por David Otero no Sermos Galiza:
Sr Presidente: non vou ser eu ( nin ninguén con quen eu amigo ou convivo) quen lle teña envexa algunha polos milleiros de quilómetros que faga polo mundo adiante, pero si aplicareille o conto polo que desas viaxes nos trae de ben para o noso pobo.Que se din que para que vai ? “ Para o que trae·”( contestamos).Que se non vai ? “ Total… para o que trae” ( dicimos). Así que mire, sen envexa ningunha , alá vostede. Faga o que entenda e lle fale a súa conciencia ( porque de noite coa almofada falará… ou?), que nós sacaremos as nosas conclusións, pois vostede abofé que de dar explicacións nada de nada. Xa nos ten afeitos. E por aquí hai que ver o ben que o pasa mitineando por terras de (“La”, din os seus) A Coruña, polas do (“El”) Ferrol ( del caudillo?) disfrutando do aquel de “ Ferrol quiere” ( non galego precisamente). Si señor, como diría don Anxel Fole, si señor, repetía. Actitude e consenso no horizonte.Vaites, vaites, diría Daniel.
Vostedes gustan dicir nos medios ( en privado éche outra) que a Lingua Galega é de todas e de todos, pero dígame se quere: como se usa esa pertenza? que se fai con esa herdanza? con ese ben inmedible ? Pois Galegas e galegos somos todos e todas , si señor, pero servir non é servirse. Vostedes dinamizan ou dinamitan? Ben á vista está que uns actúan dunha maneira e outros doutra. Uns teñen motivos para estar nela, na loita cotiá, na Lingua, defendéndoa, sacándoa a vivir, que mesmo alguén de seu de cerca di que aburrimos de tanto galego ( mesmo impoñémola) e outros ren de ren e por riba gárdana, afórrana, silénciana, fana refén, coidan de que non se use e de facelo sempre a mínimos ( a poder ser por festas de pouco gardar ou por chistes), cando non tratan de matala aos poucos e suplantala por outras “ finas e distinguidas” ( para vostedes). E como moito métena nunha gaiola ( decrétana) e que ben vestida, refén e controlada, voe dentro.Velaí as mentiras do poder. E nós, dígollo, non lle imos facer certo o dito de que “ o escravo sempre pensa coa cabeza do amo”.Non señor...nós non.
E Sr Presidente xa me dirá a que ven o seu discurso e o dos seus de cerca, membros políticos do seu goberno ( po-lí-ti-cos), con nómina e oficialía, que andan pola terra a dicir que basta de meter a Lingua Galega na política, que non é de partidos, que se tal e que se cal ( como se o DOGA fose noso para escribir nel libremente todos os días).Todo ao meu o poñen á vista para distraer e asemade escorrentar a parroquia do noso idioma. Todo para xustificar o que tan mal fan arestora por normalizar a nosa Lingua Galega. Mesmo algún propagandista, un bilingüe bífido, non ven ao caso dicilo nome, que o ten, anda a dicir que vaia a onde vaia, a el fálanlle en Lingua Galega. Eu non sei se este que así di disfrázase de xordo para certos mudos que lle falan. O señor ese terá traducción simultánea incorporada? Non o sei.O cerebro humano élle moi complicado.E a realidade, contada por uns e por outros, como se sabe, non é neutra.
A min gustaríame verme arestora ( sen estar conforme) nun país bilingüe polo menos. E non para que eu fale nunha lingua porque a outra non me gusta,non. Eu quero que se me dea un servizo sen o pedir eu ( que mesmo por veces nin caso me ( nos) fan, que ben recordo no enterro dun fillo dun patriarca Galego, patriota, pedíuselle ao crego que oficiase en galego e nada, nadiña). Pois quixer que de primeiras, aquí en Galicia, se me expresasen en galego e logo, se o pider ( que eu non), que se faga noutra ( inglés? español? ), pero acordado e consentido razonablemente sen líos, nin comparacións de valías que soamente caen nas estupideces. A Lingua que non é a propia acórdase. En Galicia…en galego ( e quen o pida por razóns de pura evidencia…noutra). Ben recordo hai anos en Cataluña que falaban de bilingüismo, si, en Catalá e en Inglés.Lingua de identidade e lingua de relación . Pois logo como ten que ser o bilingüismo? Diglosia? Por que temos que xogar á defensiva e non ao ataque ?: Para iso hai que ter claro o que é Galicia, pobo do galego, ou que…? Recorda as forras e dificultades que vostede puxo cando se quixo retocar o noso Estatuto? Recorda as súas miradas á casa Presidencial? Que ata ( mecaghiná) se propuso definir a Galicia como “ nación de Breogán”.E como tratou de gañar tempo e paro do proceso, voltas e máis voltas, para irmos logo marcha atrás e con poucos freos.
Pense vostede ben que para irmos á recuperación da nosa Lingua e das nosas e nosos falantes, cal concepción, idea, deberemos ter de Galicia. Tamén cal o contido esencial dela que a fai o que queremos que sexa ( Lingua Galega incluída por suposto).Non falen dos, nin das, falen de nós. Digan ( inclusivamente) nós entendemos, queremos, somos, pedimos, e non o de “ os galegos entenden, queren, son, piden”, Galicia agradecerá, etc.,como botándose ( ou estando) de fóra, como sendo simplemente vostedes gobernadores para as galegas e os galegos, como se con vostedes non fose a marea e non se mollan os pés. Póñanse na roda e bailemos todas e todos. Axuden a poñer ritmo, música e letra. Mesmo descompases, que os haberá. Pero entre todas e todos amañarémolos. Cada quen co que poida e saiba, pero sentíndonos todas e todos parte esencial do mesmo.Nesa pluralidade que integra a identidade.
Saiba Sr Presidente que as culpas pola perda de falantes , por moitas disculpas e por moitos discursos, cada quen tenlle as súas e ninguén se debe ir delas botándollelas aos outros.Para chegar a acordos, cada quen ten que saber de donde sae, que fixo e que rianxo leva consigo.Quen rachou o PXNL aprobado en purísimo consenso? E así no invocar liberdade e imposición obraron vostedes cun decreto de Plurilingüismo que avala aos inimigos da nosa Lingua e agola ao uso da miña Lingua. Pois dígame…que temos que falar en Galicia? ( temos ou non temos Lingua?) Non deben vostedes impulsar, pular, apuxar, a que se coñeza e se use? Don Ramón Otero Pedrayo díxoo sempre: “ A nosa Lingua…o primeiro” ( e logo si que pode haber o segundo e o terceiro, claro…, pero o primeiro é o primeiro ).
do, marzo 2015.
Ningún comentario:
Publicar un comentario