por Manuel Lourenzo, no Sermos Galiza:
O teatro é a nosa ventilación, unha constante xanela aberta.
Os pobos dominados, pisados, abafados, carecen de teatro.
Ao pobo galego, dada a súa dramática historia, custoulle arrancar co teatro.
Nos primeiros momentos domina a paixón didáctica. Hai que salvar a lingua, porque nela radica a palabra, a expresión, o xesto. O teatro faise con persoas fortes e cunha lingua potente e orgullosa.
A lingua galega culta saltou do medievo aos comezos da era científica. Xa no século XX, reaxiu coas Irmandades da Fala e superou dúas ditaduras especialmente cruentas.
Despois, sobrevive en América e, se falamos de teatro, coñece a convulsión dos anos sesenta: a mocidade e o tecido social máis comprometido, contra o capitalismo e pola liberación dos pobos e das persoas. Aí nace un novo pacto, unhas novas linguaxes, tanto artísticas como estratéxicas, que nos levan da desesperanza de Beckett á vitalidade da aventura. Novos ámbitos físicos, estéticos e ideolóxicos plantan a súa raíz nas ortopedias catalépticas das artes. Renace, con independencia, a vella máscara, que nos vai permitir enfrontarnos á mentira, á vacuidade, ao conformismo.
O teatro dos setenta é un “renacer” que xa promete algún futuro, tanto no relativo ás nosas raíces culturais, canto á consecución dunha voz propia, dun diálogo real sobre o mundo que nos compete. Que é Galiza, ben certo, mais tamén a Terra enteira.
Cando é que derivou o noso teatro? Que aconteceu na “transición”, coa entrada de diñeiro público e dunha profesionalización, tantas veces aliada do puro “comercio”? Como é posíbel que un teatro aínda tan florecente como o de mediados os noventa, estoupase de feito como un globo pinchado por un neno?
Por que non se aproveitaron “estruturas” como Ribadavia, por exemplo, para facer unha Cidade do Teatro, ao xeito de Stratford-upon-Avon -salvadas as distancias- ou o Mondoñedo de Cunqueiro, a cidade de Merlín, de Don Hamlet, de dona Inés...? Por que morreron todos aqueles festivais que restauraban a saúde do país? Por que non fixemos do teatro ese “sector económico estratéxico” de que fala a Declaración deste ano?
Non parece senón que a “crise”, que o capitalismo converteu na súa estratexia axial para estes tempos remontábeis, viñera bautizar os rumbos do noso teatro, da nosa cultura, da nosa lingua en especial, hoxe couceada en todas as frontes, como resultado deses anos de “abundancia” en que non se chegou a falar de teatro realmente, mais de cartos, de “pringues”, de influencias...
E aínda haberá quen pense que foran os cartos da Xunta os que inventaran esta arte... Teño que dicir, coa convicción que dá o razoamento, que o teatro non o fai a Xunta, nin o Goberno Español, nin a Comunidade Europea, nin a O.N.U. Esas instancias teñen, iso si, o deber de axudalo a medrar, a manterse, de defendelo contra os perigos da política, interior e exterior. Mais sen tocalo. Nin no ventre nin na cabeza.
Hoxe é un momento triste. Para o teatro, para a lingua, para a cultura, para todas as grandes conquistas da humanidade.
Mais por enriba da ira, da furia, da necesidade perentoria de xustiza polo que levades arrasado, queimado, destruído con ferocidade asasina, paira aínda a nosa luz, a nosa forza, a nosa solidariedade e competencia para reconstruír o que vós, as ratas -pídolle emprestado o heterónimo a Luís Seoane- con tanta ansia desfixestes.
-Lido o 26 de marzo no acto no que o BNG presentou o seu decálogo de apoio ao teatro desde os concellos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario