Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 7 de maio de 2012

'Correlingua' versus 'Festa da lingua'

A 'Festa da lingua', unha iniciativa promovida pola Federación de Relixiosos do Ensino en Galicia (Ferega-Ceca), vén sendo algo así como o 'Correlingua'. Xúntanse rapaces de varios centros para celebrar o orgullo da lingua de noso.
A Consellería de Cultura e Educación e especialmente a Secretaría Xeral de Política Lingüística apoiaron estes días a edición deste ano desa 'Festa da lingua' e con iso cumpriron coa súa obriga. Por iso fixeron ben en fornecerlles recursos, emitir notas de prensa, gabar o labor e o traballo que de seguro realizaron moitos profesionais do ensino en compañía dun alumnado que percibiría unha mensaxe positiva da súa identidade galega. Por todo iso faise aínda máis incomprensible que esa mesma Consellería e esa mesma Secretaría se desentendan por completo da outra 'Festa da lingua' chamada 'Correlingua' que se está a celebrar, multiplicada por 20, por todo o territorio galego tamén nestes días. E non só se desentenden, senón que apoian e sosteñen os ataques ([1], [2], [3]) que os seus correlixionarios de partido están a argallar desde hai uns meses.
Pregúntome, por exemplo, que pode ter de malo o 'Correlingua' que tanto éxito tivo nas tres últimas edicións na Estrada como para que o concello desa vila se lle puxera de frente como un capón encolerizado. A única resposta que acho é que por ese día os rapaces da comarca daban unha lección de afirmación e respecto polo galego. Xa no seu día comentei que de pretendelo, o secretario xeral de política lingüística, coa man que ten no concello estradense, podía virar por completo a situación. Pero non é así.
Os exemplos do 'Correlingua' e a 'Festa da lingua' e o distinto trato que lles dispensa a administración demostran indubitablemente que os que nos gobernan non teñen o máis mínimo interese nun proceso normalizador. Están instalados na imposición dunha ideoloxía anti-galega á que lle abren por completo as cancelas, unha ideoloxía que mal intentan disimular acompañando a só unha pequena parte dos que traballan por mellores tempos para a nosa lingua. Con iso pretenden dividir, enganar, e disimular o seu máis que evidente sectarismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario