No ano 2015 faleceron en Galiza 31.403 persoas, a maioría delas galegofalantes, e só houbo 19.346 nacementos. Por outra banda, como é ben sabido, nos últimos anos volveu caer sobre nós a sombra da emigración, e entre 2009 e 2015 máis de 142 mil persoas, todas elas menores de 35 anos e con coñecemento da lingua propia, abandonaron o país.
Alumnado do proxecto de radio RIANXO FALA do IES Félix Muriel (Rianxo) durante a visita ás instalacións da RTVG e a entrevista improvisada que Kiko Novoa e Carlos Jiménez, lles fixeron en directo durante a emisión do programa Galicia por diante.
Reportaxe audiovisual realizada polo Equipo de Normalización do IES de Foz en colaboración co alumnado do centro. Este traballo aborda a utilización do galego no concello en distintos ámbitos laborais a través das entrevistas con distintos veciños e veciñas. Foi estreado publicamente na Casa da Cultura de Foz o 12/06/18
Non poucas veces penso que me chegaría con seguir o traballo que fan no Equipo de Normalización do IES Félix Muriel (Rianxo). Hoxe, cando prendín o computador vin que se me enchía con 45 vídeos publicados por estes rianxeiros. Este de aquí é un deles, o resto pódense procurar na canle de You Tube do ENDL.
Parece increíble, pero esta excelente reportaxe foi elaborada por alumnado de 1º da ESO, rapaces de 12 anos. No vídeo sentiremos a forza cargada de razón destas rianxeiras que se pecharon no edificio municipal para reivindicar un centro de día para o concello. A súa unión tivo éxito, e a casa do cacique Viturro, do que nos falaba Castelao, será o edificio destinado para atender aos maiores de Rianxo.
Mil parabéns a este rapaces de 1º e a todo o ENDL
A Secretaría Xeral de Política Lingüística divulgaba o seu apoio [e +] aos premios Ofelia Devesa que se conceden no IES Xelmírez II (Santiago) e gabáse de contribuír así ao espallamento da ciencia en galego, xa que os premios Ofelia Devesa valoran que se ofreza algún aspecto científico tendo como protagonistas aos participantes.
A calquera se lle fai evidente que o nivel de hipocrisía non pode ser maior. Por unha banda sacamos a foto cos gañadores dun certame centrado na divulgación en galego dun aspecto científico mentres que a política lingüística que se leva a cabo é xustamente a contraria: a de prohibir impartir aulas das materias científicas na nosa lingua. Con este tipo de actos preténdese lavar as mans manchadas polo sangue do asasinato da transmisión da lingua ás novas xenenacións. Hai que ser moi estúpido, moi hipócrita ou ambas cousas para acreditar neste tipo de manipulacións.
Os traballos premiados
Os audiovisuais que recibiron o premio son os que compartimos aquí.
O primeiro dos vídeos da categoría (1º a 3º da ESO) é unha recreación do conto Dióxenes do libro Made in Galiza, de Séchu Sende que trata sobre a morte dos porco espiños, e en xeral, os animais mortos nas estradas. A este respecto, convén lembrar a guía de lectura realizada por Pilar Ponte. No apartado adicado a este conto recolle unha proposta de reflexión do IES Ramón Mª Aller:
Segundo os datos da UNESCO cada ano morren entre 25 e 30 linguas no mundo, e o 90% extinguiranse nos vindeiros cen anos, ao mesmo tempo asistimos ao nacemento ou consolidación doutras, especialmente os denominados crioulos ou pidgins. Cal coidas que será a lingua máis falada en Galicia dentro deses cen anos?
O segundo dos vídeos premiados, o da categoría 4º ESO e Bacharelato, trata sobre a comparación entre o cerebro e os ordenadores. Unha reflexión sobre o funcionamento da mente.
O proxecto VIDEOCONECTAD@S é unha proposta de DINAMIZAESTRADA . O IES Antón Losada (A Estrada) realizou dúas videoconferencias sobre un variado repertorio de temas científicos e que estaban destinadas a dous centros de Primaria. Neste vídeo recóllense as charlas dixitais e correspondente coloquio final co alumnado do CEIP O Foxo (A Estrada) co alumnado de 4º ESO da materia de Cultura Científica.
A resposta foi múltiple e indignada. Pero como a zunia sempre ten que estar demostrando que o é, a resposta da Real Academia Española foi a de rectificar parcialmente, para insistir na deturpación
Se o 5 de xuño a grafía era *Sanjenjo, o 6 de xuño pasou a ser *Sangenjo. Son as cousas das linguas como o castelán, que cambian dun día para outro. Con esta inseguridade lingüística eu recomendaríalle aos que aínda falan nesa lingua, que comenzaran a valorar seriamente facer a súa vida en galego, xa que nesta nosa lingua non se dan eses bailes aleatorios.
Con todo, o empecinamento da RAE é de
Aunque hay documentación histórica de ambas grafías, la que ha quedado fijado como forma tradicional española es «Sangenjo».
Ante este agravio houbo varias institucións que responderon. A Deputación de Pontevedra consideraba que non se trataba dunha cuestión de grafía, senón de respecto, ao tempo que consideraba escandalosa a recomendación da RAE "fóra de usos oficiais". A Academia Galega tamén interveu establecendo que só recoñece a forma "Sanxenxo", e que éste é un topónimo galego e ésta é a única forma recoñecida.
Nin a Xunta, nin a Consellería de Cultura e Educación, nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística interviñeron para defender a lingua galega. Isto é o máis terrible do episodio, mais tamén isto é o que ven sendo habitual pois parece que estes organismos están do lado dos agraviadores. As razóns de por que isto é así poden sacarse do seguinte vídeo, no que o ex-presidente do goberno español, Mariano Rajoy anunciaba que deixaba de dirixir o PP. Nun momento da rolda de prensa fai referencia a este partido:
"yo se lo he dao todo desde hace muchos años. Hace 40 yo pegaba carteles en el municipio pondevedrés de *Sanjenjo/*Sangenjo"
Se aqueles que nos gobernan son os que renegan da lingua, pouco importan leis e normas, os agravios ao galego están garantizados e serán defendidos por moitas razóns que se lles poñan por diante, sexan éstas lóxicas ou legais, non importará. Soldados e capitáns réxense todos por unha mesma ideoloxía, a do supremacismo lingüístico.
Para que despois digan que hai que deslindar a lingua da política. Ben se ve que é imposible.
Un diálogo entre o alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e o alumnado de galego do Centro de Estudos Galegos de Varsovia. Sabedes que é un fato? un cocho? os chuchos? un pícaro? Ademais de escoitar aos polacos falando a nosa lingua, non convén perder a tertulia final. Moito teñen que aprender os tertulianos das nosas teles deles!
Foron dúas horas de festival na que participaron 800 rapaces dos centros de ensino da comarca ferrolán. Foi pasado 5 de abril no Auditorio de Ferrol. Trátase da XXVI edición da "Mocidade coa Lingua" A banda da Loba, foi a estrela da programación na que tamén estaban, soben a escenario outros 35 músicos en 8 actuacións en dúas horas de festival.
O primeiro en subir ao escenario será o Coro Solidarium do IES Terra de Trasancos, de Narón, seguidos de Irene Beceiro e Manolo Dopico, do IES Concepción Arenal. En terceiro lugar, Arredemo, do IES de Fene, Raptios, do CPI de Atios (Valdoviño), cunha proposta de rap en galego, o Carvalho Quartet, do IES Carvalho Calero, seguidos de Pay FUNk-Ta, do CPR Tirso e no peche,Indianos, está formado por alumnos do IES Fernando Esquío, de Neda.
Este podcast é un dos moitos que podemos achar entre as actvidades realizadas pola Biblioteca a Deputación da Coruña . O que se pode comprobar é que está moi ben elaborado, e que ten como resultado un excelente programa radiofónico sobre a autora protagonista do Día das Letras 2018. Conta coa participación de Francisco Castro, Fran Alonso, Montse Pena, Xavier Senín, Marilar Aleixandre, Ánxela Gracián, Eli Ríos, Pilar Álvarez, Antonio Fraga, Pedro Ferriol e Begoña Llácer.
Outra excelente achega traballada arredor das celebracións do 17 de Maio, e non é a única.
Non é éste o único podcast sobre María victoria Moreno. Nesta ligazón podemos acceder a unha boa colección deles.
Recollo esta imaxe de Carlos Rodríguez Pérez, e que tivo certo "éxito" estes días na arañeira virtual por motivos obvios.
O triste do caso é que este produto xa leva anos comercializándose e que personaxes públicas de moita relevancia espallan a mesma deturpación do topónimo.
Un grupello reducido de antigos alumnos da Escola de Náutica da Coruña abandonaron o acto de homenaxe á súa promoción, a do ano 1968 -celebrábase o 50 aniversario da mesma-, porque as autoridades presentes, alcalde da Coruña, secretario da UDC e un representante da Xunta, utilizaban en tan solemne acto académico o idioma galego, lingua propia e oficial da universidade e do país. Particularmente, un dos ex alumnos, bocalán e malfalado, ergueu a voz, mentres abandonaban el e outros a sala, para bramar cheo de carraxe contra o uso do idioma galego en tal contexto, afirmando que tal utilización era unha vergoña. Mais tamén é certo que a inmensa maioría dos antigos alumnos e persoas diversas asistentes ao acto manifestaron en todo momento a atención precisa e o respecto debido en tan formal, e por outra banda entrañábel, cerimonia universitaria.
Entrei na casa e bañoume un cheiro intenso a caldeirada, a voz de miña nai ouvíuse no fondo, atende ao que ten túa nai, unha cousa que nunca viches, tróuxenos para ti. Enriba da mesa uns toros de peixe cocido que para os meus ollos pouco espertos podería ser perfectamente xarda apañada antes do tempo. Abre un, abre. E fiquei parvo. Tiña por dentro unha espiña dunha cor tan bonita e tan intensa e tan difícil de definir... O máis próximo sería o espazo entre verde mar e azul turquesa. Apunta a palabra que despois esquénceme, son pataguillóns.
Un ano tras outro facemos referencia neste blogue á iniciativa 21 días co galego , por ser un traballo referencial na normalización lingüística. Por múltiples razóns, nesta ocasión, foise adiando esta entrada. Entrementres 21 días co galego recibiu un merecido recoñecemento da Academia Galega ao seren invitados nunha xornada de Encontros coa xente nova que se celebrou por primeira vez o pasado día 08/05/18 na Rúa Tabernas nº 11 (A Coruña)-
Quen mellor relatou este Encontro foi o portal educativo Botónsnun artigo cargado de información e con vídeos propios no que se daba conta fiel do desenvolvemento do acto. De alí recollín este vídeo, coa intervención de Lía Lema, alumna do Colexio Fogar Santa Margarida, cun discurso realmente impresionante e que debería divulgarse e fomar parte do peto educativo para a reflexión sociolingüística.
Lía é de Laxe, chegou á Coruña hai 8 anos. Explícanos como actúa a presión lingüística do español para o cambio de lingua e propón algunhas consideracións sobre o uso do galego e a súa situación actual.
De seguirmos as actuacións da política lingüística da Xunta de Galicia, concluiríamos que as súas actividades redúcense a fumegar o panorama político. Collamos un exemplo típico, o que se presenta neste vídeo. Feijóo acude ao VIII Encontro da industria alimentaria na Coruña, e a súa intervención, en contra de todos os consensos en materia lingüística, faina en castelán. Este proceder é tan habitual no presidente da Xunta que case a diario hai un audiovisual mostrando esta práctica. Podemos imaxinar que a cantidade de actos e intervencións nas que renega do galego é moito maior. Se o presidente renega da lingua galega acotío está dando a entender que é completamente prescindible. A un tempo demostra que a Xunta non está comprometida co seu uso nin coa súa normalización.
Entón, como debemos entender que o mesmo o día e á mesma hora o secretario xeral de política lingüística se reúna cun pequeno grupo de empresarios para sacarse unha foto con eles e poder emitir un comunicado no que pretendidamente se está a favorecer a galeguización no mundo económico? De ser certo o que se di neste comunicado, teriamos que estar escoitando a intervención de Feijóo en galego. Como isto non é así, ese presunto apoio á galeguización empresarial queda nunha fumareda intoxicadora que pretende ocultar unha realidade atroz, a dunha Xunta aniquiladora da lingua. O máis grave deste intento de encubrimento é que está substentada por un organismo, a SXPL, que debería ser o máis radical garante de normalización da lingua.
Unha cuestión á marxe. No comunicado da SXPL fálase dun Plan de dinamización do galego no tecido económico. Alguén sabe dalgunha medida efectiva dese Plan?
O galego, ademáis de ser a lingua propia de Galicia, constitúe o noso principal patrimonio inmaterial, o que nos fai propios e diferentes. O cerne da nosa cultura e do noso xeito de estarmos no mundo. Malia non ser xa a lingua materna de centos de milleiros de galegos a nosa lingua é un patrimonio común a todos. Tamén aos que aprenderon (aprendimos) falar en castelán.
Pasou o “Día del gallego” e a lingua xa está toda feita até o ano que vén. Co esmero deste ano, ademais, quedounos niquelada incluso até o 2020.A edición 2018 da festa das letras vernáculas prometía xa hai unha semana cando Feijóo I O Sociolingüista achou a resposta á pregunta do millón: por que perdemos clientela galegofalante na rapazada? “Porque os mozos son libres e quedaron fartos da política lingüística do bipartito”. Os menores de 9 anos, que son os que leva O Noso Presidente en Monte Pío, falarán todos en galego, supoñemos. E, se non, culpa do bipartito. De non marchar a Madrid ou ao consello de administración dunha eléctrica, Feijóo ben pode fichar por algún club de primeira como defensa central: expeditivo e mestre en mandar balóns fóra como el hai poucos.
Chegoume este vídeo de Trafegando Ronseis. Ao premer o play, Lera Boroditsky, profesora de ciencias cognitivas da Universidade de California ofrece neste relatorio TED varios exemplos de como a lingua modela a forma do noso pensamento.
Hai linguas que teñen unha gran cantidade de palabras para identificar as cores do espectro, outras apenas diferencian "claro" de "escuro". Os Kuuk Thaayorre, de Pormpuraaw na costa oeste do Cabo York, no continente australiano, foron obxecto de estudo de Lera Boroditsky. Eles non usan conceptos como "esquerda" ou "dereita" pois todo o refiren aos puntos cardinais. Esta forma de comunicación está moi ligada ao territorio, xa que Pormpuraaw é un lugar desértico, sen referencias xeográficas que indiquen as direccións. Pola contra, os galegos temos todo o territorio nomeado. A nosa lingua é xeografía, de aí que só nós teñamos un Otero Pedrayo. Tal é o noso apego á xeografía que cando nos pregunta por unha dirección, contestamos: "vai por ese camiño e á man dereita verás un desvío e unha casa de pedra. Por aí non é. Segue dereito...."
En español "ponte" é masculino, en alemán (e en galego) é feminino. Lera comenta que os españois atribúenlle ás pontes cualificativos que os prexuízos e as convencións sociais asocian ao "masculino", porén os alemáns danlle atributos "femininos". Pregúntome cal é a conformación galega do concepto "ponte".
"Hai 7000 línguas faladas en todo o mundo e podemos crear moitas mais. O tráxico é que estamos a perder moita desa diversidade linguística a cada momento Perdemos cerca de unha língua por semana e segundo as estimacións, a metade das línguas do mundo desaparecerán nos próximos 100 anos. Unha notícia ainda peor é que agora, case todo que sabemos sobre o espírito e o cerebro humanos baséase en estudos de estudantes universitarios normalmente americanos e anglófonos. Isto exclúe a case todos os seres humanos."
Iso é así. A grande maioría do país tenlle lei ao galego. Quérelle ben. Se reparades, poucas causas hai no país -se algunha- que mobilicen tanto -que sexan tan transversais, por usar ese palabro- como a causa colectiva pola dignificación do idioma que nos dá nome.
Coñecina en 1993. Por aquel entón eu estreaba os 26 con ilusión e ganas de cambiar o mundo. Coma todos. Cando cheguei a aquel instituto de Pontevedra pensei que sería máis doado do que foi. Normas non escritas, un alumnado problemático, profesores que levaban anos na ensinanza. E eu que acababa de saír da facultade, cos meus zapatos de cores e un sorriso nos beizos.
Dise con frecuencia que a lingua galega está morrendo. Non podo estar máis en desacordo. Á lingua galega estana matando. Non morre coma se fora vítima dun accidente, dunha enfermidade ou das inexorables leis da evolución que obrigan a adaptarse ou morrer. Trátase dun crime premeditado, planificado e executado por criminais perfectamente conscientes, que saben o que fan e o que queren e actúan con premeditación e aleivosía; nin sequera se lles pode aplicar a atenuante de ignorancia porque saben perfectamente o que están asasinando e o que significa.
Os cativos da Escola de Barciela, pertencente ao CRA de Vilaboa, presentan "Mar adiante", a primeira novela de María Victoria Moreno. Vese que traballaron o tema, pois no vídeo vemos como presentan un libro feito por eles. Ademais son quen de presentarnos á autora homenaxeada no Día das Letras 2018:
Todo empezou por un viño nunha cea dun interesante encontro herculino de psicanálise onde se falava de Sade e da esencia da perversión. O viño era tan bon que deu parola a preguntármonos que era a verba guímaro coa que se bautismara aquel gorentoso viño. Eu só lembrava que Franco Grande definía ese vocábulo como un adxectivo semellante a espilido, vivo, activo e sagaz. Meu irmao pequeno, o mitólogo, díxome ao telefone que era unha especie de familia mítica das terras luguesas. Así as cousas, mentres preparava o poema para a homenaxe a Carvalho Calero, desprezado un ano máis pola Academia Galega, un amago de neurose obsesiva adonouse da miña vontade e deime á pescuda deses enigmáticos guímaros. Alén dos viñedos de Doade debruzados no Sil, o primeiro guímaro dun dicionario de español falavame de bufón e hazmereir, mais tambén dun apelido común en Brasil e Portugal.
A primeira vez que intentei expresarme en galego tiña catorce anos, recén chegada de Cuba. Non coñecía a familia de aquí, en particular, a miña avoa Xosefa Fernández Millares. Meu avó, Xosé Porteiro Irimia, morrera pouco antes e non me deu tempo de preguntarlle polos devanceiros, nin de que me levase persoalmente ata o pedregal onde nace o Miño, ou saber daquel bisavó que se alistara no exército carlista, tampouco de como facía aquelas zocas tan xeitosas que todo o mundo lembraba, ou da fabulosa historia daquela súa irmá que lle botou un meigallo e lle fixo perder varias colleitas e ver morrer as súas vacas máis prezadas. Pero tiven durante tres anos -logo morreu- a nai do meu pai que nacera en Santalla, na Ribeira de Piquín. Casou con aquel mozo lanzal e máis novo ca ela, de Candedo, preto de San Martín de Lúa. Meu pai, Xesús, foi o fillo máis vello pero cando sendo un rapaz viu o cepelín cruzar o ceo, metéuselle na cabeza que quería ser piloto, marchou a Madrid para facer o servizo militar como voluntario en aviación e xa non regresou.
Pasou o día, pero para os que amamos e vivimos nela, hoxe segue sendo Días das Letras.
Onte dábamos conta do principal acto do Día das Letras, a manifestación de Quremos Galego!. Hoxe toca repaxar algúns momentos que seguen ecoando como, por exemplo o deste vídeo publicado por Praza Pública, e que me encantou. Non só o vídeo, senón tamén o artigo co que se acompañaba, denunciando a actitude antigalega da Xunta, que vía o funesto decreto do plurlingüismo, quer desligar ciencia de uso do galego. E aínda máis, a restra de artigos deste dixital arredor do Día das Letras deste ano, é antolóxica. Debería ser de lectura obrigatoria en centros de ensino.
O certo é que a semana xa comenzara a tomar corpo arredor da celebración da lingua coa efervescencia dos chíos etiquetados cos hastags #Microespañolismos e #SiCaféConLeite. Todo comenzou cun reto do secretario de comunicación do BNG:
Anímádevos a contar os microespañolismos cotiás que padeces por falar en galego. Visibilizalos é importante para poñer en evidencia a falta de normalidade do uso da nosa lingua no noso propio país. Usemos hoxe #SiCaféConLeite e #Microespañolismos para contar cadaquén o seu caso.
Se ampliamos o intervalo de tempo, temos innumerables achegas dos centros escolares. Por poñer algúns exemplos, remítome ás que fun recollendo por aquí estes días anteriores: "A festa no faiado", da Escola Infantil de Sarria, "Xa non teño medo" do CEIP do Carballal (Marín), "Anagnóriseando" do IES de Vilaboa, ou o case-oficial Telexonal do CPI dos Dices (Rois)
Alén do mundo docente, tamén houbo achegas signficativas. Velaí o documental sobre María Victoria Moreno do concello de Pontevedra ou a agradable sorpresa do club de fútbol gaélico vigués Keltoi, que elaborou un audiovisual con lecutas da obra de María Victoria Moreno.
Houbo, e seguramente haberá, artigos de opinión que afortunadamente non poden deixarnos indiferentes. Eu escollín dous publicados pola revista Luzes. Un, do sempre sarcástico Antón Losada, cun título que adianta a melodía do contido: "O asasinato do galego", e outro do máis enterado do que se move no mundo dixital no ámbito sociolingüístico (e non só), Iván Méndez, quen en "Mil futbolistas máis para a lingua galega" mostra as caras da zunia, aínda máis monstruosas cando se comparan coa faz da defensa da lingua desde o que debería ser a normalidade máis normal de todos os días, pero que ata se ve rara, por infrecuente nun país anormalizado pola forza.
Para rematar este repaso á resaca do 17 de Maio, un par de ideas que me chegaron á ialma. Viñeron da Agrupación Astronómica Io, quen tivo a feliz iniciativa de elaborar un chío-fío coas (poucas) obras de ciencia publicadas en galego. Paga a pena miralo para decatármonos da febleza da cultura galega, e de quen é o responsable de estarmos nesta situación. Só se pode ser un hipócrita ou un idiota e seguir negando que os autores materiais da elaboración e aplicación do funesto decreto do plurilingüismo non son responsables da laminación da lingua de noso. Finalmente, uha nova luzada da Agrupación Astronómica:
Queremos un Día das Letras para a Ciencia. E o noso candidato é Ramón María Aller, pioneiro da divulgación en galego cos artigos que publicou na revista Logos. Axudádesnos a convencer á @AcademiaGalega co cancelo #LetrasparaAller? pic.twitter.com/2gO3yKahQY
GZ contrainfo parece que sempre saca os mellores vídeos das manifestacións do 17 de Maio. Desta vez acertaron completamente ao tomar como fío condutor do audiovisutal o manifesto do Correlingua coa actuación dos Labregos da Linguaxe rapeando "Rapea, que a lingua no para". Estes rapaces do IES Antonio Fraguas (Santiago) estiveron fantásticos.
Nieves Rodríguez foi a encargada de conducir o acto na praza da Quintana. Marga Romero, do Consello de Administración do Sermos Galiza foi a encargada da lecutra do minifesto “En galego día a día”. Tamén interviñeron, Marcos Maceira, da Mesa, Concha de la Fuente, produtora do programa da Radio Galega “O Diario Cultural”, Anxos Sobriño, presidenta da CTNL, Cesáreo Sánchez da AELG, Adela Figueroa, escritora, que foi quen sofriu en primeira persoa o famoso agravio contra a lingua galega no edificio da Xunta en Lugo cando ao solicitar que a atendesen en galego recibiu como resposta “Yo solo hablo castellano.
Ao estar metino no ensino secundario un acaba tirando sobre todo por recursos desta etapa cando é verdade que hai un mundo marabilloso para a normalización que cómpre desenvolver, sobre todo na educación infantil. Hoxe vai un exemplo, a adaptación do conto "A festa no faiado" de María Victoria Moreno feita polos nenos e nenas da Escola de Educación Infantil de Sarria
Velaquí a quinta charla do ciclo de divulgación científica "Achegando a ciencia" realizada no edificio do Vello Cárcere de Lugo, na que Xurxo Mariño fala sobre a neurociencia.
Noutras entradas ([1] e [2] )xa déramos conta deste excepcional programa de divulgación científica coparticipado polo concello de Lugo e o colectivo Caladiños.
Os alumnos do CEIP do Carballal (Marín), repiten éxito musical. O ano pasado fóra o Casares-ton, agora chegan coa produción "Xa nont teño medo", elaborada polo profesor Víctor Alfonso Castro Martínez, con coreografía de Paloma Pazos e texto de María Victoria Moreno. Tamén parcipa a ANPA!
vía Román Landín e Aula Botóns
Encantoume esta idea que recollín do IES Félix Muriel (Rianxo). Os rapaces de 1º e 2º da ESO traballaron os prexuízos machistas sobre os contos clásicos, pegáronlle unha volta, e devolvéronos unhas creacións dunha rapazada que traballou os prexuízos de xénero dunha forma orixinal e da que saeu un poduto agradecido.
Con certeza o acto máis importante do día se hoxe é a manifestación de Queremos Galego!. Alí nos veremos, clamando contra as prohibicións á lingua galega e por unha política lingüística realmente normalizadora.
O 17 de maio, “Día das Letras Galegas”, é unha data que confirma identidade e, tamén, respecto polo legado de permanencia no noso idioma. O idioma galego é o noso maior monumento inmaterial que confirma un profundo sentimento que manifesta a maior cimeira do que somos e do que non podemos ser alleos ao que nel expresamos, na palabra como nas letras. A homenaxeada deste ano é María Victoria Moreno (Valencia de Alcántada, 1939-Pontevedra, 2005). Veu a Galiza da longa e tantas veces esquecida Extremadura, a exercer de pedagoga e moi pronto pasou a exercer de galega falante, algo pouco usual naqueles que viñeron co idioma castelán ás costas e que non se desprenderon del, lamentabelmente. María Victoria asumiu o repto e foi unha pedagoga que exerceu de escritora infantil, maioritariamente. Neste caso, percibiu o problema que tiña a nosa lingua no espazo infantil, e fixo valentes esforzos de integrarse a unha realidade moi descoidada polos poderes institucionais. Confirmando o desfase daquelas escolas do antigo réxime, fixo posíbel alertar e alentar a seus alumnos cunha literatura propia. É verdade que ela non foi a iniciadora da literatura infantil galega, pensamos no noso grande Manuel María e en tantos outros. Mais non deixa de ser prodixioso que unha escolante en lingua castelá exercera en galego e, alén da literatura infantil, aportara outras escollas literarias. Non toca outra que recoñecer o seu esforzo e eficiencia, nunha época tiránica en que o ensino estaba vetado para o noso idioma. María Antonia Moreno foi valente e dignificou a fala que falamos. Por tanto fíxose nosa por amor á palabra que sae da nosa lingua e crea literatura. Unha referencia para volver á cal do rego, onde xermina semente verdadeira, e nos ofrenda perenne froito que a recoñecemos na lingua.
O Concello de Carballo puxo en marcha unha campaña para convidar a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais. Ademais do vídeo, a campaña acompáñase dunha serie de carteis CC. Que é iso? Así o explican:
Para corazóns contentos, para Compras e Caprichos, para Conxeniar e Convivir, para Cálidas Cancións, para Cafés e Confidencias, para Cabezas Creativas, para Cóxegas Cómplices, para Conversas Cruzadas, para Crebar Cadeas, para Celebrar Conquistas..., para Cantas Cousas! Para canto queiras podes usar e compartir a túa lingua, sen restricións, sen límites, sen dereitos reservados. A licenza do galego é libre, é CC, é Creative Commons, para que cada quen poida usalo onde e cando queira.
Campaña do BNG animando á galeguización dos nomes e restauración dos apelidos. No seu portal ofrecen información de como facelo.
Gustaríame ver esta campaña repetida noutros partidos políticos.
Pódese querer moito a este país, e traballar por el cada día, chamándose José Luís, Alejandro, Ángeles ou Blas. Para mostra Mini, deputado do BNG, que aínda hoxe é José Luís e vai galeguizar neste 17 de maio o seu nome. Do mesmo xeito, practicamente todas e todos levamos en nós a marca da deturpación sistemática dos nosos apelidos: Ameijeiras, Teijeiro, Lage, Naya, Rey... Isto non vai de sentirse máis galego ou galega, a inmensa maioría vivímonos galegas con naturalidade e con afecto ao lugar e á cultura da que facemos parte. Trátase de dar un pasiño -sinxelo e rápido, pero moi importante- para corrixir a historia neste ámbito e facer xustiza. Bonita e necesaria. Restaurar a forma correcta dos nosos apelidos e galeguizar os nosos nomes. Queremos máis Xosé Luís, Alexandre, Anxos, Brais, Ameixeiras, Teixeiro, Laxe, Naia, Rei... Con plena normalidade, con orgullo e cun sorriso na boca. Para o galego nunca é tarde. Este 17 de maio, é o momento. Galeguiza o teu nome ou restaura a forma correcta dos teus apelidos.
Aquela “Galicia Bilingüe” dos anos 2008, 2009 e 2010 guindou de todo a máscara e presentouse este sábado n’A Coruña a faciana descoberta como plataforma “Hablamos español”. Canda grupos parellos de Euskadi, Catalunya, Nafarroa, as Illes ou o País Valencià queren que no ensino non se use lingua distinta do castelán ao longo e largo de todo o Estado español. Vaites, vaites… O mundo ao revés. Cando case todos pensamos que o problema é unha lexislación galega discriminatoria coa lingua que limita substancialmente o uso do galego como lingua vehicular e impídeo de feito no ensino infantil das nosas cidades.
Manuel Bragado publicou no seu merecidamente famoso blogue unha entrada sobre o libro "As cantigas de Martin Codax en 55 idiomas", publicado pola Universidade de Vigo. Esta publicación é un dos ronseis que nos deixou a vista do Pergamiño Vindel á nosa terra os pasados meses. Non se trata do único, pois para despedilo cara terras americanas (como tantos galegos que alá foron) varios membros da Academia deixaron neste vídeo tamén as súas reflexións. E aínda hai máis achegas.
O pasado 01/03/18, poucos días antes da súa marcha definitiva, a RAG e a Universidade de Vigo celebraron un acto académico-literario arredor do Pergamiño Vindel con intervencións de Camiño Noia, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e o artista Roi Casal [1], [2], [3]
Agora que fica soíño en Nova York, sen o agarimo da xente que con emoción o foi visitar, quizais sexa o momento de que gardemos as fichas da exposición "Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas"
Som da opiniom de que todo isto do chamado “conflito normativo” que arrastamos há décadas manifesta umha impotência: a de avançarmos, como formaçom social, na adoçom e normalizaçom do galego como língua nacional.
O PP do País Valencià da Comunidade Valenciana lánzase á nobre causa de que as nais e os pais participen máis activamente na vida educativa das súas crianzas. Os mércores, quedada coa titoría. O xoves, reunión da Anpa. O venres, denuncia do profesorado que adoutrina nas aulas aka que non pensan coma nós.
María Victoria Moreno foi profesora en Vilalonga. Hoxe dúas mozas do IES de Vilalonga recollen repasan a súa vida e falan especialmente da súa obra máis coñecida "Anagnórise" (Galaxia), na que podemos ler unha dedicatoria:
"Para os meus alumnos de Vilalonga, que me aledaron os días que eu enfiaba esta historia, que me regalaron o bolígrafo co que a escribín"
Seu apelido ou seu nome. Ultimamente neste digital esta-se a reivindicar o direito que todos temos de reintegrar ao galego nossos apelidos ou nomes deturpados ou castelanizados. Eu ao remate de este escrito vou deixar um resumo dos trámites e condições que devem darse para obter a modificação. Mas, primeiro, vai uma mensagem para os que comigo compartem as teses reintegracionistas e que podem pensar em optar a mundanças não sempre de facil decissão.
Non entendo isto do fútbol, e moito menos as paixóns que provoca.
Parece ser que hai uns días se celebrou un deses denominados derbis. No club futbolístico do Celta de Vigo tiveron a feliz idea de publicar este vídeo no que miles de gorxas unidas no evento deportivo cantaron o himno con orgullo. Un himno que nos une e un himno que nos une coa lingua na que foi escrito polo gran bardo da nosa literatura.
Alí estivemos, xa o comentamos nalgunha outra entrada. O pasado xoves 3/05/18 comenzou a 18ª edición do Correlingua na Estrada que rematará o vindeiro 16/05/18 en Vigo.
Seguro que imaxes moi semellantes a estas se repetirán por todo o país durante estes días cunha chea de participantes celebrando a lingua galega polas rúas das vilas e cidades.
O concello de Pontevedra regálanos este documental sobre María Victoria Moreno, a profesora e escritora protagonista do Días da Letras deste ano.
É sabido que todos os anos os actor oficiais celébranse na patria do autor. Aínda que orixinaria dunha pequena vila de Cáceres Mª Victoria Moreno acabou escollendo Pontevedra como a súa patria. Agora o concello págalle este acto de amor á terra con este coidado documental. Trátase dunha peza de alto valor didáctico e que pode significar un reto para os concellos das vindeiras edicións das Letras Galegas. Mil parabéns a un concello que ten na súa carteira unha chea de iniciativas normalizadoras, nada que ver coa triste etapa da alcaldía de Juan Luís Pedrosa, que foi a que me tocou vivir como veciño desa, agora sí, luminosa cidade.
Unha das leccións que nos deben quedar na memoria para sempre é a da represión lingüística nas carnes de Mª Victoria Moreno. Por impartir cursos de galego, non remunerados, foille denegado o pasaporte.
No documental participan unha boa cantidade de coñecedores, amigos e familiares de Mª Victoria Moreno: Xesús Alonso Montero (académico e amigo), Luís Bará (concelleiro e compañeiro), Manuel Bragado (editor), Fina Casalderrey (académica, escritora e amiga), David Castro (director do IES Torrente Ballester), Francisco Castro (escritor e editor), Pedro Ferriol (viúvo), Rosa María Gómez Cuerpo, Manuel González Fernández e Manuel Seijas Marinero (amigos), Begoña Llacer Moreno (filla), Eli Ríos (escritora), Francisco Xavier Senín Fernández (escritor, tradutor e amigo), Magariña Valderrama Curás e Pilar Álvarez (libraría Xuntanza), Mariló Valiño (compañeira no IES Torrente Ballester e amiga), Luz Gallego (librería Seijas).
Se algunha vez cursastes un MOOC, estaredes familiarizados cunha palabra coa que eu batín hai unhas poucas semanas, ao rematar a miña primeira experiencia de formación por esta vía. Xa comezara algún outro, pero… ai, a falta de constancia!
Este vídeo serve ademais como mostra de que o Correlingua é moito máis que unha xornada festiva de celebración da lingua. Arredor dela realízanse múltiples actividades nos centros. No caso do IES Antón Losada, ademais da impresionante pancarte, organizouse un concurso de adhesivos que se repartiu entre os participantes no Correlingua.
A finais de abril deste ano a plataforma virtual blogaliza, en vigor dende 2003, pechou as portas. Nela albergábase o blogomillo, ou conxunto de bitácoras existentes en galego.
Hoxe escribimos dende o optimismo, dende a alegría de saber que as cousas poden mudar. Ou que podemos axudar a que muden: con intelixencia, vontade e imaxinación. Hai cinco anos, unha profesora do instituto da Pobra do Caramiñal, Pilar Ponte Patiño, con alumnos de ESO e Bacharelato, botou a andar unha experiencia que xa corre polas redes. Rapaces e rapazas de 15 e 16 anos, moitos deles non galegofalantes, aínda que cunha competencia elemental no uso da lingua, comprométense a vivir tres semanas (21 días) usando decote a lingua galega: nas aulas, cos amigos, coa familia, na vida común, no lecer, dentro e fóra da casa. Tres semanas en galego, reflexionando sobre o que esa práctica significa, as dificultades que atopan, as contradicións, os prexuízos… Ao rematar a xornada, o rapaz ou rapaza conta nun vídeo a súa experiencia nas últimas 24 horas.
Hai xa dúas semanas que comenzou a xeira de presentacións polo rural do libro de Clara Iglesias, Os nomes da estrada. (Edicións Fervenza 2018). Nestes vídeos vemos como se desenvolveu o acto, presentado por David Otero. No primeiro interveñen dous estudosos desta parroquia, Xesús Ameixeiras e Luís Ferro.
No seguinte vídeo temos a intervención da autora, no que ademais de dar referencias toponímicas da Estrada, recolle algunhas particularidades da comarca de Codeseda.
Un dos máis arraigados prexuízos sobre a lingua (galega) é o de que a falamos mal. O razoamento continúa: para falármola mal, mellor non a falar.
O certo é xusto o contrario. A peor forma de actuar coa lingua e non a usar. Ninguén fala a lingua estándar (agás en contextos formais), todos falamos na fala do noso lugar. Esa é a única forma de empregar a lingua, calquera lingua.
Hai uns días recollíamos nesta xanela dixital unha campaña da Plataforma per la Llengua: "El català, llengua comuna", na que se insiste na identificación da poboación coa súa lingua. O alumnado de 2º da ESO do IES Pazo da Mercé (As Neves) fixo algo semellante, explican marabillosamente estas ideas.
Botamos moi en falta campañas insitucionais que leven a mesma mensaxe que expresan estes rapaces.
Son dun concello, A Pobra do Caramiñal, onde nos pasamos media década dos 80 discutindo ata o cansazo sobre se Puebla ou Pobra. O asunto era máis difícil que o de Ribeira, porque aquí había unha diferenza clara nos usos orais. Ao fin, o topónimo normalizouse, non pasou nada e ninguén cuestiona hoxe o uso oficial da Pobra. E na vida privada, cadaquén que lle chame como queira. Así que estiven estes días seguindo con certa curiosidade a surrealista polémica ao redor do uve de Ribeira. Enténdase, o que máis me interesaba era saber que problema lle ven ao topónimo lexítimo os que defenden o uve, toda vez que non existe ningunha -repito, ningunha- xustificación histórica e documental do uso desa grafía no nome tradicional de Ribeira.
A cita é o próximo 17 de maio, ao mediodía, nunha marcha cívica polas rúas de Compostela baixo o lema de “En galego día a día”, convocada pola plataforma cidadá Queremos Galego que xa ten acadado nos últimos chamamentos unha participación multitudinaria, unindo sensibilidades de todo tipo na causa común da defensa do uso da lingua galega. Anotamos pois, na axenda de compromiso persoal, unha manifestación anual que é fundamental para mostrar a necesaria reclamación, fronte ao desleixo dos poderes políticos responsábeis,a prol dun avance no proceso de normalización plena do idioma propio. Mesmo xa conformariamos en que non haxa retroceso e que o nivel de uso cotiá sexa o que precisa unha lingua atacada en varias liñas neurálxicas.
No Departamento de Matemáticas do IES Antón Losada proxectaramos o curso pasado impartir durante este a materia de Astronomía como optativa do centro para 1º de bacharelato (1 hora lectiva semanal). Incomprensiblemente non nos deron o permiso desde a inspección.
Con todo, nesa materia estaba previsto recomendar a lectura dalgúns libros para achegarse a distintos aspectos da astronomía. Propúxoselle a parte do alumnado que lesen e traballasen con estes libros como actividade extraescolar, do estilo dos clubs de lectura. Alén da extensa anotación de Damián Campos, quizais os traballos que ofrecen os resumos máis sintéticos e visuais son os realizados por outra alumna de 2º de bacharelato, Laura Rey Vigo. Aquí os comparto, ao tempo que presento os libros en cuestión.
Esta entrada ten un punto triste: preséntanse tres libros de divulgación científica en galego, será prácticamente imposible dar con outro que non se mencione aquí. Estamos ante o panorama dunha cultura arrasada.
O primeiro, o que é para min o mellor libro de divulgación científica escrito en galego, e un dos mellores que lin nunca. Trátase de E fixemos a luz! (USC 2015), de Salvador Bará. Forma parte da colección Biblioteca de divulgación. Serie científica, con poucos, pero gorentosos exemplares.
O segundo libro ten unha excelente edición, ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos, 2016). Debido á proxección mediática do seu autor, Jorge Mira, é quizais o máis popular dos tres. Relata os fitos máis importantes na medición do universo. Laura escolle nesta presentación algúns dos que máis lle chamaron a atención.
Por último, un clásico, o Sidereus Nuncius, de Galileo Galilei. Premendo na ligazón pódese acceder á publicación en galego realizada polo MUNCYT no ano 2011. Esta obra foi a que impulsou o debate sobre o heliocentrismo. Cando se publica, no 1610, xa pasaran máis de 60 anos da edición do De Revolutionibus de Copérnico, pero non foi ata a aparición do texto galileano que comenzou o verdadeiro tirapuxa entre o xeocentrismo e o heliocentrismo. Dunha banda: o poder da Igrexa, da outra, o talento e os argumentos de Galileo.
O Sidereus Nuncius é un texto curto, de doada comprensión, o cal é moi de agradecer nun escrito de índole científica. Lévanos á cerna do debate científico que acabaría na cualificación de herética á proposta copernicana e á conseguinte prohibición dos libros que a defendesen. É fundamental para comprender a dicotomía ciencia-relixión e para adentrarse no estudo da historia da ciencia.
TOCARÁ esta semana escoitar palabras incendiadas de boas intencións e sinceras louvanzas sobre os libros. Que bonitos, que necesarios, que indispensables son os libros. Cantas cousas aprendemos neles. Son días tamén nos que mesmo as xentes de letras prestamos tamén moita atención aos números e comprobamos, con tristura, que o panorama en Galicia do libro, da lectura, da edición e das bibliotecas so dá para ser entre pesimista e moi pesimista. E as causas son varias. A primeira -un feito no que estaremos dacordo todos- é que a retirada de políticas públicas, e dos recursos que levaban aparellados, fixo moito dano ao libro galego. E non só ao libro, desde logo.
O Congreso dos Deputados de España, na súa comisión de cultura, aprobou por unanimidade o 24 de outubro de 2017 unha proposición non de lei cuxo texto di (diario de sesións núm. 349, páxina 34): "El Congreso de los Diputados manifiesta la voluntad firme de dar a conocer y promover la difusión de la figura y de la obra del intelectual, escritor y poeta baiés Enrique Labarta Pose, e instar a promover la firma de convenios de colaboración con el Ayuntamiento de Zas, en el que se ubica la localidad de Baio, donde nació, y con las entidades culturales Adro y Badius, que vienen emprendiendo actualmente actividades de homenaje y conmemoración de la vida y obra del escritor." É este un xusto recoñecemento a unha figura capital das letras galegas, e da cultura do noso país en xeral, no período de cambio do século XIX ao XX.
Xosé .Mexuto entrevista a Víctor Freixanes para o Sermos Galiza:
Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é un conversador torrencial e manexa con destreza todos os rexistros. Domina a frase curta, mais tamén a sintaxe máis alambicada. É sempre un escritor, até cando fala. É tamén unha personalidade poliédrica, non reductíbel a un arquetipo. Novelista, ensaísta, xornalista, editor, presidente da Real Academia Galega. Nesta entrevista falamos sobre a iniciativa da RAG a favor da restitución dos apelidos á súa forma orixinaria, galega, mais tamén acerca do estado en que se acha o galego ou a propia institución que el preside, coa inevitábel figura de Ferrín a se recortar no horizonte. "Son partidario das políticas de inmersión lingüística", afirma. Continúa a me impresionar o edificio da faculdade de Xornalismo, na USC, obra de Álvaro Siza, arquitecto multi-premiado. Si, mais apenas deixou espazo para os despachos dos profesores, verdadeiramente pequechos. "Son como as celas dun mosteiro", brinca Freixanes, cando nos franquea a porta do seu minúsculo gabinete. Case que non hai sitio para as estanterías. É cuarta feira. Cóntolle que Sermos leva uns días a publicar textos, quer no semanario, quer no dixital, sobre o proceso de restitución dos apelidos galegos á súa forma patrimonial e xenuína, a galega. A Real Academia Galega deu un pouco a pistolada de saída a ese debate coa publicación do seu estudo Os apelidos en galego. Orientacións para a súa normalización. Damos comezo por aí á conversa. -Que está a facer a RAG para que o seu traballo sobre os apelidos en galego resulte nunha efectiva recuperación dos patronímicos orixinarios do país?
O Consello da Cultura Galega acaba de facer públicos unha serie de datos sobre consumos culturais, máis específicamente sobre a produción e consumo do libro galego na última década, en realidade dende o ano 2006, data de aprobación por unanimidade da Lei do Libro e da Lectura no Parlamento de Galicia, ata o ano 2016. Os datos serviron de referencia para os debates que o pasado xoves se celebraron na devandita institución, debates preferentemente de carácter sectorial, nos que participaron editores, libreiros, bibliotecarios, estudosos da edición, distribuidores, creadores, etcétera, mesmo algunhas técnicas da administración. Nada que os que estamos nisto non soubésemos, aínda que cando un observa os gráficos, as cifras, as tendencias da nosa realidade cultural no seu conxunto, imposible virar os ollos para outro lado. O panorama é certamente desalentador. Nos últimos anos, dende o ano 2008 ao 2014, o período mais duro da crise económica, o investimento ou gasto público en cultura diminuíu nun 58,40 por cento.
Temos os erros equivocados. Estamos a queixarnos continuamente dunha Xunta ineficaz, dun Goberno de inútiles, dun Partido Popular de poder absoluto e absoluta incompetencia.
Xente coñecida de diversos ámbitos da sociedade participan nesta campaña da Plataforma per la Llengua, El català, llengua comuna. Ten como obxectivo defender e preservar os consensos sociais do pobo catalán arredor da súa lingua.
Os aspectos máis relevantes da campaña consisten nun manifesto curto e claro no que se expoñen os puntos que se defenden coa mesma e unha serie de vídeos coas intervencións de persoeiros coñecidos.
A campaña, que foi presentada o pasado 24 de abril (24/04/18), está apoiada pola Generalitat de Catalunya. Alguén imaxina unha campaña semellante de Queremos Galego! co soporte da Xunta. Sería o ideal, pero mentres Queremos Galego! está do lado da nosa lingua, a Xunta mantense na súa contra.
Algún (ex-)presidente da Xunta participaría nunha campaña de promoción da lingua galega?
Hoxe mesmo (20 de abril) comeza en Santiago de Compostela, no salón nobre de Fonseca, o Abril Oteriano, centrado, nas dúas primeiras xornadas, nos oito anos en que don Ramón Otero Pedrayo, xa outonal, exerceu como catedrático de Xeografía na Facultade de Filosofía e Letras (1950-1958). Don Ramón fixera as oposicións a esa cátedra na primavera de 1950, pouco tempo despois de ser reposto como catedrático do instituto de Ourense, onde estivera suspendido de emprego e soldo máis de once anos. Don Ramón foi aprobado por unanimidade, naquelas oposicións celebradas en Madrid o 31 de marzo de 1950.
Este pasado venres 20/04/18 déronse os premios Youtubeir@s 2018 nunha gala celebrada no Teatro Colón da Coruña. Unha festa da lingua que se espalla polas redes. Seguramente o seu éxito debeuse a que a SXPL non meteu as súas gadoupas nela. Espero que continúe contabilizando éxitos e teña longa vida.
Como cabeceira desta entrada comparto un dos vídeos premiados. Velaquí a relación completa
Hai menos dun mes traiamos por aquí unha conferencia da matemática Elena Vázquez Abal que formaba parte do programa Achegando a ciencia que se está a celebrar en Lugo. Ao ver esta nova achega non puiden resistir compartila. Beizóns ao concello, ao colectivo Caladiños que organizan esta serie de conferencias divulgativas. A intervención de Cibrán Santamarina, de visión obrigada e un recurso para utilizar nas nosas aulas.
Por certo, especiais felicitacións pola gravación dos experimentos.