia. Do mesmo xeito que unha persoa debe ter autoestima para saír adiante, igual sucede cos pobos, existe unha autoestima colectiva que reforce a súa personalidade e carácter.Un produto alemán está avalado polo valor da marca Alemaña, que calquera identifica con características como a calidade, o esforzo ou a fiabilidade. Así, o tecido produtivo galego debería estar arroupado pola reputación e prestixio da nosa terra. Non obstante, un dos nosos maiores activos: a nosa lingua, sofre continuos ataques desde diversos ámbitos.De feito, algúns empresarios esfórzanse en desprestixiar o galego, sen darse conta de que están poñéndose paus nas rodas e destruíndo a súa propia marca; pois un pobo que renuncia ao quen ten de seu, porque pensa que o alleo é mellor, sempre será un pobo submiso, servil e colonizado.O galego é o mellor agasallo para as vindeiras xeracións. Un vínculo inquebrantable cos nosos devanceiros e o eixo sobre o que está baseada a nosa propia identidade. O pobo galego existe porque temos un idioma e unha cultura propia. Ter a nosa propia lingua non nos pode converter en mellores que ninguén pero tampouco en peores.Temos tamén a responsabilidade da súa conservación, como patrimonio non só de tódolos galegos senón da Humanidade. Porque non hai linguas de primeira ou de segunda división en función do número de falantes. Todas merecen igual respecto: tanto o inglés, con centos de millóns de falantes, como o Kirundi, que só se fala en Burundi. Simplemente, son idiomas distintos e a diversidade é riqueza.Non é doado defender o galego, despois de séculos no que moito se ten desprestixiado, fundamentalmente desde o poder, e nun escenario no que o patrimonio lingüístico e cultural parece non ter ningún valor. Pero, cando desde as clases dirixentes se executa unha presión política, económica e social contra o galego, chegou a hora de que as persoas da nosa terra decidamos se paga a pena o esforzo de conservar vivo o noso idioma ou renunciamos á nosa identidade.Son tempos, pois, nos que as galegas e os galegos temos que reflexionar se queremos unha lingua viva, que poidamos usar a diario, ou un idioma que só se fale de xeito ritual e se estudie nas facultades como algo do pasado. A decisión é nosa.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
sábado, 7 de marzo de 2015
A lingua é un compoñente esencial da marca Galicia
por Xosé Manuel Baamonde no noticieirogalego.com:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario