Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







luns, 14 de maio de 2012

Mesa redonda dos ENDL

Había tempo que non se oía falar do grupo Queremos Galego da Estrada. Pois aquí volve, o vindeiro mércores ten previstos dous actos consecutivos a partir das 19:00.
O primeiro consiste nun Pasarúas da Lingua, aberto a todo o que se queira incorporar. Os asistentes, acompañados dun grupo de gaitas, percorrerán as rúas da vila facendo paradas en lugares emblemáticos para as letras onde se dará lectura a textos da literatura galega en defensa da nosa lingua.
Ao remate deste Pasarúas, na Sala de Exposicións de Novagalicia Banco, representantes dos ENDL da vila  participarán nunha mesa redonda que se presenta así:
Por primeira vez desde que se instaurou o réxime democrático atopamos unha involución lexislativa e ideolóxica contra a lingua galega. O ensino, que debe ter unha función compensadora e correctora das desigualdades e inxustizas sociais, preténde o goberno que reproduza os prexuízos e exclusións que sofre a lingua propia e minorizada. Prohibese expresamente dar aulas na nosa lingua nalgunhas materias, precisamente aquelas máis prestixiadas das áreas científicas, dando creto e respaldo as falacias que os grupos ultras estiveron sostendo en continuación co discurso racista implantado e inoculado durante décadas polo franquismo contra o galego.Por iso, consideramos necesario avaliar e debater o labor do ensino nestas circunstancias e analizar os efectos das agresións que está a recibir a lingua continuamente desde a Xunta de Galicia, explorando vías de resposta e resistencia que contribúan a superar a situación que padece o noso idioma nestes momentos de acoso.Desde “Queremos Galego!” da Estrada imos organizar unha mesa redonda cos membros dos Equipos de Dinamización da Lingua dos centros da comarca co fin de escoitar as achegas das persoas que directamente están a traballar pola lingua no ensino e contribuír ao debate sobre o que está acontecer nestes momentos.O acto celebrarías o vindeiro mércores 16 de maio ás 20:30 na Sala de Exposicións de Novagalicia Banco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario