Carlos Callón insiste na súa longuísima rolda de presentacións de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (Xerais 2011) na importancia de que neste momento histórico sexamos falantes conscientes e leais do galego. Nesa angueira da defensa e revitalización do uso do idioma, na batalla cívica cotián que libramos os que queremos vivir en galego, propón conxugarmos catro verbos esenciais: usar, escoller, solicitar e organizar. Non hai dúbida que temos dereito a usar o galego en todos os eidos da vida social e falalo constitúe, aínda, “o máis revolucionario que podemos facer pola nosa cultura”. Como tamén é imprescindible constituírnos en promotores do seu emprego escollendo o galego alí onde xa existe opción, solicitando sermos atendidos no noso idioma en todos os servizos públicos ou exercendo un consumo responsable co galego. Este comportamento proactivo coa lingua, amable, afectuoso, mais sen renuncias nin complexos, levaranos a comprobar que, a pesar das adversidades, da anemia irritante das políticas lingüísticas públicas e da presenza antipática da galegofobia urbana, existen moitos espazos, produtos e servizos galeguizados.
O recén reelixido presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e cabezaleiro da defensa colectiva do noso idioma apela co seu optimismo contaxioso ao necesario exercicio de corresponsabilidade social e compromiso individual para conquistarmos un futuro digno para o galego. Estou con Carlos Callón tanto no que di como na forma agarimosa e intelixente de expresalo. A pesar dos agoiros interesados ou das pretensións dos sectores galegófobos, o futuro do galego non está escrito, o que vaia suceder co idioma nos vindeiros anos, por moi poderosos que sexan os seus inimigos e moi fortes as tendencias culturais homoxeinizadoras, vai depender de cada de nós e do acerto da estratexia colectiva que empreguemos para aumentar o perímetro do seu abrazo e da súa quentura sobre o conxunto da sociedade galega.Nesa nova estratexia regaleguizadora, a eses catro verbos esenciais para o futuro do idioma propoño engadir o de “ler”. Un verbo transversal e transitivo que no tránsito entre o paradigma comunicacional textual ao hipertextual impregna as nosas vidas, sexa nos soportes impresos de libros ou xornais, sexa nos dixitais das pantallas de teléfonos, ordenadores, taboíñas ou lectores de libros electrónicos. Nesta mudanza a lectura recuperará a súa centralidade cívica, o que constitúe unha oportunidade para que a nosa lingua gañe espazos de prestixio e utilidade ao abeiro da innovación tecnolóxica, ao tempo que un risco se non é quen de facerse un oco nesta contorna hispertextual.A lectura en galego foi, é e debe continúar sendo unha das mellores estratexias para gañar falantes e promotores activos da lingua galega en todas as xeracións, mesmo entre aquelas persoas que non a empregan decote, mais que posúen competencia lectora activa. Ler en galego textos literarios continúa sendo o maior apoio que podemos achegar á nosa literatura e ao humilde sector editorial galego. Escoller e solicitar, cando sexa posible, a versión en galego das nosas lecturas, sexan ou non literarias, constitúe outro apoio para a nosa industria editorial, sometida a un complexo proceso de reconversión ao modelo de comunicación cultural dixital, como para a rede comercial de librarías –cada vez máis cativa– comprometida co futuro do idioma e do libro en galego. Ademais, a lectura en galego organiza redes de afectos e complicidades nos clubes de lectura de bibliotecas públicas e centros escolares ou nas redes sociais; é quen de xerar novos modelos de participación cívica e de normalización lingüística interxeracionais, como demostra en Gondomar o traballo extraordinario de Espazo Lectura, a primeira asociación de fomento e animación da lectura en lingua galega. Onde hai lectura en galego, hai futuro para a nosa lingua.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
mércores, 2 de maio de 2012
Ler en galego
por Manuel Bragado en Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario