Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







martes, 8 de maio de 2012

De patacas e linguas

por Pablo Dorado, no Sermos Galiza:

A propia lingua árabe é un factor que contribúe á alta taxa de analfabetismo, ao abandono escolar e que dificulta o acceso á cultura e á información nos países que a teñen coma lingua oficial. Isto é así porque é unha lingua fundamentalmente escrita que nunca foi falada, só lida e recitada quedando os “dialectos” coma vehículos de expresión oral. Eses “dialectos” constitúen auténticos idiomas cuxas estruturas gramaticais e léxicas están demasiado afastadas do árabe clásico, estándar ou fusha (coma prefirades chamarlle) como para que as persoas falantes a sintan como lingua materna ou sequera como unha segunda lingua natural. Pensemos na súa dificultade, unha gramática absolutamente enleada, raíces verbais con quince formas derivadas, doce persoas verbais, case corenta modelos de plural fracto, ademais dun léxico case inesgotábel. Dende logo parece razoable pensar que unha persoa con problemas na materia de lingua árabe terá problemas ao longo da súa vida para acceder a todo tipo de cultura e información nese idioma."'Ammi mich lugha, 'ammi batata". "O meu dialecto non é unha lingua, o meu dialecto é unha pataca". Este dito popular exemplifica a situación de multiglosia na que vive o mundo árabe e sempre me lembrou á situación do galego na Galiza e ás persoas que aínda dubidan da necesidade dunha normalización lingüística. A mocidade e os nenos e nenas precisan de referentes informativos e culturais na súa lingua habitual para evitarmos unha situación análoga á do mundo árabe cuxa poboación falante non fai máis que dividirse entre a devoción relixiosa de quen defende a lingua santa do Corán e a outra parte que prefire adoptar coma propia as linguas coloniais, sen que case ninguén reivindique con orgullo que os seus “dialectos” son perfectamente válidos para informar, educar, producir arte,... linguas para absolutamente todo.
Sermos Galiza é máis necesario que nunca para toda a cidadanía galega mais, sobre todo, para a xente máis nova que precisa referentes informativos en galego. Estamos ante outra longa noite de pedra, esta vez xustificada por motivos económicos, mais, de seguro, rematará. O importante é que na fin non teñamos outra xeración que confunda linguas con patacas, nin teña que empregar un idioma que non sexa o seu para un acto tan cotián como ler un xornal. Por este e por moitos máis motivos a mocidade dámos a benvida a Sermos Galiza coa esperanza de que sexa para moito tempo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario