Hoxe é día de reivindicar. Día de reivindicar o galego como un dos principais bens comúns do país e das súas xentes, de reivindicalo como lingua que nos une ao pasado e ao porvir, de reivindicar a súa lexitimidade e a súa vixencia fronte ás insólitas agresións sofridas ao largo desta lexislatura que chega á súa fin preñada de incertezas e temores.
Mais hoxe é día tamén de festexar. Porque temos unha lingua milenaria que cruzou séculos e oceanos, unha lingua que é de noso ao tempo que nos serve como vehículo de comunicación internacional e que vive en cada un, en cada unha de nós, sen importar as fronteiras deseñadas neses mapas que ignoran que Galicia é un país espallado polo mundo e aberto á rosa dos ventos. Porque posuímos grandes exemplos –como Valentín Paz-Andrade, homenaxeado nesta data, ou Celso Emilio Ferreiro, de quen celebramos o centenario– de homes e mulleres que fixeron as nosas letras recuperaren o brillo que un día quixeron arrebatarnos. E porque só teremos futuro como pobo se aprendemos da nosa historia, que tenazmente demostra que só cando exercemos o orgullo do propio fomos capaces de unirnos para avanzar, de abrirnos ao mundo e de conquistar a esperanza dun mañá máis libre e máis próspero.
En fin, hoxe é día de reivindicar e de festexar, mais haberá un mañá. E mañá será día de vivir en galego con normalidade, de demostrar que os nosos desexos non habitan só no territorio dos soños, de xenerosamente recoñecernos en todos os proxectos (culturais, económicos, políticos, sociais e comunicativos) que contribúen a construír un país dono de si. Pois que o galego é lingua de liberdade e é tamén lingua plural onde cabemos todas as persoas que amamos esta terra.
Chegados a este punto, facemos nosas as palabras dos “Voares de esperanza” escritas por Agustín Fernández Paz e que fan parte do manifesto que hoxe será lido na manifestación nacional pola lingua convocada pola plataforma Queremos Galego:
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe– un país de emigración.
Os medios en galego, piar insubstituíble de calquera proxecto de futuro, merecen e precisan do apoio da cidadanía á cal doan o seu traballo
Antes de concluír, non podemos deixar de facer un chamamento a apoiar os medios en galego, piar insubstituíble de calquera proxecto de futuro. Estamos a vivir un ano de renacemento, marcado pola chegada de Praza Pública, Dioivo e Sermos Galiza, que veñen unirse a ducias de proxectos valorosamente erguidos e mantidos na web, nas ondas e no papel. Todos eses medios merecen e precisan do apoio da cidadanía á cal doan o seu traballo, como o merece a campaña Vitaminas para o galego, exemplo de unión en volta dun ideal compartido.
Que este 17 de maio abrolle a primeira flor das mil primaveras que han de vir, e que a súa semente se espalle para que o próximo floreza en cada praza, en cada rúa e en cada parroquia do país.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
xoves, 17 de maio de 2012
Reivindicar, festexar, vivir o galego
Editorial do dixital Praza. Bótanse en falta editoriais sentidos coma éste. Parabéns.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario