Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







sábado, 7 de marzo de 2015

Un sospeitoso incremento dun 45% para a normalización na USC

A tramposa redacción das notas de prensa da Xunta pode facernos pensar que a Consellería de Educación vai incrementar este ano o presuposto da USC para a normalización nun 45%. Segundo a miña interpretación, despois de anos de levar lendo este tipo de notificacións, seguramente o incremento será dun 3,7%. Explícome.
En primeiro lugar, non se trata dunha achega á USC senón ao Centro Ramón Piñeiro de Investigación e Humanidades (CRPIH). O orzamento que desde a Xunta se lle asignou o ano pasado a este organismo foi de 185.696 €. Este ano a asignación foi de, tamén, 185.696 €. No anuncio no que se fala dun incremento do 45% tamén se afirma que a cantidade que vai recibir o CRPIH superará os 192.000 € (son exactamente 192.516 €), isto é, un incremento do 3,7%. Entón, mente a Xunta? Pois si e máis non, pero máis ben si.
No Consello da Xunta do 5/03/15 aprobouse unha addenda ao orzamento inicial:
Nesta ocasión a addenda nas actuacións programadas ao abeiro da addenda [sic] afectan o proxecto Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal) e a o proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA)
Polo que con toda seguridade o incremento do 45% ao que se fai referencia será para esta acción en concreto, e non para a totalidade dos proxectos de normalización da USC como se dá a entender desde o propio titular da nota de prensa.
Velaí que cómpre ter moito coidado cando se len as notas de prensa emitidas pola Xunta. O triste é que en moitos medios aínda non aprenderon a lelas. Será que non queren.

Unha nota aparte
Os presupostos adicados ao "fomento da lingua galega" non deixaron de ir cara abaixo. Se xa no ano 2013 Nel Vidal denunciaba o enorme decrecemento sufrido nos anos anteriores, cunha redución do 70% no período 2007-2013. Con todo as cifras non deixan de baixar ano tras ano, coa consecuente redución de servizos normalizadores. Os orzamentos dos últimos tres anos foron de 7.454.355€ (2013), 7.079.868 € (2014) e 6.740.182 € (2015), o que significan reducións interanuais dun 5% e 4,8%.

P.S.: despois de publicada a entrada entereime de que o CRPIH non ten nada que ver coa USC. Polo tanto a nota de prensa da SXPL non é outra cousa que un monumento a Kafka.

Ningún comentario:

Publicar un comentario