Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 5 de marzo de 2015

Sr. Presidente (II)

velaquí a segunda entrega da carta de David Otero ao presidente, no Sermos Galiza:

Quen se dirixe a vostede e xa avisa de antemán para os listos titulados, uns poucos, ou os cargos de ilustrísima, outros poucos, avisa digo de que non é sociolingüista ( nin lingüista siquer), como así se lle avergoñou ( que máis quixesen conseguilo ) a algún compañeiro meu, pero iso si, como xa lle dicen anteriormente noutra carta, si eu sonlle galego. Un galego de ser e de estar, polo que vou seguir dando nos aros das duelas para que estes bailen o menos posible e así as duelas aperten ben ( xunten) e asemade se garde no pipo de todas a de todos ( como é debido) a esencia mellor de nós: a Lingua ( que hai algúns e vostede coñéceos aos que lle gustaría vela picada, agreteira, vinagre, vamos que de mal labio, mesmo ata perdida, e mire que vostede vén de por cerca do Ribeiro e pasa ben veces por xunto dos seus e así eles pasan de “ Riveira e Puebla”, que lle parece entón o choio ?). E mire que por moito que se airee o pano, non lle é doado saír dela, se un non se mete e vostede ten moito onde meterse. Píllao?
Dicíalle na anterior como aconsello que de sentir desexos de chegar a consenso para dinamizar a nosa Lingua, debería falar cos seus, cos que o puxeron na Presidencia. Elas e eles teñen moito que dicir e moito que facer por iso, e digo coherencia, pois saiba, e que lle valia de exemplo, por poñer un, que hai ( ou houbo) algún alto cargo do seu Goberno, e ao mellor mesmo ata foron máis, que é especialista en Lingua Galega ( superou todos os niveis) e de (para) que lle vale(u)? Ao mellor, nalgún momento, como mérito de pasar por riba doutro cun humilde CELGA ( que pobres profesoras e profesores… sábeo?), pero desde logo como sustento de formación contrastada para uso e sentir normal o idioma…diso nada. Non lle valeu, pois non usou a Lingua Galega como debese ( e quizabes sexa un deses da enquisa que pide liberdade, que nada de imposicións). Será dos que di que empregan a Lingua por veces como cando por ocurrencias e non moi grandes? por chistes? ou por dicir a chulerío, argumentar, que el é tan galego como calquera? ) Vaites, vaites. Pensa vostede que esa é unha actitude positiva e constructiva para seducir a uso o noso idioma? Que dirán os seus propios compañeiros de viaxe pola boca pequena? Para que fixo esa especialidade ? ( e pola contra o mozo de Ames non ten ficha de portiva por entregar un papel na súa e nosa Lingua).
Formalice pois os envites, vale, pero fale cos seus de primeiras, que se poñan nas actitudes de obra, pois das improvisacións ou falsas alegrías poden xurdir desculpas que logo se xustifiquen e mal nas coherencias dos outros.Téñao en conta.Dea pasos seguros sobre terreos non moi solidificados. Faga camiño. Poña remedios. Basta de fustracións ou de leas de feireantes casposos para non trilar como deus manda e así despistar ( desorientar) á xente, ou sexa, moverse para que nada se mova. As cousas clariñas.Quen teñen máis que compoñer e recompoñer son vostedes, tanto os do goberno como quen o fixeron posible para que democráticamente ( faltaría máis!!!) lle digamos Presidente.Semella , mesmo que por discursos recentes, que con vostedes non vai o asunto e que son os demáis quen se negan a amañalo.Pois non…quen teñen que dar contas e responsabilidades directas son vostedes.
Mire vostede, trate de non cercar ( afogar) a nosa Lingua no ensino.As competencias son para poñelas en acción, uso, creación, desenvolvemento ( e non no ensino soamente).Devólvanos a esencia da LNL de antes do decretazo tristemente famoso.Ese será o punto de comezo. Como se pode impartir Coñecemento do Medio en inglés? Que proposta pedagóxica ( non pedabóbica) o soporta e o resiste? Iso élle querer irse de quen somos e estar sen estar.Mesmo cando anuncian algunha luz esta xa vai en asombramento, pois sacar a Lingua do ensino para que incida na sociedade non quere dicir desescolarizala. Non fagan as cousas para gañar tempo, nin para despistar e ollo coa maldade ocorrente de tamén regular a nosa Lingua a uso na sociedade por decreto de tempos e momentos,que a todo se pode querer chegar.
Tocan pois os momentos das súas competencias en certo. Mova os fíos.Vostede pode. Déalle estatus de dignidade á nosa Lingua. Póñaa no seu sítio desde o seu goberno. Exemplaricen vostedes o seu uso para así animar, mesmo seducir, a uso e interdisciplinariedade. Sexan pois máis Nós, si, séxano no dentista, en Monte Pío, na taberna, no ir e vir de tantos actos, en Ferrol, na Coruña, na Casa de Madrid, no Senado, na diáspora, alí onde se deba notar a presenza de Galicia, a das galegas e a dos galegos. Que lles digan “ mira que acento gallego tienen” ( e vostedes nesas postos e cheos de fachenda, de identidade) .Sexan máis Nós.Proclame vostede e o seu goberno no Parlamento a inocencia de Alexandre Bóveda, poña a servizo noso a obra de Castelao, anuncie en firme ( e que repiquen as campás das igrexas de Galicia) a volta ao contido da LNL como medio e referencia de cumprimento para todas e todos avanzar. E saíba que partir do que hai non ha querer dicir quedarse aí por moi bonito que iso for ( que non o é). Hai máis.Quédanos moito máis.
Señor Presidente, neste noso pobo non hai que vencer a ninguén, hai que convencer, seducir, volver a nós para atoparnos e determinarnos.Niso e é razón hai que educar, pero tamén nós temos que ser educados.A nosa Lingua , Sr Presidente, non é soamente unha asignatura, hai ben tempo que o dixen, pero moitos menos lle é unha signatura.Recorde que todos os proxectos han ter traxectos e niso todas e todos indo debemos ver a árbore na semente.Teña coidado con quen lle escriben as historias, os cantos, os contos e as contas.Estas últimas teñen quer botalas ben.Vaiamos indo.

do,febreiro MMXV

Ningún comentario:

Publicar un comentario