Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







venres, 6 de marzo de 2015

O galego no barómetro de Calvet

No mundo hai máis de 5000 linguas. Só un 10% delas, concretamente  563, teñen máis de medio millón de falantes. O barómetro Calvet consiste nunha avalición da vitalidade destas linguas. En que posto estará o galego?
O barómetro clasifica as linguas atendendo a 11 parámetros. Entre eles está o do número de falantes. De atendermos únicamente a este criterio, colocariámonos no posto 192, e a primeira lingua de todas sería o mandarín. Agora ben, se no barómetro nos valoraran tendo en conta únicamente á vitalidade da tradución entre o galego e outras linguas, o número de entradas na wikipedia, a penetración de internet e o noso desenvolvemento social, ascenderíamos ata o posto 30.
Outros parámetros a ter en conta para a elaboración do barómetro son, por exemplo o rango de oficialidade da lingua ou a entropía, un concepto que ten que ver coa probabilidade de atopar a algún falante da lingua en países estranxeiros.
Finalmente é unha fórmula matemática a que pondera todos os ítems avaliados e a que nos ofrece a clasificación final. Na páxina do barómetro Calvet temos a posibilide de cambiar a ponderación de cada un dos parámetros e recalcular así a clasificación. Precisamente iso foi o que fixen para obter os postos para o galego sinalados nos parágrafos anteriores. Se non variamos esta ponderación o barómetro ofrece para o galego un honroso posto 49, un pouco por encima do euskera, situado no posto 51. A tres linguas situadas nos postos inmediatamente superiores son o occitano, o lituano e o ucraíno.
O galego aparece en mellores posicións que algunhas linguas que se falan en europa, como o flamenco, o galés ou o bretón. Tamén ten mellor puntuación que linguas, como o xavanés, que conta con máis de 84 millóns de falantes.


Máis información:

Ningún comentario:

Publicar un comentario