Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 25 de marzo de 2015

Apego ao galego



A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo son os 12 concellos que se apuntaron a botar a andar o proxecto Apego co fin de ofrecer un salvavidas á socialización en galego nas idades máis temperás. Todos estes concellos teñen un Servizo de Normalización Lingüística, presuposto imprescindible para poder levar a cabo este proxecto xa que serán os técnicos de normalización quen o desenvolvan. Vemos nesta ilusionante proposta outra vez como a política lingüística do goberno vai contra o impulso social a favor do galego xa que unha das liñas directices da Xunta foi a da falta de apoio a estes SNL.
Apego quer ocupar ese espazo de benvida dos nenos que nacen mirando o modelo de Finlandia. Un paso fundamental será a da distribución de caixas nas que os futuros pais encontrarán un libro de recomendacións, un álbum de primeiras experiencias, unha manta-apego, un medidor,.... A finalidade é a de recibir ás crianzas desde o compromiso da transmisión da lingua, un espazo que, sen dúbida debía ser asumido non só por esta ducia de concellos, senón pola súa totalidade. Veremos como aquí a inútil Rede de Dinamización Lingüística segue afondando na súa inutilidade.
Non sobra botarlle un ollo ao vídeo no que a técnica do SNL de Pontevedra, Conchi Cochón, explicou nos X Curso de Verán de dinamización lingüística, explica moi detalladamente en que consiste o proxecto. Unha das pólas do mesmo que parece que polo momento non se pode desenvolver consistiría na creación dun espazo web no que os pais compartirían experiencias sobre a crianza dos nenos. Non sobraría que as Consellarías de Sanidade, Educación e Benestar tomasen por unha vez a iniciativa e desenvolvesen este proxecto. Aviso aos zunantes: non teñades medo, non o veremos.

P.S.: Nace o proxecto apego

Ningún comentario:

Publicar un comentario