É moi común escoitar que hai linguas fáciles e linguas difíciles. Trátase dunha afirmación que cómpre matizar. En realidade non existen idiomas dotados dunhas características que os fagan máis fáciles ou máis difíciles que outros. O que si hai son diferentes distancias entre as diversas linguas.
Partindo do noso, o galego, seranos en xeral máis fácil aprender o italiano que o inglés, xa que o primeiro é máis próximo, no sentido de que, o mesmo que o galego, procede do latín; e o inglés é un pouco máis distante. Pero o inglés será máis fácil de aprender que o éuscaro, xa que inglés e galego proceden dun tronco común, o indoeuropeo, que os fai máis próximos, e a lingua dos vascos é un idioma preindoeuropeo, máis distante. E entre éuscaro e chinés, será máis fácil aprender o primeiro, co que compartimos o alfabeto e ao que nos une unha maior proximidade.
Quere isto dicir que o chinés é unha lingua difícil? Depende de para quen, depende da distancia. Para un falante de birmano o chinés resultará máis fácil de aprender que o galego, xa que birmano e chinés son linguas relativamente próximas, pertencentes á mesma familia sino-tibetana, e para eles o galego será un idioma máis distante.
Pero a proximidade ou distancia non son os únicos factores que entran e xogo. As ganas de aprender, o interese en facelo e a aproximación sen prexuízos a unha lingua pode facilitar moito a súa adquisición e acabar resultando un factor determinante, de moito maior peso que a distancia.
Na Universidade de Santiago hai moitos anos que lles aprendemos galego a estudantes non galegofalantes. E sempre me sorprende comprobar como ese criterio de distancia e proximidade pode superarse co interese, o esforzo e a falta de prexuízos. Só iso explica un fenómeno recorrente e curioso: que un estudante romanés ou checo ou turco ou nixeriano sexa quen de falar un galego case perfecto en moi pouco tempo e que, pola contra, algún estudante asturiano, ou leonés, ou mesmo galego que realiza idéntico curso, insista en que a nosa lingua lle resulta tan difícil que no la dá aprendido.
Páginas
Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego
domingo, 6 de maio de 2012
Linguas fáciles
por Manuel Núñez Singala, no Sermos Galiza:
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario