por Begoña Outeiro, no Praza:
Que este artigo ou similar comezase cun making of sería o normal, o desexábel. O lóxico dada a xente implicada, a cantidade de ilusións e esforzos existentes por m2. Máis aínda tendo en conta unha das receitas máxicas que adoitan mencionarse como claves para saírmos da crise: o tan cacarexado emprendedorismo. Claro que como aquí imos tentar explicar sen entrar en moitos detalles dos que poidan desvelar miserias mundanas próximas ao ridículo na proxección das grandes compañías globais globalizadas e globalizadoras; neste caso e porque sempre estamos a anovar até cando non é imos falar dun making off. A estas alturas xa imos afeitos, non? Outra luz que se apaga á dereita do fondo da saída do túnel.
Pasar de ser un baldrogas a un emprendedor é so cuestión de vontade. Un día vira o aire sen máis e de apestado dependente subvencionado polo sistema público (o inferno na concepción teolóxica da Neonada ©) mudas en tocado pola deusa Fortuna da visión privatizadora da existencia (o paraíso do ceo celestial, puro superávit de ambrosía correndo a treo polos vales). Unha voz autorizada desas que dan prestancia a artigos de opinión viría a dicir nunha situación así que cando a pedrea está de tocar, moito mellor deixarse de medias tintas e por se puidese xurdir a dúbida dunha posíbel concertación (ese nin contigo nin sen ti, ese purgatorio semiprivilexiado) nós decidimos ir a pelo. Podemos ser emprendedores, debiamos tentar ademais ser emprendedoras.
Quen dixo medo? Díxomedíxomes e ambaxes fóra que nos chimpamos sen rede porque debemos andar rememorando momentos estelares de Pinito del Oro e nós aínda sen sabelo.
E dicimos tamén emprendedoras porque neste caso foi unha sensibilidade –unha que probabelmente conflúa no tempo e na intención con moitas outras a teor dos acontecementos─ a que na primavera de 2011 decidiu traballar por un doodle conmemorativo das letras galegas. Iniciar a súa procura como un experimento. Comezan xa os sorrisos conmiserativos, non? Divina inocencia, alma de cántaro.
De acordo. Pero en que desmerecen as letras a tamborrada de Donostia? Debe ser no ruído. E no caso dos patios de Córdoba? Nas flores. No da feira de abril sevillana é cousa do saleiro, quen sabe se do donaire, mesmo se do duende. E na do recente ratiño Pérez… pois debe ser que nos entreforros cómpre ser tan xesuíta, tan monárquico, tan xornalista dos da verdade verdadeira e tan Real Académico e Español como Luis Coloma.
Así que cando despois de que non se chegara a tempo co doodle do 2011 e GalegoLab tomase a iniciativa tras sondar o patio para o 2012, todo pintaba ben xa que se coñecían de primeira man os requisitos demandados pola compañía. Tamén os prazos temporais marcados por ela mesma. Se para a delegación de Google no sur europeo non lle habería de valer o 50 aniversario dunha celebración ininterrompida mesmo durante a ditadura (a de antes, non a de agora) e de amplo calado na sociedade civil (aí tamén debemos perder moitos puntos: polo de sociedade e polo de civil) pois entón malo sería que un emprendedor como Valentín Paz Andrade non estivese á altura vendo o visto. Todo pintaba ben a non ser que non acabes de crer de todo nas bondades das macroempresas corporativistas por moito que o marketing as venda como un deses lugares onde a xente está disposta a pagar por ter que traballar: abertas, cooperativas, adaptativas, intuitivas, expansionistas, respectuosas, éticas, ecolóxicas, comprometidas, politicamente correctas, deportivas e mesmo con omega 3 e bífidus activo. Milagres do chill out.
Pois nin tanto nin tan pouco.
Despois de meses de voltas e reviravoltas, de informes, solicitudes, mediacións con diferente grao de complexidade, moito esforzo e horas e horas de traballo coordinado dende o equipo humano de GalegoLab e desenvolvido por Eva Ruíz, India Barco e eu mesma; despois de ter recollido 5.752 sinaturas mediante o Actuable deseñado por Juan Estévez e difundido por Cristina López; de que se contase cun equipo profesional de deseño propio con ampla traxectoria e recoñecemento nacional e internacional disposto a seguir as directrices que a compañía estimase oportunas sempre de balde para resarcir “o tempo perdido” (?).
Despois das propostas concretas de Nacho Eiros, RaEu e a súa PEME ou de Antón Pérez; unha vez conseguidos os apoios e informes favorábeis da Real Academia Galega, Subdirección Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística, Museo do Pobo Galego, Consello da Cultura Galega, Reitorado da USC, Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), ProLingua, Edicións Embora, Editorial Ouvirmos, Cabozo, A Navalla Suíza, A Cuarta Parede; apoios persoais de Xabier P. DoCampo, Margarita Ledo Andión, Carlos Quiroga, Dolores Vilavedra ou Gonzalo E. Veloso, constatamos varias realidades.
Por un lado que Google, ademais de ser un buscador parece aspirar a converterse tamén nunha máquina de fabricar escusas mutantes sempre entre o absurdo e o paifoco, todo un compendio da antoloxía do disparate que evidencia unha falta de tacto considerábel ademais de reproducir letra por letra prexuízos e desequilibrios tácticos e políticos que veñen de moi lonxe. Por outra banda que se manexa nun organigrama de nebulosa opaca bastante kafkiana (se isto é un dos modelos que nos vai salvar das duplicidades e envurullos da función pública imos aviados) e que os lentes de realidade aumentada valen de pouco se negas e renegas con cegueira testana do obvio e inmediato.
Varias preguntas quedan aínda no aire á espera dunha resposta.
Poderemos debater sobre a conveniencia ou non da escolla de cada ano pola RAG, mesmo da natureza e do futuro da celebración da festa das letras, pero se cadra non estaría de máis preguntarnos se unha iniciativa deste calado debería ser solicitada en primeira instancia pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en combinación coa Consellería de Economía e Industria. Os estómagos agradeceríalles evitar promoción de tópicos pro pais da transición tipo Don Manuel Fraga, botafumeiros e demais morriñas gaiteiras sempre con tendencia ao bilingüismo en castelán monocorde. Aínda a risco de parecer un esforzo excesivo, a ausencia dunha presenza activa na que non teñan razón de ser os agravios comparativos ou a dunha arbitrariedade discriminatoria respecto doutros territorios así o reclaman.
Seguimos querer sendo emprendedores, mesmo tamén emprendedoras aínda sospeitando que detrás de termo tan ampuloso tan só se agocha a consabida “búscate a vida como poidas e mira de asegurar un chusquiño de pan”. Son de agradecer as propostas oficiais se non fose porque soan tanto a propaganda, a máis do mesmo, cando o importante é que seguen faltando ferramentas que respondan ao “como?” ademais de formas garantistas cara unha verdadeira optimización de recursos e esforzos que non supoña un eufemismo maldito detrás do que esconder unha traxedia de despedimentos. Belén Gopegui advertía hai uns meses que os contidos non serven de nada se as canles non che pertencen ou se che negan; dos perigos de que calquera cambio, calquera pequena revolución sexa tamén finalmente privatizada.
A sociedade civil, ese carracho molesto que tanto patexa e que segue a defender un papel con personalidade de seu vén de amosar que hai moitas ganas, talento, vontade e capacidade de mobilización. Xa que logo deberiamos estrear o tempo das sinerxias, de querer entender a filosofía implícita na figura dos Castellers coa que Google comezou a súa andaina na península apostando dun xeito acertado por unha oferta variada comprensiva co galego á hora das escollas lingüísticas.
Todo o demais parece que de momento non toca. Até cando?________
Os informes das institucións e persoas enriba referidos obran en poder de GalegoLab. Grazas unha vez máis a todas elas polo seu apoio e implicación.Na redacción do presente artigo evitáronse mencionar nomes e cargos de Google cos que se estivo en comunicación así como datas e outros aspectos das conversas, moitas delas marcadas pola ignorancia, o desleixo ou un falso paternalismo faltón; todas moi relevantes para comprender o mar de fondo no que se produce a negativa. Consideramos que as conversas mantidas pertencen ao ámbito privado e defendemos malia todo a dignidade laboral das e dos traballadores directamente implicados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario