Quero aplicar a miña ciencia á lingua para pintar a face do noso maior ben colectivo: o galego







mércores, 29 de outubro de 2014

Visión panorámica da literatura galegoasturiana (II)

por Xoán Barro, nas Voces de Prolingua:


Os catro inquedos mozos da Xeración de 1936 seguen utilizando a lingua do país na década de 1940, como facían autores nados a finais do XIX (Villar Loza, Mediante, Pedro G. Arias, Cesar Montaña Álvarez de Ron...), pero os condicionantes políticos e sociais de posguerra van cambiar o seu curso creativo. Sela e Fidalgo dedicaranse esporadicamente ao cultivo literario e Mejeras e Queipo, que falece moi novo, optarán maioritariamente polo castelán e mesmo, como fixeron tantos, asinando afervoadas loas ao réxime.
Durante os anos da Ditadura, dáse a coñecer Benjamín López González que, aínda que nado en 1918, en Boal, ofrece unha traxectoria independente do grupo xeneracional. A súa poesía, de corte popular, constitúe un verdadeiro retrato da vida local e comarcal dos anos cincuenta (as romarías, o fútbol, os traballos, o amor á terra...). O autor, que editaba en follas soltas as súas composicións, reuniu en 1960 varias delas no libriño Montañas de la costa Verde, que foi o título empregado en 1984 polos seus fillos para o volume onde escolmaron o conxunto da obra conservada, co gallo do seu vixésimo cabodano. Nesta época tamén coñecemos escritos de autores nados a finais do XIX, coma os de Ignacio Pérez González “Ignacio de Catalina” e os de Daniel Vargas Vidal, os dous relacionados coa vila de Tapia de Casarego.Coa chegada da democracia vai cambiar cuantitativa e cualitativamente a creatividade das terras situadas ao occidente de El Palo así como o coñecemento lingüístico das súas áreas dialectais. En 1980, por primeira vez nun texto escolar para toda Galicia e como representación dos escritores de Asturias, publicamos “A vida no eido” de Mediante n’As nosas letras 2 (Casals, Barcelona). Por este tempo tamén se intensifica a vida teatral cos sainetes do tapiego Manuel García “Galano”, o actual decano das letras galegoasturianas, que recollerá en volumes como Mareaxes tapiegos (Serviciu de Publicaciones del Principáu d’Asturies, 1993) ou Erguendo el telón (Secretaría Llingüística del Navia-Eo, 2000).En 1988 fúndase a Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca, que dá a coñecer en 1990 as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias, normas que utilizará na revista A Freita e nas súas coleccións literarias, xa con obras de feitío moderno, coma El xabaril que quería engalar e outros relatos (1991) de Francisco Xabier Frías Conde, Contos Populares da Terra Navia-Eo (1992), El serzo no louxado (1995) de Xosé Carlos Álvarez Blanco Contos á tardiquía (2000) de Adela Conde Valledor ou Debaxo de nabis, sapis (2002) de Quique de Roxíos, do que tomamos unha mostra da narración “A bruxa de Sampol”:A casa da adivía era grandúa e, como quedaba embaxo del camín, víanse as cuatro aguas del llouxado adornado por mofo vello que medraba na punta das llouxas. Nas portas grises de castañeiro centenario non faltaba úa cruz pintada de colorado coroada por úa ferradura de caballo. Xa sabemos que é el remedio máis efectivo contra el demo.Mais, ao tempo que parecía afianzarse dentro de Asturias unha literatura que, respectando o léxico e a morfosintaxe comarcal, propugnaba unha ortografía cos postulados da normativa vixente que elaboraran o ILG e a RAG, comeza a potenciarse outra que, ignorando a historia do galego, observa as falas occidentais a través da normativa da Academia de la Llingua Asturiana, institución que en 1996 publica o primeiro número d’Entrambasauguas. A Revista del Navia-Eo.E con este mesmo posicionamento xorde na Caridá a asociación cultural Xeira, que convoca en 1991 o primeiro Premio Xeira de Narracióis Curtias, arredor do cal se irá modernizando o discurso literario; igual que a través das coleccións creadas pola propia asociación, onde encontramos títulos de literatura popular coma Literatura de tradición oral nos Coutos (Ibias) (1999) de Fanny López Valledor, de narrativa coma Cua lluz prendida (2005) de Mª José Fraga ou de poesía coma Mourén de fondales (1996) de Fredo de Carbexe, autor galardoado na quinta edición do certame mencionado con “Llaboría de brao”, do que reproducimos un fragmento, tomado do libro, editado pola mesma asociación, Lletras novas. Úa década del Premio “Xeira” de Narracióis Curtias (A Caridá, 2000):Aquella tarde de brao era d’esas que ye fain a ún sentarse un bocadín buscando a solombra qu’acougue, un pouco el asouria de condo para el vento. Nun se vía úa nubre nel alto y el nordés del víspora deixara xa de soprar, y d’entre todo el vallegato sólo alló, nel alto del tombo, era unde s’axenegaban de ralo en ralo dalgúas canas.Deste xeito, a pesar de que ao longo do XX dominaran o costumismo e o localismo, cambiamos de século con moitos autores con esa fase superada, tanto os integrados de cheo no mundo literario de Galicia, como poden ser Frías Conde ou Eva Moreda (consúltense as respectivas entradas na Biblioteca Virtual Galega), coma aqueloutros que defenden o isolacionismo literario asturiano. Véxanse, como mostra para a poesía, os dez autores escolmados por Aurora García Rivas en Na boca de todos. Retrato actual del Occidente Asturiano (Concello da Veiga, 2006) ou poemarios coma Algunhas maos de Belén Rico Prieto (Trabe, Uviéu, 2012), no que se encadra o poema “A noite”:
A noite como cadela
mírame cos oyos abertos.
Os relustros que la encenden
prenden charamuzas
na mía cama.
Boto os pés fora,
esperando algún camín
entre tanta estrela.
Y atopo
a friaxe del tarrén.
Esta modernización á que facemos referencia encontrámola tamén no cultivo de novelas coma As razóis d’Anxélica de Aurora G. Rivas (Trabe, Uviéu, 2010) ou Vida maleva de Arturo Álvarez Fernández “Tangueiro” (Suburbia Ediciones, Xixón, 2013) ou en libros infantís coma Cinco contos pra xogar coa música de Aurora García Rivas (Trabe, Uviéu, 2007), Domingo y os animales de Belén Rico Prieto (Ediciones Nobel, Oviedo, 2008) ou Tiroliro de Alberto Calvín Corredoira (Asociación Cultural Os Castros, [Taramundi], 2013), ao que pertence esta estrofa:
Vin sobre a Pena do Encanto
volando dous peneireiros,
volando aló mui alto
cal se foran papaventos.
A pesar dos evidentes progresos e da vizosidade creativa actual, os dous posicionamentos en torno á “cuestión lingüística” citados teñen condicionado en exceso a libre circulación de obras e a valoración axeitada dos autores. O que se edita en Asturias apenas ten distribución en Galicia e viceversa. Incluso, a aceptación do que aparece no Principado está mediatizada, dentro deste territorio, polo modelo de lingua escrita que defenda cadaquén. Esta vontade de illamento mutuo mesmo nos pode sorprender cando observamos clamorosas ausencias de autores e obras en diferentes listas bibliografías relativas a lingua e á literatura galegoasturiana.A sintonía que reinou durante a maior parte do século XX, independentemente de que se utilizaran as falas comarcais, o galego común ou a confluencia de ambos, mudou a partir do establecemento das autonomías e da oficialización do galego nas catro provincias. De tal maneira, que, hoxe en día, por máis que os falantes de ambos os dous lados do Eo nos expresemos coas mesmas voces familiares, téndese desde diferentes estamentos a facer coincidir unha hipotética fronteira lingüístico-literaria coa administrativa e mesmo se chega a defender que o idioma que se fala no Chao de Abres é outro distinto ao que se utiliza en Trabada.Temos a miúdo a impresión de que continuamos potenciando o descoñecemento mutuo, de que certos sectores pretenden manter nun gueto a literatura dos dezaoito concellos eonaviegos e de que xa se considera demasiado logro a opcionalidade do estudo da “fala” nos centros escolares cando habería que pensar na oficialidade do galegoasturiano en todos os ámbitos. Todo isto, nuns tempos difíciles onde debería primar facérmonos visibles, colaborando e creando pontes, coa elegancia e a concordia suficientes como para asegurar que os xeitos de expresión de noso sigan sendo transmitidos polos tataranetos, vivan en Burón ou vivan en Ibias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario