Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







xoves, 1 de decembro de 2011

Coren exclúe a lingua galega

Coren é unha empresa  cunha facturación de 1000 millóns de euros anuais. Calquera diría tamén que Coren é unha empresa galega. Boa parte da súa clientela está en Galicia e aquí naceu e ten as súas factorías.  Porén a lingua desde a que se dan a coñecer é o castelán en exclusiva. Só o desleixo pode explicar que unha empresa da súa importancia cometa estes desprezos, pois eu non creo que se faga á mantenta. O caso paréceme máis grave aínda. Vese tan natural que a lingua da empresa sexa outra distinta da dos traballadores, clientes e empresarios, que teño case a certeza de que aos máis deles nin repararon na ultraxe que se comete ao excluir a nosa lingua das actividades empresariais.
Mais se poño aquí expresamente o caso de Coren é porque no seu portal electrónico inseriron unha aplicación gratuita de Google que permite facer unha tradución do web a outros idiomas. Só o auto-odio extremo explica por que, podendo escoller os idiomas que un queira aos que se faga a tradución, exclúen precisamente o galego. O resultado é simplemente kafkiano: Coren invítanos a acceder aos seus contidos en ucraíno, mais non en galego. Pódese ver aquí a aplicación, que aínda que non é de gran calidade, ten o galego entre as súas opcións.



P.S.: nun comentario avísanme do meu erro. Por iso corrixo o escrito anteriormente. No portal de Coren teñen o Google Translate, que non ten o galego entre as súas opcións. O que puxen aquí, pensando que era o mesmo, é o Tradutor de Google, que permite escoller 'galego'. Porén o esencial continúa a ser certo: Coren, como moitas empresas galegas, exclúe a nosa lingua das súas operacións.

4 comentarios:

  1. Quizais habería que facer coma con ese programa de Tele5 ao que o movemento das redes sociais lle disuadiu a publicidade. Poderiamos disuadir a compra de produtos Coren a través das redes sociais?

    ResponderEliminar
  2. Buf!, e como?
    De todas formas, eu non confío moito nas redes sociais,... creo que non podo aportar moito por esta vía.
    Quen tería que estar actuando para incrementar o uso da lingua, está a facer todo o contrario. Por exemplo, eu cheguei a isto de Coren ao ler unha noticia sobre a entrega do premio 'O grelo de ouro' (que o ano pasado fora para un directivo desta compañía) ao empresario que montou a conserveira 'Frinsa'. Outro que anda polo mesmo camiño. E cantos máis hai? Buff!
    Por certo, eses premios entrégaos o presidente da Xunta.

    ResponderEliminar
  3. Ollo, que unha cousa é "Google Translate" e outra é "Google Translate My Page". Este último, que é o que se pode incorporar como gadget a calquera páxina web, non recolle o galego como tal (si o portugués). O primeiro si.

    ResponderEliminar
  4. Grazas polo aviso. Eu pulsei sobre o icono do `Google Translate', que me levou a http://translate.google.com/, alí vin un tradutor de sitios web, que foi o que peguei neste post pensando que era o mesmo.

    ResponderEliminar