entrevista a Xosé Luis Regueira, no Dioivo:
Xosé Luís Regueira ingresará oficialmente o próximo 2 de xuño na Real Academia Galega cun discurso titulado Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI. O filólogo e catedrático da Facultade de Filoloxía de Santiago, que entrará na Rúa Tabernas para ocupar a vacante de Olga Gallego, é un destacado investigador no ámbito dos estudos fonéticos, gramaticais e onomásticos da lingua galega. Autor de varias obras sobre lingüística galega e secretario do Instituto da Lingua Galega (ILG), Regueira foi responsable de Os sons da lingua e do Dicionario de pronuncia da lingua galega. Dioivo aproveita a ocasión para realizarlle unha ampla entrevista.
O seu discurso tratará sobre a oralidade do galego. Que conclusións poderemos achar nel?
Os discursos de ingreso son protocolarios, van ligados a un acto formal. Realmente non se pode condensar nel grandes conclusións, pero pódense aproveitar para dicir unha serie de cousas. Neste caso concreto, podemos atopar unha serie de reflexións que van dende a oralidade primaria até a oralidade dos medios como a radio ou a televisión. E por outra banda, están todas as novas vías de comunicación na rede.
Como se comportaron estas vías de comunicación co galego?
Pois o galego foise incorporando dun xeito distinto a todas elas. Se botamos a vista atrás, temos que ter en conta que a radio apareceu en España nos anos trinta, aproximadamente coa II República. Daquela houbo algo de galego, segundo investigou Freixanes; pero non houbo sitio nas ondas para esta lingua até os setenta, cando morreu Franco. Despois, en 1985, apareceron a Radio Galega e a TVG; aí nacen os medios en galego. Só hai que mirar estas datas para ver que houbo un lapso de case sesenta anos até a incorporación do galego aos medios falados. Por outra banda, está internet e as redes sociais. Neste sentido, lembro que hai un ano saíu, creo que en Prolingua, un link que situaba o galego no número 22 das linguas máis empregadas en twitter. E antes, creo lembrar que alá polo 2001, saíra unha estatística que amosaba que a nosa lingua estaba no número de 37 na lista de idiomas con máis webs. Situarse no posto 22 e no 37 de 6.000 linguas que din que hai... Pois non está nada mal.
A incorporación do galego á rede foi a normal?
Foi normal, si. Pasou con total normalidade... Que o galego se metese no eido dos libros levou case 400 anos. E agora... estamos aquí. Xa sei que se pode dicir que é un medio con moitas amezas para unha lingua como o galego, pero tamén ten moitas oportunidades e a normalidade está aí. Hai ameazas, si. E unha morea de oportunidades? Tamén. Hainas que aproveitar. Por exemplo, hoxe resulta moi barato escribir algo na rede e antes, co papel, resultaba carísimo. Editar un libro ou lanzar un xornal precisaba dun gran investimento. E hoxe podes facer unha web onde colgar os teus traballos en galego e pode lelo todo o mundo en calquera parte do planeta. Cando antes publicabas en papel, até onde podías chegar? Ao barrio de Sar? Por outra banda, vivimos nun mundo globalizado. E nese contexto, a identidade cobra outro sentido máis relevante. Que tes ti de diferente? Que tes que te faga especial? Aquilo do cosmopolitismo doutrora xa non ten sentido, hoxe todos somos cosmopolitas. E, ademais de ser cosmopolita, tes que ter algo que te faga distinto do resto e que, ao tempo, te faga similar a outra xente. Antes, a xente descubría a súa galeguidade cando marchaba ao estranxeiro. Había que ir fóra!
A experiencia de Arredor de si...
Efectivamente. Nese momento, esa experiencia de Arredor de si era excepcional ou era dos emigrantes. Agora xa non. Agora todos estamos vivindo esa experiencia en cada momento. A identidade e a lingua fante recoñecible no mundo. Ademais, a lingua é un elemento esencial da identidade. Eu non entendo en moitas ocasións os discursos eses que din: Ai! É que este mundo é tan negativo e ameazante! Tan ameazante para a lingua!". Si, é ameazador, pero haberá que buscar o noso sitio, non?
Falou antes do ano 1985, do nacemento da RG e a TVG. A aparición do ente público foi un gran pulo para o galego?
Foi positivo por unha cuestión fundamental: converteuse en algo normal que houbese un telexornal no que un señor e unha señora falasen galego. Lembro que un antropólogo portugués, que estivera en Galicia facendo un traballo de campo, dixera que en Galicia era un lugar no que podías poñer a tele de madrugada e escoitar a John Wayne falando nun rigoroso galego normativo [Ri] Lembro toda aquela época e a verdade... Había reaccións sorprendentes. "Os indios falan galego!", dicían. Que eu saiba tampouco falaban castelán [Ri]. O galego non estaba neses contextos, non era unha lingua transparente, non se entendía como un mero código de transmisión. Vaia, que non era unha lingua neutra. Aceptábase esa categoría para o castelán e o inglés. Para o galego? Non. Iso foise gañando co tempo. O efecto que iso tivo sobre a fala? Pois é difícil de crer, pero a día de hoxe non hai ningún estudo que o analizase. Pasou o 25 aniversario da TVG e ninguén o analizou. Resulta urxente facelo, pero claro... Non hai quen o financie.
Foi sempre positivo o seu labor normalizador?
Os datos son contraditorios. É certo que hai xente que coñece léxico que antes non coñecía, é dicir xerou un coñecemento pasivo. Por outra banda, se miramos outros casos... Fixémonos na BBC. Leva setenta, oitenta anos emitindo e empregando o inglés estándar. Ese inglés só o fala entre o 9 e o 12% dos ingleses. O resto fala outras cousas. Están bombardeados constantemente por ese estándar do inglés dende a escola, pero falan doutro xeito. E fano porque as súas linguas din cousas que son necesarias para as relacións sociais. Eses códigos simbolizan a súa identidade. Iso demostra que o efecto dos medios sobre a lingua non é tan inmediato.
E se falamos do estándar e dos medios, lémbrome da xornalista, Lorena Pose, que empregou a gheada na TVG. Dende o ente recomendáranlle que non o fixese. Que lle pareceu?
Os medios de comunicación sempre transmiten a lingua estándar porque é a lingua, digamos, lexitimada ante a sociedade. Non obstante, iso non quere dicir que sexa mellor. Simplemente está lexitimada porque é a lingua baseada na fala do poder, das cortes, da clase media. Aparece nos medios de comunicación, no exército... En definitiva, ligada á vida pública. É a lingua que hai que falar para acceder ao poder. Acéptase socialmente, lexitímase socialmente como a lingua de todos, pero non o é. Que pasa no caso galego? Pois non hai unha burguesía, unha clase con poder que impoña un tipo de galego... De aí veñen moitos problemas que temos no estándar galego. Problemas como que, por exemplo, moita xente ve o estándar galego, sobre todo o oral, como demasiado popular, ligado ás clases baixas. Identifícase o galego coa clase baixa, cos traballadores, coa aldea e non coa burguesía do poder e do diñeiro, que fala noutro idioma. Eses prexuízos están aí. Ademais, produciuse na TVG un feito que foi o copiar os modelos informativos da TVE. Como facemos o informativo? Pois copiamos o que se fai na TVG... Realmente, seguimos instalados nunhas fronteiras mentais de que a TVG é unha televisión rexional española Non se ve como unha televisión galega. Non ten sentido que a TVG abra un día, por exemplo coa, caída dun muro que matou dous homes... en Huelva. Que ti non emites para Huelva!
Ou un día de folga xeral abrir o telexornal da noite coa suposta normalidade que se respira en Madrid.
Outro exemplo! Temos unha televisión concibida como unha delegación. E todo isto vén para reiterar que os medios transmiten unha lingua estándar, mais ten que haber unha flexibilidade coa fala. Por exemplo, na TVE hai xente que fala en andaluz. Non nos informativos, pero si noutros programas. E non pasa nada. E na TVG? Pois mira, na TVG non hai razón para que non haxa formas diferentes. É homoxéneo o galego? Non. No caso da gheada... É estándar? Non e non o é na medida en que nas situacións de maior formalidade non falamos con gheada, pero non vexo razón, non hai razón para que a gheada non se use na TVG ou na vida pública. Por que non? Xa houbo series como Mareas Vivas. O programa no que se empregou non era nin de informativos, era un de variedades ou, como moito, un informativo light. Mira, un ano antes eu participara nuns cursos cos xornalistas e neles participou Lorena Pose. E comentamos isto mesmo. Preguntáronme: Por que non a gheada? E eu respondín que agora mesmo non formaba parte do estándar, pero que se os que a empregan a usan en todos os rexistros, será estándar. Imos ver, Anxo Angueira fai recitais poéticos de Rosalía e Ferrín usando gheada e non perde absolutamente nada a poesía, todo o contrario! E eles respondéronme que a xente reaccionaría mal. Ao final eu lles dixen que se cadra non se podía facer nos informativos, pero si noutros programas... Agora, con esta historia non quero dicir que Lorena Pose falase con gheada por isto, pero foi curioso.. E ao final...
Dixéronlle amablemente que non o fixera...
Para min non ten sentido. Por que non? Realmente houbo protestas? Houbo protestas ou non? Ou simplemente é que houbo alguén alí dentro que dixo que era demasiado informal, demasiado galego ou algo así. Iso son prexuízos. Cal foi o problema? Falaba con gheada! E que pasa? Alguén non o entendeu? Temos unha concepción, herdada do español, moi ríxida coas linguas. Herdamos iso, éche unha mágoa. Penso que non debemos reproducir eses modelos retrógrados e restritivos e impositivos de linguas como o español, senón que temos a posibilidade de abrirlle o galego á xente. Non fagamos do galego un couto pechado.
Volvendo á RAG, 1ue papel ten pensado xogar na institución?
Iso irase vendo. Os retos da Academia... Máis que retos, son tarefas, son traballos. A RAG ten un papel bastante respectado.
Hai unhas semanas escoitamos a Ferrín agradecéndolle a Feijóo o seu traballo pola RAG, polos seus orzamentos. Sorprende, quizais, ese agradecemento co decreto da lingua...
Debe ser complicado manter planos distintos e separados. Representa unhas institución e hai uns deberes institucionais que hai que cumprir, independentemente de quen presida a Xunta ou o Parlamento. Debe ser unha relación cordial... Logo está o problema das políticas tan agresivas... E Ferrín soubo moi ben cumprir co seu deber. Parece que pasou un pouco aquela marea na que semellaba que todo ía quedar arrasado, esa época na que Gloria Lago,cunha asociación totalmente minoritaria, era recibida como unha dirixente en todas partes. Era incomprensible que unha persoa que dirixe unha asociación que era un grupiño de amigos impuxese a súa visión e levase a voz cantante nun eido de políticas de consensos básicos... Estamos a falar do Estatuto de Autonomía! Todo iso parece que foi minguando, pero realmente non se está a facer política lingüística ningunha.
Nin con Anxo Lorenzo nin con Valentín?
É o mesmo!Seguen as políticas de desnormalización lingüística. Dun xeito menos agresivo, pero seguen aí.
Volvendo á Academia. Despois da súa elección, xurdiu o manifesto do Xogo das Cadeiras polo cal se esixía maior presenza feminina na RAG. Falouse moito nos medios...
Realmente falouse en Xornal e Galicia Hoxe...
Si, pero o asunto chegou ao Parlamento. Quería preguntarlle a súa opinión, porque pouco despois de que ingrese oficialmente vostede, o plenario declarará a vacante de Isla Couto.
Hai unhas semanas estaba nunha reunión de doutoramentos en Filoloxía. Eramos doce e só dous eramos homes. O resto, mulleres. Agora aquí hai un decanato de tres mulleres e un home. E antes, un decanato de tres homes e unha muller. Iso é a normalidade. Ningunha desas mulleres nin homes están aí por cotas, gañaron esa praza. Penso que na RAG vai pasar iso tamén dentro de pouco... Vaia, dentro de pouco! Os tempos nas academias van lentos polo tema dos cargos vitalicios... Pero hai unha morea de escritoras, lingüistas, historiadoras que teñen méritos para estar alí. Iso irase normalizando. A min paréceme que a situación vai cambiar na Academia. Agora porque escollen este ou aquel? É parte do debate que se xera dentro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario