Cando os presidentes galego e portugués saíron do nº 11 da rúa Tabernas, viñan de representar un teatro cuxa finalidade principal, e non declarada, era a de neutralizar a denuncia feita pola RAG dunha política lingüística que nos últimos anos forzou "un preocupante retroceso do uso do galego". Anunciouse o acto como a sinatura dun Memorando (non un acordo, nin un pacto, nin un tratado), para a adopción do portugués como lingua optativa no ensino non universitario, cando xa no curso 2008-2009 había 600 alumnos matriculados desta materia. Se isto resulta sospeitoso máis o é que ao solicitárselle o texto do memorando, o goberno contestou "que non está actualmente en condicións de amosalo" e que tampouco pode sinalar cando poderá facelo. Esta falta de transparencia revela a un tempo desprezo pola cidadanía e necesidade de ocultación dunha trampa que se descubriría ao podermos ler a máis que probable vacuidade do contido do memorando.
Que sentido ten a promoción do portugués se mantemos unha política lingüística antinormalizadora? Mentres que a normalización lingüística é un ben absoluto e unha obriga fundamental do goberno, o presunto fomento do portugués só será beneficioso na medida en que contribúa á mellora da calidade e do prestixio nosa lingua. Trátase, máis que nada, dunha vacina; cada vez que se poña de manifesto a política de agresión ao galego, veremos como o goberno erguerá a bandeira dunha impostada aposta pola lusofonía, unha aposta completamente inocua e marxinal pois afecta só ao 0,02% do ensino.
Claro que sería unha excelente noticia un plan de reforzo do ensino do portugués pero con este goberno non o imos ver. Que hoxe en día se impartan aulas de portugués en 32 centros debémosllo únicamente ao voluntarismo do profesorado implicado nas mesmas. En ningún momento se dotou aos institutos de profesores de portugués e tampouco se enxerga ningunha convocatoria de prazas para impartir esta materia. Ninguén que lle teña tomado o pulso á realidade será quen de crer que un goberno que ten no seu ADN o servilismo ás elites madrileñas vai tomar partido polo impulso do ensino do portugués. Esta aposta só sairá dun proxecto que acredite na normalización lingüística, nunca dun que a agrida.-
Puidemos ver nestes días que o presunto acordo entre Galicia e Portugal foi divulgado como un cambio de rumbo na política do PP no ensino das linguas. Isto tamén é falso. Basta traer á memoria aquela entrevista a Feijóo nunha canle da caverna mediática na que o presidente defendía o ensino do portugués pola súa proximidade ao galego. Concordamos con esta defensa, mais cómpre ter os pés na terra e descubrir o engano das declaracións do presidente. Cal é realmente o peso do portugués no noso sistema educativo? De cada 5000 horas de clase que reciben os alumnos do ensino non universitario só unha está adicada a esta materia. A ver se agora non imos ter máis que ollos para esa hora en portugués mentres deixamos que se continúe a desprezar e excluír o galego das outras 4999.
Quen se sumou a esta manobra de desviar do debate da normalización lingüística cara o portugués como segunda lingua estranxeira optativa foi a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) ao presentar o portal "Exportar en galego". Desafortunadamente non é isto outra cousa que un traxe novo para adornar edicións anteriores do mesmo tipo de campañas. A primeira delas, "O galego, a chave para os teus negocios no mundo", botou a andar no 2012, en colaboración coa FEGAPE (Federación Galega de Parques Empresariais). Consistiu exclusivamente no envío de dípticos e carteis a membros da Federación. Cantas empresas houbo que se sacaron partido desta promoción? Se unha empresa quer relacionarse cos países lusófonos sabe da campaña da SXPL? Desde o IGAPE infórmase destes recursos da Xunta aos empresarios con intereses na área lusófona? E son estes recursos realmente útiles? Ninguén fixo unha avaliación dos resultados da iniciativa.
Tampouco sabemos nada do rendemento da que comezaría uns meses despois. En abril do 2013 divúlgase "Exportar en galego" , unha campaña co mesmo título que a actual....e practicamente cos mesmos contidos. Daquela xa se publicara o documento "Exportar en galego"que volve a publicitarse agora e que é a base do web co que comparte cabeceira. Se lle pegamos un repaso a este portal, vemos que na lapela adicada aos países da lusofonía repite exactamente o texto do documento elaborado hai dous anos. O resto do portal redúcese a uns apartados con recursos que xa hai tempo que existían e ligazóns a entidades que tampouco son novidade algunha.
Un dos organismos oficiais que se promocionan desde "Exportar en galego" é Export Galicia, (en inglés, of course), un portal que ten como propósito "apoyar a las empresas gallegas en su proceso de internacionalización, dándoles acceso a servicios y bases de datos especializados en comercio exterior" (en castelán, por supuesto). Outro proxecto curioso no uso da lingua é o de investingalicia con posibilidades de acceso en inglés, alemán e en español. Nada en galego, nada en portugués. Un terceiro organismo, PEXGA (Plataformas Empresariais no Exterior de Galicia), ofrece documentos sobre distintos aspectos de negocios no estranxeiro, sempre en castelán, aínda que se trate de lugares como Brasil. Por último temos o SEA (Suelo Empresarial del Atlántico), cun 0% en galego.
Sobre a avaliación das anteriores campañas, basta ver como todos estes organismos marcan un territorio no que o galego non ten entrada. A revista da FEGAPE, dos promotores, xunto coa SXPL, do plan "Exporta en galego", exclúe ou secundariza o galego. En 2 de cada 3 sitios dos parques empresariais non existe o galego. Mesmo a Asociación Empresarial de Tui, que foi a escollida para presentar este novo gran avance normalizador, é unha desas que exclúen a nosa lingua. O que debería ser un recurso fundamental de "Exporta en galego", unha aplicación de oferta-demanda de emprego para persoas con coñecemento do portugués, non existe. A día de hoxe, no portal do IGAPE non hai ningunha información sobre este proxecto.
Pero, realmente, a alguén lle pode estrañar esta montaña de mentiras e impostura? Basta con facer un breve percorrido polas propias notas de prensa da Xunta para ver ata que punto Feijóo mantén o compromiso da promoción do galego na empresa. Na entrega de premios arquitectura en Vigo podemos ver un vídeo institucional, no que Feijóo fala en español. A visita do presidente a unha iniciativa promotora de empresas, outra vez en Vigo, desenvolveuse integramente en español. Ou na Coruña, falando precisamente da internacionalización das empresas galegas, e non o fixo en galego. E todo isto recollido de gravacións institucionais, no mesmo mes en que se presenta "Exporta en galego". Teñamos presente que Feijóo sabía que se estaban gravando todas estas intervencións co fin de divulgalas. Que sucederá fóra de cámara?
Temos un panorama claro, o achegado polo IGE, e temos un camiño aberto, o do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL) polo que debemos transitar se é que queremos establecer o galego como a rocha sobre a que levantar a nosa sociedade.
A sinatura do Memorando secreto tivo como escenario a sede da RAG. Esta escolla pode ser unha moi intelixente xogada de maquiavelismo político pero é tamén un movemento contrario á normalización lingüística. A saúde do galego no é boa, velaí que a declaración da RAG reclamando unha política lingüística respectuosa co PXNL e a retirada dun decreto, o do galego no ensino que a propia Academia ten recorrido perante o Tribunal Supremo, segue tendo hoxe tanta vixencia como cando os presidentes portugués e galego entraron no nº 11 da rúa Tabernas.
Temos un panorama claro, o achegado polo IGE, e temos un camiño aberto, o do Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL) polo que debemos transitar se é que queremos establecer o galego como a rocha sobre a que levantar a nosa sociedade.
A sinatura do Memorando secreto tivo como escenario a sede da RAG. Esta escolla pode ser unha moi intelixente xogada de maquiavelismo político pero é tamén un movemento contrario á normalización lingüística. A saúde do galego no é boa, velaí que a declaración da RAG reclamando unha política lingüística respectuosa co PXNL e a retirada dun decreto, o do galego no ensino que a propia Academia ten recorrido perante o Tribunal Supremo, segue tendo hoxe tanta vixencia como cando os presidentes portugués e galego entraron no nº 11 da rúa Tabernas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario