A poucas voltas que lle deamos, concluiremos que esta nova achega do IGE non revela moitas novidades con respecto ao xa coñecido sobre usos da lingua galega. A enquisa reducíase a tres preguntas:
- Cal é o seu coñecemento do galego? (Enténdeo, Fálao, Leo , Escríbeo)
- Cando usa o galego? ( Sempre,Nunca, Ás veces )
- Onde o usa? (pode marcar varias opcións) (En familia, Na escola, No traballo)
A polémica xurde da resposta á segunda pregunta, a do uso do galego. A nota da Consellería destaca que "aumenta o uso das persoas que se desenvolven habitualmente nas dúas linguas". Significa iso que hai máis xente que habitualmente fala en galego? Sería moi chocante que isto fose así pois outras enquisas moito máis completas, tanto do propio IGE como do Mapa Sociolingüístico de Galicia, revelan que a tendencia ao uso do galego é decrecente. Comentábase, por exemplo, que esta situación podía resumirse diciendo que cada hora o galego perde 3 falantes. Non podemos, xa que logo, botar foguetes porque un "89,1% da poboación usa o galego en maior ou menor medida na súa vida diaria" sen antes determinar se a medida de uso do galego é maior ou é menor, e todo apunta que realidade anda máis ben cuantificando ese uso á baixa.
Para comparar os datos ofrecidos estas semanas polo IGE con outra enquisa das mesmas característica temos que remitirnos a outra dese mesmo organismo do ano 2001. Quen elaborou unha excelente comparativa entre os datos obtidos no 2001 e os que se acaban de publicar do 2011 foi Carlos Neira, tanto en varias táboas, como en mapas como o seguinte:
Mapas de uso do galego 2001-2011 |
Baixo a luz destes resultados do IGE o primeiro que podemos concluir é que houbo unha baixada de uso do galego. Isto non pode estrañar a ninguén pois é unha tendencia que xa se viña detectando en anteriores estudos. Con toda seguridade esta baixada continúa despois do ano da enquisa (2011) pois a política lingüística dos últimos tempos con continuadas restricións de orzamentos e dereitos convertería unha mellora na saúde do galego nun feito digno dos anais dos máis respectables milagres do satuario de Lourdes. Cando a política lingüística non fai nada por facilitar o uso normal, e en todos os ámbitos, do galego, non podemos esperar outra cousa que a lingua fortalecida sexa o castelán. Se éste era o obxectivo da Xunta, fai moi ben en celebralo. Iso si, o que non debe facer é enganar ocultándonos a súa verdadeira pretensión pois iso é engadir a hipocrisía á mentira; e unha cousa é que nos tomen por parvos, pero que por enriba se rían de nós xa é maltrato.
A comprensión
No relativo á compresión do galego podemos facer un par de puntualizacións. É certo que prácticamente a totalidade da poboación galega, un 98,6%, entende a súa lingua [frase estraña ésta]. Entón, baixo que argumentos pode defender o goberno a negativa a garantirnos aos cidadáns o coñecemento do galego dos funcionarios públicos retirando a proba nesa lingua das oposicións? Eu só acho unha resposta, que o goberno de Feijóo pensa e ten máis en conta aos de Valdemoro que aos veciño de Forcarei cando toma este tipo de decisións. As consecuencias non se lle escapan a ninguén. Alén de ser unha medida de fomento da emigración é un obstáculo insalvable para normalizar os organismos públicos.
Nunha última reviravolta a Consellería de Educación felicítase a si mesma:
A pesar do incremento considerable da inmigración que se produciu entre os anos 2001 e 2011 (con 77410 persoas estranxeiras máis), a porcentaxe de poboación que declara saber falar o galego mantense practicamente nas mesmas porcentaxes neste período.
Gostaríame saber onde están eses programas de acollida lingüística que facilitaron ese presunto logro. Pois se resulta que os inmigrantes aprenden e falan galego a pesar de que todas as facilidades que lle ofrece a nosa estrutura social e económica son para favorecer a aprendizaxe e o uso na outra lingua teremos aproba irrefutable de que quen leva os asuntos da política lingüística non é Valentín García senón o Espírito Santo. Seguramente a divinidade, tendo conciencia da situación sociolingüística que temos por Galicia, concede con moita frecuencia o don de linguas aos inmigrantes que se achegan ás nosas terras. Velaí quen realmente dirixe os designios da política lingüística galega. Oremos, pois.
Para entreterse
- Censo de poboación e vivendas. Galego, IGE
- A Consellería de Cultura e Educación valora positivamente os últimos datos sobre o uso do galego difundidos polo Instituto Galego de Estatística, 13/10/14, Consellería de Educación
- El porcentaje de quienes hablan solo gallego cae trece puntos en diez años, 14/10/14, no Faro de Vigo
- O galego deixa de ser a lingua habitual da maioría da poboación, 14/10/14, Praza Pública
- Evolución no uso do galego por concellos, Praza Pública
- Hai remedio para o descenso no uso do galego?, 15/10/14, Praza Pública
- Mapa de Evolución de Uso do Galego, 2001-2011, táboas elaboradas por Carlos Neira
- Mapas de uso do galego 2001-2011, por Carlos Neira en Calidonia hibernia
- O IGE confirma que o galego non é a lingua habitual da maioría da poboación, 14/10/14, no Magazine Cultural Galego de Montse Dopico
Ningún comentario:
Publicar un comentario