editorial do Sermos Galiza:
Que o goberno galego faga valoración positiva dunha enquisa que sitúa a nosa lingua, por vez primeira na historia, por debaixo do 50% nos usos sociais é a demostración palpábel de que o idioma producido polos galegos e as galegas durante xeracións ten no executivo liderado por Feijóo o seu inimigo número un. Non deberiamos sorprendérmonos moito. En 2005, Feijóo alicerzou parte do seu asalto ao poder sobre a base dunha monstruosa falsificación: a de que na Galiza, e durante o breve período do goberno de coligazón PSdeG-BNG, se estaba a impor o galego. A operación de engano masivo tivo éxito porque a nosa sociedade é moi vulnerábel aos prexuízos contra a nosa lingua e éo non por acaso mais por levarmos soportado séculos de colonización e dun proceso que o españolismo chama agora bilingüismo harmónico, embora non sexa máis que un proceso de substitución do galego como lingua socialmente maioritaria polo español.
Ningunha sociedade renuncia porque si á súa propia lingua.
Nesas estamos, no medio dese proceso de colonización. Ningunha sociedade renuncia porque si á súa propia lingua. Se un idioma xerado por unha comunidade humana retrocede é sempre por imposición dunha lingua allea. Iso é o que ten acontecido na Galiza e iso é o que sucede agora.
Que facer? Nada podemos agardar da institucionalidade “autonómica” actual, pois ela é debedora dunha ideoloxía que, no mellor dos casos, nega o problema, e tenta naturalizar a inferioridade do galego na súa propia terra. A única opción é reforzarmos os movementos sociais que por abaixo (verbigratia Queremos Galego) laboran para que o galego se normalice de vez na Galiza, isto é, adquira o mesmo status que o castellano en Madrid, o francés en París ou o inglés en Londres. Sabemos que o que na historia se derramou, na historia tamén se pode restaurar e hai millentas experiencias por aí fóra que o demostran. Esa é a tarefa que a sociedade galega autoorganizada ten por diante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario