por Mariña Pérez, no Galicia Confidencial:
Porque non todos os mortos son iguais nin todas as necrolóxicas teñen o mesmo valor. Algo así debeu pensar Paz Andrade cando desobedeceu as normas ditadas polos franquistas co gallo da morte de Castelao: as novas sobre o pasamento do “separatista” debían darse a unha soa columna en páxinas interiores, sen destacar a personalidade política do falecido agás para dicir que fora errada e que esperaba a misericordia de Deus (sic). Por suposto, só se podía falar da súa faceta como debuxante e caricaturista. (Que pobreza de intelecto censor, pensar que o Castelao debuxante non tiña perigo ningún, total, unhas raias pintadas e catro caricaturas choqueiras…)
O señor Paz Andrade asumiu as súas responsabilidades. A ver quen o faría hoxe, se se desen as circunstancias. Publicouno en primeira páxina e a catro columnas. Por suposto, pecharon o suplemento de La Noche despois do seu artigo, iso nin se menciona, pero el xa honrara a memoria do seu amigo. Vivindo sempre coa censura sobre si, sufriu varios desterros. Requeixo da Queixa? Paisaxe pura. Algo frío de máis no inverno. Cando non lle deixaron asinar co seu nome buscou un pseudónimo e asinou artigos valentes que metían o dedo no ollo do censor. Non era nesa altura que o macartismo tamén peneiraba intelectuais de esquerda en América?
Época de censores descarnados que ven delito nas palabras “sempre”, “Galiza” ou “patria”, e sacan as tesoiras para limpar a sucidade do pobo, o excremento intelectual. Vímolo antes: lembro Cinema Paradiso onde se cortan materialmente todas as escenas que levan un bico ou unha carga de insinuación sexual -único futuro para tanto adolescente sen futuro-. Ou no rostro do censor-bombeiro en Farenheit 451. Eses terribles ollos sen fondo. Purga e limpeza étnica. Zweig, Brecht, Cervantes ou Curros. Tanto ten, porque os libros arden moi ben. O e-reader xa non. Engruña ante a labarada e aínda resiste dun xeito cómico. Non é igual que ver arder o papel en altas piras.
Hoxe en día podemos falar dun tipo de censura subliminar que se aplica a longo prazo: a censura programada e lenta da negación da formación, a da uniformización da ignorancia, a da antieducación. O Gran Irmán tamén pode ser precensor e augur: se non aprenden a ler, serán máis manipulables. Pero coidado! Hainos que aprenden a ler sos e moi ben. Case sempre acaban por ser suxeitos moi perigosos. O autodidactismo sempre trouxo de cabeza os totalitarismos. Haberá que confiar nos ollos do futuro, ter fe e calma, agardar se cadra un pouco máis polo señor Godot. Xa saben o conto coma min: “aforcarémonos mañá!”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario