Dante Alighieri toma de novo repercusión e autoridade no noso idioma, nunha elaborada edición desas que impactan ao bo lector e que aporta Edicións da Curuxa (2014). De renovada tradución de Darío Xohán Cabana, cunha ampla e profunda introducción, partillada en dúas temáticas: “Vida de Dante” e “A Divina Comedia”, con extensas notas a lado de páxina, creando un ordenamento estético que define a este libro dentro dun cadro espacial moi definido dando rigor e singularidade a unha edición ben pensada e estructurada.
Cando dicimos nova tradución da Comedia de Dante ao galego referímonos á superación daqueloutra, a primeira que traduciu Darío Xohán Cabana, cuxo formato non era dos mais manexábeis para o lector. Nestas lides, Darío é un excelente conductor dos grandes monumentos da poesía clásica como é Dante, Petrarca e outros grandes poetas italianos que foron traducidos por el ao galego. Un extraordinario e doloroso traballo que cando se asume e verificamos seus logros e resultados convértese en legado permanente para futuras xeracións asentadas na nosa fala.
O mundo editorial galego tan descoidado en traduccións, Edicións a Curuxa asume e transcende na superación destas carencias. Sen tradución de linguas orixinais cara o noso idioma a normalización lingüística non é posíbel sen percibir as grandes e universais obras sen espallalas entre o lector galego. No campo das traduccións cara o galego, comeza agora unha xeira nada tímida de obras universais, por parte de persoas que se decatan que o idioma galego se continúa ausente na recepción de obras e autores con impacto global. Esta ausencia significa non só un agravio senón unha desconxuntura que descontextualízanos das esixencias que os novos tempos requiren.
Nesta cuestión, as administracións implicadas na normalidade idiomática miraron cara outros horizontes, desentendéndose do vital que representan as traduccións para un país como o noso, que precisa dun renacer vital e intenso. Unha literatura creativa e ordenada precisa doutras experiencias creativas onde a tradución pode e debe ampliar varios campos literarios. Lamentablemente, os lectores en galego temos que pasar polo aro do castelán cando leemos a un autor noutra lingua. Esta especie de colonialismo se non se percibe ocúltase para intensificar a desfeita, por parte de consabidas administracións. Nesta dirección, as editoriais galegas non foron capaces de crear estructuras nen fomentar un ambiente propicio para ofrecer ao lector esas grandes obras ao noso idioma.
As traduccións de Darío Xohán Cabana veñen a cubrir un espacio esquecido e deostado, cuns autores e cunhas versións que nos colocan no inicio dos inicios que non deben ser vulnerados polos que estamos nas trincheiras defensivas da lingua. Cabana é dos primeiros que nos trouxo os clásicos do Renacemento italiano ao idioma galego. Un traballo incansábel e esgotador que, necesariamente, precisa das dádivas do lector para fomentar outras entregas que, tal vez, o Darío teña en mente.
No eido dos desequilibrios de traduccións que temos os galegos, a tradución de A Divina Comedia en galego leva seiscentos anos de atraso con respecto ás edicións en catalán, velaquí algunhas referencias: Bernard Fabrer traduciu e publicou no século XV A Divina Comedia por primeira vez en catalán, en 1878 Cayetano Vidal aporta outra tradución, en 1908 Antoni Bulbena-Tosell publica outra tradución, en 1921 aparece a de Narcís Verdaguer i Callís, en 1950 sorprende a versión de Josep Maria de Segarra. Acompañan a estas traduccións, xa míticas, outras tantas de actualidade que encontramos nas librarías catalanas. É así como se engrandece unha lingua e un país. Digamos de paso, que as editoriais catalanas, nos inicios do Modernisme e do Noucentisme, publicaron a tódolos clásicos, gregos e latinos; os grandes clásicos e modernos europeos e, aínda, a tódolos autores cristiáns da Patrística. Toda unha referencia para ser entendida en clave de país normalizado.
Os que leemos A Divina Comedia en versión castelán e portuguesa, cando un lee a versión galega de Darío Xohán Cabana non deixa de admirar todo ese tecido que non se desfigura do texto orixinal, engrandecendo a este. Un texto que nos fai comprender os tempos e os espazos polos que Dante Alighieri concentrou apoteóticos conceptos sobre as adversidades e conflictos da última metade do Século XIII e das primeiras décadas do XIV –período en que compón a Divina Comedia-. Nos tres iniciais versos do Canto Primeiro do “Inferno”, na versión de Cabana leemos: “No medio do camiño desta vida // acheime dentro dunha selva escura, // que a recta vía fora confundida”.
Como vén anota Darío, sobre estes versos: “A selva escura figura un período de extravío moral”. Versos que anuncian a decadencia medieval e o renacer dunha nova e esplendorosa época. Estas adversidades que anunciaban cambios as detectaron os grandes poetas, mais que os belixerantes dirixentes políticos e relixiosos. Na lírica galega medieval do século XIII, Airas Nunes, case contemporáneo de Dante, detectou eses tránsitos na vida social e moral que lle tocou vivir en Compostela, neste anunciado: “Porque no mundo mengou a verdade // puñei un dia de a ir buscar, // (...) Nos mosteiros dos frades regrados // a demandei, e dis[s]eron-m assi: // “Non a busquedes vós a verdade aquí// (...) outro camiño conven a buscar, // ca non saben aquí d’ela mandado”. Dúas versións ben concertadas sobre o cambio de época, a nova verdade de Nunes e o camiño escuro e temeroso de Dante anunciaron novas vías: axuste e renovo de época.
Unha tradución inxente que nos vén dun poeta notábel e escritor que cultiva diversas xéneros expresivos na literatura galega. A Comedia de Dante, en versión galega, achéganos ás grandes obras universais que deben ter presenza e cabida no noso idioma. Volver a Dante non deixa de ser un renovo gratificante.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
venres, 20 de marzo de 2015
A Divina Comedia en galego
por Xosé Lois García no Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario