Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 16 de maio de 2012

O dereito do pobo galego

por Marta Dacosta, en Sermos Galiza:
Sempre conto que, cando era pequena, pensaba que as ameixas e as "ciruelas" eran cousas distintas. Na miña casa había ameixas, desas pequeniñas e verdes que se as comes antes de tempo arrabean. Chamábanlles ameixas inglesas, non sei por que. Mais cando ía á tenda había a vender unhas "ciruelas" amarelas e grandes. Así me pasou a infancia e un día decateime de que unhas e outras eran ameixas, aínda que tardaría aínda uns anos máis en comprender por que me pasara iso.

Na adolescencia descubrín a lingua de xeito consciente. Quero dicir, entendín definitivamente que a lingua nos precisaba, que cumpría tomar partido. Naqueles estreados anos 80, eran frecuentes os debates nas aulas sobre a nosa lingua, e a moza de quince anos que eu fun, castelanfalante, escritora de ripios inconfesábeis, decidíase a reclamar aulas en galego. Eu soa defendía tal propósito, e na miña memoria queda aquela sensación de soidade amparada por Ana e Estrela, as miñas amigas de entón.
Algo se nos moveu dentro. Ese ano, xuntámonos tardes enteiras na casa de Estrela e acordamos facer un mural para un concurso do día das letras. Non fixemos un mural grande, fixemos un mural grandísimo, se cadra de tres metros de alto por catro de ancho, que sei eu. Houbo que buscar unha parede ben grande para colgalo, un descanso das escadas do instituto Santo Tomé. Mágoa non o conservar. No centro unha ilustración inmensa e nos laterais un longo poema, que non lembrarei nunca que dicía, mais si podo afirmar con rotundidade que falaba da lingua. E levamos un premio, tampouco lembro cal.
Sei que falo de anécdotas, de detalles que son as miñas vivencias, as marteladas con que me fun construíndo, as causas que explican estas consecuencias. Mais é a miña memoria da lingua e sorpréndeme que hoxe haxa adolescentes que transitan vivencias como aquelas.
Foi hai trinta anos, eu estaba no instituto e sen sabelo participaba dun debate que acabaría na Lei de Normalización Lingüística, que viña de lonxe e que continuaba, nunha reivindicación inquebrantábel grazas á cal puidemos chegar aquí. A implicación e a loita de moitas e moitos bos e xenerosos fixo posíbel avanzar, sempre contra corrente. Hoxe, máis contracorrente que nunca.
Os que se empeñan en poñernos muros, os que non queren que a lingua avance, mesmo non queren que a lingua estea, entre eles eses que no último minuto se atreven a prohibir o que non pode ser prohibido, deben saber que vimos curtidos na longa resistencia e que non imos sucumbir ás súas agresións. Hai anos que comezamos este camiño, e nel seguiremos cargados da razón que nos dá exercermos de galegas e galegos. Con nós traemos todas as santas compañas, como na Alba de Gloria de Daniel. Vimos impulsados pola memoria dos avós e polo exemplo de todas e todos os que entregaron e entregan a súa vida en defensa da lingua. O 17 de maio estaremos na rúa, porque é o noso dereito, o dereito do pobo galego, o dereito de Galiza.
Pararemos os ataques contra o galego!

Ningún comentario:

Publicar un comentario