por Henrique del Bosque Zapata, no Sermos Galiza:
Os datos aportados recentemente polo Instituto Galego de Estatística amosan un retroceso considerábel no emprego habitual do noso idioma e un proceso de substitución do mesmo favorábel ao español. Esta situación devén dunha política constante e insistente de eliminación de todos aqueles aspectos e elementos que configuran a nosa identidade coma pobo, sen esquencer que os mecanismos xurídicos e administrativos para acadar esta finalidade son centenarios.
Na procura de españolizar a sociedade galega non só as poderosas forzas institucionais ou mediáticas cumpren esta misión de destruír culturalmente ao noso país, senón que contan cunhas forzas de choque enormemente útiles á hora de converter a lingua e a cultura españolas en hexemónicas. Existen unha serie de grupos que disfrazados da defensa da liberdade lingüística levan adiante unha ofensiva radical e fanática, cruzada se atreveron a dicir, contra calqueira tentativa de avance no uso normalizado da lingua propia. Estes grupos que pola súa práctica e linguaxe, groseiras e insultantes, son incómodos coma compañeiros de foto na cotidianeidade política resultan, porén, instrumentos eficaces a modo de monicreques nun escenario no que os sectores españolistas hexemónicos elixen presentarse cun perfil máis civilizado e moderado aínda que compartindo os mesmos obxectivos. Examinemos, a seguir, algunhas das prácticas discursivas que estes grupos empregan na súa ofensiva contra o galego.
En primeiro termo reaccionan cunha belixerancia extrema contra calquera decisión que signifique protección institucional da lingua e cultura propias. Asimilando a nosa lingua a un produto de mercado critican a adopción de medidas que a poidan favorecer argumentando que a libre oferta e demanda no seu uso debe abondar para garantir o éxito ou fracaso da mesma. Mais unha lingua non ten os mesmos mecanismos de elección que unha marca de tabaco. De feito todas as comunidades nacionais do mundo artellan, ou procuran, medios e instrumentos para estabelecer a lingua oficial no seu territorio, o que conleva o dereito ao seu emprego, o deber do seu uso por parte de todas as institucións actuantes no seu ámbito territorial, así como o dereito a definir un modelo propio de política lingüística. Evidentemente esta belixerancia non se emprega contra o recoñecemento e promoción do español, o que evidencia a consideración desta última como a única merecedora de ser lingua oficial protexida e promocionada.
En segundo lugar teiman con que as linguas non teñen dereitos, que son as persoas quen os posúen. Concordo; os dereitos lingüísticos e a protección xurídica do ben que representan non precisan da necesidade do recoñecer a unha lingua coma titular de dereitos. Mais tamén sabemos que os dereitos lingüísticos, e os deberes a eles asociados, predícanse en función do pobo ou da nación que posúe este trazo significativo e distintivo, e por isto todos os países teñen linguas oficiais cun tratamento diferente do das linguas que poidan individualmente falar os seus habitantes. E se hai algo parecido a unha lingua á que se lle recoñecen dereitos, a única co privilexio de ser obrigatoriamente coñecida, esa é a española e abondando con ler o artigo 3º da Constitución española que a coloca nunha situación de superioridade con respecto ás demais linguas existentes e a todo uso que delas fagan os individuos pertencentes ás outras comunidades lingüísticas. O que defenden aquí é que só hai un pobo con capacidade para impór unha lingua oficial, o español, e o demáis terra conquistada.
En terceiro lugar, falar de liberdade lingüística cando historicamente o Estado español usou e usa de todo tipo de medios e instrumentos, tanto xurídico coma políticos para impór o predominio do español, medios que foron habitualmente coactivos e represivos, resulta cando menos ofensivo. Fálase de liberdade para agachar unha auténtica desigualdade creada por séculos de imposicións. A postura negacionista que manteñen da historia de prohibicións, sancións e persecucións á que foi sometido o noso idioma descalifícaos para ser interlocutores decentes nun proceso de deliberación pública. A xustiza non pode estar isolada da igualdade e unha comunidade lingüística tamén goza do dereito a estabelecer os mecanismos de compensación e corrección das desigualdades que padeceu e padece. O apartheid que propoñen a nivel educativo non deixa de ser unha outra mostra da pretensión de evitar que unha parte dos galegos medren sen coñecer o seu propio idioma, o que ningún país do mundo permitiría con respecto aos seus nacionais.
En cuarto lugar recorren aos supostos intereses económicos que se agachan detrás das actualmente inexistentes políticas normalizadoras. Pois ben, ao marxe de que a lingua sexa un elemento primordial da cultura, das ideas e da propia persoa, o que a convirte en condición e medio de bens xurídicos primarios, a súa posta en valor para alén do anteriormente mencionado proporciona a base expresiva de toda unha industria cultural (cine, literatura, teatro, música) que proporciona xeración de riqueza e da que ningún país con lingua propia prescinde. Cando eluden pronunciarse polos inxentes gastos de promoción da lingua e cultura españolas a través do Instituto Cervantes e doutras institucións públicas afíns, ou da importancia económica que a fundación “marca España” atribúe a súa lingua e patrimonio cultural e da que se gaba nos foros internacionais o propio monarca, o certo é que están a propugnar o desprezo e a incapacidade da nosa lingua e patrimonio cultural para presentarnos no mundo. Prexuízo etnicista e de mentalidade colonial que xa teñen amosado en diversas ocasións manifestando que a nosa lingua é impropia para expresar contidos científicos e que xa foi contestado con retranca por parte da comunidade científica galega no exterior.
A vella falcatruada de presentar a vítima coma verdugo, ao oprimido en opresor, ao agredido en agresor. Non, non inventan nada que non saibamos. Que renegar da nosa identidade deixe de facer parte do que somos é algo no que nos vai o futuro como pobo e non debemos escatimar folgos e pedagoxía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario