Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 27 de maio de 2012
A fractura social xenerada pola lingua. O caso ucraíno.
Un feo espectáculo, cos deputados batendo uns noutros, produciuse no parlamento ucraíno o pasado xoves. O xérmolo deste suceso é a tramitación dun proxecto de lei que establecería a oficialidade do ruso en varias rexións de Ucrania. Os opositores, que iniciaron a pelexa parlamentar, acusan ao presidente Yanukovic de querer fracturar a sociedade ucraína. Argumentan que queren preservar a independencia cultural e política da Ucrania a respecto dos veciños rusos. Os deputados do partido opositor levaban unha bandeira na que se podía ler o lema "Destruir a lingua é destruir a patria"
Ao día seguinte producíase unha manifestación ás portas do parlamento contra a proposta presidencial de oficialización do ruso en Ucraína. O argumento dos manifestantes, segundo euronews, é que no caso de prosperar deixarase de considerar ao ucraíno como lingua útil, non terán que estudalo, non o precisarán en ningún momento e desaparecerá de todas as esferas.
A lingua ucraína estivo sometida ao ruso durante os dous últimos séculos, ata a independencia de Ucraína no 1991. Durante a era soviética os falantes de ucraíno diminuíron significativamente.
Segundo o censo do 2001 o 67,5% declarou que a súa lingua era o ucraíno frente a un 29,6% que o fixeron co ruso.
Podemos ver nestes mapas, tirados da wikipedia, que a poboación que usa o ucraíno é maioría no norte, leste e centro do país. O ruso é lingua marioritaria franxa surleste do país. O conflito está servido e de certo que non terá unha solución simple.
Velaí un caso dunha nación de seu desde hai 20 anos, que parece que tomou medidas de dignificación da lingua propia neste tempo, pero que acubilla un enfrentamento moi enquistado e ao que aparentemente non se enxerga unha solución para o futuro.
Non podo deixar de pensar no caso galego. Aquí ensínasenos a desprezar a lingua propia, invítasenos de mil formas a abandonala, aprendemos social e insititucionalmente toda unha restra de prexuízos lingüísticos. O galego foi obxecto de continuadas persecucións e prohibicións durante o último século. Actualmente fica pechado por mil cancelas e obstáculos.
Cómpre reverter a situación actual, de ataque e restricción sistemática o antes posible. E aínda así, aínda que de súpeto o ambiente se volvera favorable á normalización do galego, eu pregúntome: canto nos queda aínda por avanzar para chegar a unha situación comparable á de Ucraína?
Etiquetas:
conflito,
cousas,
internacional,
mapa,
Sociolingüística,
vídeo
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario